Amosando publicacións coa etiqueta Suso Lista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Suso Lista. Amosar todas as publicacións

6 de dec. de 2015

MÁJOA DE LIMPAR OS PÉS

Xa sabía eu que hoxe ía pasar isto. En canto nos achejamos ao Roncudo e me deu por ajacharme e acariñar os seixos*, anticipei unha tristura estraña, mineral. Ijual chámase morriña, ou saudade, ou andrésdobarro, pero son bruta e díjolle májoa de limpar os pés. A cabesiña non dá, que queredes.

Foto Gerva

A cousa é coma cando eras cativa e pasabas un día deses de enmarcar, e lojo caías na conta de que caera o sol e era dominjo e escoitabas os comentaristas de fúmbol na radio e había aljo que che taba roendo na boca do estómajo, non sei se me explico. Devastasión.

 Foto Gerva

Pois así talmente. Tanto tempo había que non lixaba os pés con fundamento, que canto máis nos achejabamos hoxe ao final da ruta e canto máis cercana era a hora de deixar ese treito marabilloso da Costa da Morte e volver para a casa, máis jañas me entraban de meter os pés nun lameiro, de tocar as pedras, de refrejarme na terra ou de dar media volta e entrar nun bucle deses sen retorno, así como o final de O amor nos tempos do cólera, léstela? Como? Toma spolier para a xente nova e/ou con jrandes lajoas en lecturas básicas. Ala, a rañar. Dispensando.

Foto Gerva
Marina e Gerva

Pero non me deixei levar por tales apetensias (de refrejarme, enchouparme, dar volta, etc) , máis ca nada porque ía con Marina e Gervasio, e amais de que quedase feo e maleducado actuar coma unha posesa diante dos anfitrións, unha nunca sabe o que tal che pode faser a Marina, que ademais de ser a xefa dos trasnos do Camiño dos Faros, ajora évos mediática e sae na tele chimpando aos xornalistas contra as toxeiras así coma quen non quere a cousa, e con esa cariña de boa xente. É a hostia, a Marina. Hai probas. No minuto 25, anque eu de vós miraría o projrama enteiro, que non ten desperdisio.


Marina, a que botou ao Edu Soto ás toxeiras

Ta de moda o trasnerío, vistes? Non dan saído da tele: cando chejín o sábado aló a Niñóns, aquilo era un despliegue de cámaras jravando, xente verde, Traskiband en sesión dobre, determinasión de dotar o termo “resaca” de novos matices,  e jambóns, sobre todo moitos jambóns. Á brasa, que era o que lle daba o aquel de lembransa inesquesible á xuntansa, que inda o resendo o traía hoxe na bolsa da roupa esa que teño que ir meter na secadora e canta jalvana me dá, por favor. E ajora que o penso, iso de aí atrás era ultrasecreto e ajora xa vou dereitiña ás toxeiras por lercha.

Típicas cortadoras de patas de jambóns de Niñóns

Amais, toume dispersando, falo de jambóns e secadoras cando todo o mundo sabe que o tema do día era a májoa de limpar os pés. A májoa de chejar á casa cos pés enchoupados e ajuantar aquí escribindo sen cambiarme porque non me dá a jaña de recoñeser que volvín. Á casa. Pa o lerio este tíñavos jardada unha cita estupenda de María Reimóndez, que disía así en A música dos seres vivos: Ás veces o fogar é o lugar máis estraño ao que regresar. Canta rasón. Non tando na casa o meu fillo, ese que trajou un megáfono e todo o enche coa súa vos, e despois dunha camiñada polos cantís do Roncudo en boa compaña, declárome antiulises. Que Ítaca nin que hostias.

E isto por unha fin de semana na Costa da Morte. Non quero nin imaxinar como se sentirá o noso Rafita, ese que saíu hai dous anos e medio na bici, percorrreu medio mundo e volveu pra a Coruña. O efecto dominjo ha de ser cósmico. Buah, neno. 

