29 de mar. de 2016

META


"Lo difícil es detectar cuándo los tiempos no son buenos, cuándo la normalidad no es normal  y existen razones para coger el caballo alado y cortar la cabeza de una Medusa siempre despeinada y nuy necesitada de pasarse una liendrera. Razones para ponerse impertinente. Quizás es que los tiempos buenos no existen, son lugares quiméricos, y siempre hay que estar con el sable en alto"

Marta Sanz, Farándula


[...] na man que escribe ceibe
nos  muros da cidade,
diante da miña xente,
diante dos catro ventos
solemnemente proclamo
que 
esta vida quere outra

Manuel Rivas, O pobo da noite


Grazas por todo
Ata sempre










27 de mar. de 2016

ANTIPATÍA POLA ÉPICA

- "Daquela, o Paxaro Dodo afirmou: todos vencemos e todos merecemos un premio"
- Dime, Pierre, se a final ían gañar todos, por que fixeron unha carreira?- preguntou Annie. [...]
- Porque estaban mollados e querían correr para secar. Ademais, Alicia atópase nun mundo marabilloso no que nada ten sentido.
- E por que nada ten sentido?

(Santiago Lopo, A diagonal dos tolos)
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------


 É certo. O título desta entrada. Nunca puiden aturar o xénero épico. Fáiseme antipático, árido, tosco, aburrido e testosterónico:

Heroe arquetipicamente masculino a enfrontar dificultades tremendirmas e/ou a recuperar a honra perdida e/ou a mallar no inimijo en batallas eternas e/ou a conquistar territorios para o seu rei; porque ademais de machirulo, o heroe épico adoita ser bastante lambecús. Amais de mentirán e trampulleiro, sempre invocando a axuda divina e tal.
E as mulleres épicas? Májoa dan. Unhas que se dedican profesionalmante a ajardar polo seu heroe tecendo e destecendo, outras que "fican remanidas", outras que son “desondradas” e sofren coma cadelas... E as poucas que parece que o pasan ben, esas non valen para casar con elas, sonvos malas coma a peste.

Xa o disía a miña avoa. Foi unha jrandísima lectora, pero sempre disía que ela non lera Guerra e Paz. Lera Paz. As batallitas saltábaas. Quen as quere. Vale, Guerra e Paz non é épica, pero poño o exemplo para entendérmonos.

E diredes vós que por que me meto coa épica aquí no maquis.

Por aborrecemento. Porque hoxe en día non hai crónica dun ultra, mesmo de carreiras de distancia media, na que non aparesan os palabros “épico” e “heroe”.

Heroes de que? Tamos aparvados/as?

O verdadeiro heroe non desexaría ser tal. Hai pouco lin unha frase semellante a esta. Canta razón. O verdadeiro heroe non desexa ter que loitar por superar a adversidade. A desjrasia cébase nel, non é que el vaia buscala. Ou a obriga contraída. Ou aljo superior á súa vontade.

Para nós, que terá de heroico, por exemplo, roubarlle horas á familia para ir competir ao quinto carallo? (dispensanso) Heroico en todo caso será o papel que lle toca á outra parte da parella se ten que “ficar remanido/a” coidando dos cativos ou limpando a casa ou facendo os recados fin de semana si e fin de semana tamén mentres o seu / a súa churri, tan épico/a el/ela, se escaquea correndo tropecentos mil quilómetros por darse o justo para lojo coljar as fotos no feisbú. Non sei por que carallo poño isto de el/ela, épico/a, tendo en conta que son maioría aplastante as que “fican remanidas”. En fin. Deixémolo estar.

Heroico gastar un pastizal en inscricións, viaxes e material técnico? Non tanto como chejar a fin de mes para unha persoa desempregada, non?

Heroico levar a capacidade de resistencia ao límite por deporte, sofrer deshidratación, levar uns cortes, rozaduras? Que llelo conten á poboación siria ou aos milleiros de refuxiados amoreados en Turquía. Os que chejaron.
Foto Julio Flor

Teremos que lembrar que correr é unha afección coma outra calquera? É opcional para nós; alomenos para os cidadáns desta Europa mol e olvidadiza. Noutros tempos ou noutros continentes non foi, non é así. Mesmo nas portas de Europa non está sendo así. 

Recoméndovos moito ler A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo. A min amais de entreterme quitoume bastante de burra, que xa ten mérito. Deixo aquí uns fragmentos e castíjovos a pensar, que eu xa fixen a penitencia:

Os grandes mandatarios internacionais arranxaban o mundo facendo footing, mais ninguén se acordaba das outras carreiras que as súas guerras provocaban, as dos malpocados que bulían entre impactos de bombas para non se converteren en efectos colaterais, as dos sentenciados pola cámara en branco e negro dunha aeronave militar”

Correr. O ser humano racionalizara aquel comportamento animal. O instinto fora amestrado e amortizado baixo o nome de running. Varios ultratrails do mundo competían coa Diagonal para ver cal ofrecía o trazado máis esixente […] Carme non ignoraba que o reclamo dos blogs e de Youtube, e a posibilidade de erixirse en heroe de internet narrando unha fazaña, ofrecían un pastel moi saboroso aos organizadores e ás marcas deportivas, que aproveitaban a vaidade humana e o exhibicionismo para engrosar os superávits das multinacionais. O capitalismo vira o filón das macrocarreiras, fosen urbanas ou non”

Vainos directiño á liña de frotación, verdade?

Échenos moi ben aquelada esta frase de Aníbal Malvar:

O home, cando é consciente do seu propio aburrimento, convértese nun heroe en busca dunha causa.

E deixémonos de épicas. A durmir.




17 de mar. de 2016

PUTA ZORRA, DÍJOCHO POR ENFATIZAR

En serio. Moi equivocada estaba.

Porque hoxe souben que cando unha muller manifesta unha opinión distinta á dun home, é lícito que el argumente en contra nas redes sociais dedicándolle publicamente a expresión "puta zorra envexosa". 

Sabede que neste caso o "puta zorra" non é insulto, nin é sexismo, nin nada, senón recurso para enfatizar o adxectivo "envexosa", sen máis. Unha riqueza do idioma coma calqueroutra. A min explicoumo unha muller que de certo ha de ser máis nova ca min e unha grandísima experta (puta zorra experta?) en cuestións lingüísticas. De feito, comentou que se metía no debate para saír en defensa do castellano ("en defensa del castellano, no te confundas"). E non me confundirei logo, que eu o castelán inda volo vou entendendo, mesmo o máis putamente pechado e zorramente carpetovetónico.

Así que xa sabedes, mulleres. Houbo algún intre da vosas vidas en que un home vos chamase "puta" e/ou "zorra" ou o moi puta zorramente enfático "putazorrademierda"? Estas expresións sempre foron moi putísimazorramente escoitadas en certos contextos, pero iso era antes:
  • Antes, iso dicíallo un ex-mozo a unha muller que comezaba outra relación. Ás veces acompañábase a expresión con ameazas de romperlle a cara a alguén. Pero iso era antes. Hoxe as ameazas están en desuso.
  • Antes, iso dicíao un marido antes de empezar a mallar na súa muller. Pero iso era antes. Hoxe a violencia está en desuso.
  • Antes, iso dicíallo un tipo con ganas de rollo á muller que o rexeitaba, normalmente acompañado dun "calientapollas". Pero iso era antes. Hoxe acoso está en desuso.
  • Antes, iso dicíallo un home a unha muller cando ela opinaba ou actuaba dunha forma distinta á esperable. Pero iso era antes. Hoxe a descalificación sexista está en desuso.
Hoxe en día "puta zorra" é unha riqueza idiomática do castelán que hai que defender, preservar e empregar como termo enfático. Puramente enfático.


A ver se vos poñedes ao día, putas zorras anticuadas. Díjovolo por enfatizar.


8 de mar. de 2016

E LOJO TI VÉS SÓ ÁS CARREIRAS?

Poñamos que X é un corredor de montaña de recoñecido prestixio, varias veces campión a nivel nacional e campión do mundo de carreiras verticais. Hai uns meses foi pai por segunda vez. Poñamos que unha revista especializada colga na rede unha entrevista. Despois dun primeiro comentario obrigado sobre a proba máis recente na que participou, de seguida a entrevistadora chántalle esta cuestión:


Ahora vienes solo a las carreras. ¿por qué?
Ein? Ledes tal e frejades os ollos pensando que non pode ser certo, que isto non é un revisto de cotilleos, que é un medio serio e especializado, pero a prejunta está aí, referíndose en concreto a que a familia non acompaña o corredor como adoitaba facer. Ijual mesmo vos parese sentir que aljén rosma polo baixiño:“ui, a que andarás ti, campión de montaña... solo fané y escangallao te vi esta madrugada saír dun ultratrail”

E o bendito do atleta non soamente contestou á prejunta anterior, senón que ademais deixouse someter a outras inquisicións coma estas, as que reproducimos eiquí en cor azul:

Hablabas de la importancia de correr. ¿como de importante es en tu vida familiar?
Coma quen di: a quen queres máis, campión de montaña, a correr ou a ser papá? Non será que prefires un pouquechín máis o monte? Ein? Confesa!

Referíndose aos desprazamentos na temporada de competicións, espétanlle esta:

Una de las coas más duras será estar separado de tus hijos, ¿no?
Non, campión? É ou non é? Sofres e tes remorsos e sénteste un mal pai por afastarte da familia ou es un desalmado e impórtache todo un pemento?

Recollemos dous fragmentos máis doutra entrevista da mesma publicación:

¿Con dos hijos es más difícil compaginar todo o es lo mismo que con uno solo?
Revélanos o teu truco, campión de montaña, para compaxinar a paternidade cos podiums. É posible a conciliación?

E por último:

¿Qué les dirías a los padres que dudan si volver al deporte tras su paternidad?
Alto aí, quietos todos. Recapacitemos: pais que dubidan se deixar o deporte tras que? Estamos de coña?, prejuntarédesvos.

Efectivamente. Estabamos de coña. Un medio serio especializado nunca someteu a este interrogatorio a un campión do mundo.

Porque as preguntas foron tomadas de dúas entrevistas a Oihana Kortázar, campioa do mundo de carreiras verticais.

Feliz día da muller traballadora



Esta entrada vai dedicada a Priscila Suárez, que hoxe quedou fóra dos titulares  tras vencer no Trail polas Cabeceiras do Anllóns. 

Foto J. Ferreiro