Aquí, como xa non sei que máis disire, collo e chanto outra cita, coma quen sabe ler, esta de Chesterton. Nunca a sacaba porque tiña medo de que me visedes o plumeiro, e di así: Un loco de verdad es el que pierde el camino de regreso a su casa y nunca lo encuentra. Ains. Ajora xa o dixen. Pero mira, Chesterton non camiñaba polos faros nin estrañaba un fedello na casa. Nin voara na súa bici polo mundo. Que cale a boquiña Chesterton. E ánimo, Rafita. Hai moitos camiños para lixarse a fondo neles.

Con todo, tola e así, encontrei o camiño á casa. O retorno. Aquí tou, escribinco cos pés nejros, cajándome en todas as Ítacas do mundo e moqueando porque xa vou collendo un frío que nin dios, a verdade. Vaia estampa. Case mellor vou indo pra a ducha e tomo unha sopiña e mándovos durmir, que é dominjo podrido e hai que deitarse cedo e soñar que enchemos os pés de merda polo mundo adiante. Dispensando.

Foto Gerva



*Xeixos en cormelán, que o sei eu porque o dixo o Suso Lista.

21 de nov. de 2015

INSTRUCIÓNS PARA CORRER EN MORDOR

Cualquiera que viva un infierno durable o pasajero puede, para enfrentarse a él, recurrir a la técnica más gratificante de cuantas existen: contarse un cuento (Amelie Nothomb)

Ás veces soñamos que non chove (Suso Lista)

Aquí no meu barrio, dependendo da dirección do vento, ás veses respiramos o aire alcatreante da refinería e/ou da depuradora de augas residuais de Bens. Refinar e depurar, din, e soa ben, anque ulir moi ben non ole.

Cando saio correr, paso o Portiño e vou bordeando a depuradora até chejar á praia contaminada de Bens, cabo das chemineas. No percorrido vou centrando a vista no mar, fasendo un exercicio consciente de abstracción do fedor e da arquitectura industrial da outra beira do camiño.


Pero hai un tempo que o aire apodreceu. Inda máis. De un tempo para acó o aire antóllaseme irrespirable, tan cargado como vén de efluvios tóxicos. Hoxe sopran ventos de morte, terror, odio, ameazas, hipocrisía e manipulación.
Cando sentes que estás correndo en Mordor e sopran ventos difíciles, sería de moito avío reforzar o exercicio consciente de abstracción da fealdade contándote un conto. O malo que non teño imaxinación. Quen me dera coma Nothomb, u coma o Lista. Se polo menos fose crente rezaba, pero como son atea e non teño imaxinación, nin rezo, nin narro: cuspo. Para depurarme. A ver se me explico:


INSTRUCIÓNS PARA UN ENTRENAMENTO DEPURADOR

1. Botarse a correr coma perseguida por un exército de orcos, canto máis tempo mellor
2. Parar ao pé da depuradora

3. Pechar os ollos e invocar a Gandalf ata que a balsa da depuradora de Bens torne o abismo de Helm (si, frikis, xa sei que Helm non está en Mordor, pero é licenza)
4. Cuspir nel. No abismo. Pero non vale cuspir de calquera xeito. Antes tendes que visualizar todo aquilo que está empodrecendo o aire: logo, por cada unha das cousas que vos cheiren mal e que vos doan, por cada unha das cousas das que vos queredes desprender, indes xuntando cuspe a modiño a modiño ata formar un bo gargallo, e logo guindádelo do xeito máis explosivo posible.
Repetir esta operación tantas veces coma sexa necesario para depurarvos.
5. Seguir correndo. Ajora os orcos serán poucos e covardes. E seredes vós quen os persiga.
6. Estirar. Iso sempre, chavalada.

Heivos ilustrar o paso 4 da técnica co entreno que me saíu a min hai uns días:

EXEMPLO

  • Cuspir pola semana en que oito mulleres perderon a vida por violencia machista, cuspir por todas as semanas que viñeron antes, polos políticos disfrazados de progresitas que recortan fondos e/ou rexeitan propostas de prevención. Por aquelas persoas que defenden sobre o papel a igualdade mentres por acción ou por omisión, en xestos públicos ou privados, contribúen a que a metade da poboación continúe sendo obxecto potencial de violencia e acoso, que contribúe a que continúe en condicións reais de desigualdade, marxinalidade ou invisibilidade.
  • Cuspir por aqueles que manipulan e son manipulados ata o punto de embarcar nunha viaxe sen retorno ao terror. Cuspir polos que reaccionan ante o terror recorrendo á violencia; polos que alentan e difunden o odio xenófobo e a ansia de vinganza sanguenta. Cuspir polos políticos que oficialmente condenan os grupos terroristas mentres os fornecen de armamento fabricado en empresas nas que teñen intereses económicos. Cuspir polos que ridiculizan as propostas de solución ao conflito que non contemplen bombardeos.
  • Cuspir por aqueles que trafican coas vidas dos exiliados. Polas portas que lles pechamos nos nosos cómodos países demócratas occidentais.
  • Cuspir pola situación das mulleres, cuspir polas lapidacións, lategazos e condenas a morte ou cadea que agardan aos disidentes en países cuxos dirixentes manifestan manter estreitos lazos de amizade coas máis altas autoridades do noso. Van pelexar os nosos representantes para que o poeta Ashraf Fayad non sexa executado, por exemplo? Unha de tantas víctimas deste país tan modélico, que na ONU decidiron nomealo líder da comisión de dereitos humanos. Non é un chiste.
  • Cuspir polas voces que se alzan responsabilizando a sociedade civil deses países por non reaccionar con protestas contundentes que atallen os seus males... Cuspir, logo, por aqueles que non entenden que o medo silencia e paraliza. Igual que nos silencia, paraliza e confunde aquí a menor e máis mesquiña escala; e por iso, dúas cuspideiras menores como colofón, relacionadas coa estratexia do medo:
  • Cuspir polo cambio na intención de voto que conseguiu provocar o cacarexado discurso apocalíptico dunha segura nova recesión caso de non gobernar os de sempre, eses mesmos que defenden a capa e espada o sistema económico que orixinou tal recesión, da que ajora nos intentan convencer que saímos cos seus datos macroecómicos na man.
  • Cuspir polas veces que abaixamos a testa e calamos ante abusos, arbitrariedades e inxustizas soamente baixo incertas ameazas veladas de despidos, perda de poder adquisitivo ou dos escasos dereitos laborais que aínda fican en pé... (E aquí autocensúrome. Tempos serán chejados de recuperar a voz. Estade atentos. Bueno, quen queira). Cuspir por todas as ocasións en que nos intentan silenciar facendo valer abuso da autoridade, costumes revenidos devenidos normas, xénero ou presuposta conveniencia xeral.
    Ao final a cuspideira quedou cun aquel de ladaíña atea, en versión señora cabreada, maleducada e pouco feminina, así como vos somos as de esquerda. Quen lea isto e ademais lle engada mentalmente o calificativo “fea”, que saiba que queda inmediatamente integrado na primeira cuspideira.

    E por min máis que sejía, non haberá lotes de refujallos que botar ao abismo de Helm...pra deshidratarse. O que non había era tempo: tiña que voltar pra a casa a fume de caroso, porque son das que concilian cando lles deixan conciliar, que nunca se sabe cando é, ou se é legal, e non dou feito. Amais que ijual me mandaban un jarda por vándala cuspinte, ou un exorcista.

En fin, xentiña, anímovos moito a probar esta nova técnica de entreno depurador. Se tedes aljunha dúbida xa sabedes: aló estarei ao bordo do abismo pola banda de Bens. Prometo non cuspirvos. E ajora a durmire e soñar que non chove e que persejides orcos moi moi pequenos e covardes.





24 de ago. de 2015

O ENIGMA DO TRAIL LÍQUIDO E O ATAQUE DA MULLER CONJRO


La venganza más noble es el perdón
Hola, me llamo Íñigo de Montoya. Tú mataste a mi padre. Prepárate a morir.

A primeira frase, dilla Cantoná aparesido a Eric na peli de Ken Loach.

Tacheina porque a min non me falou aparesido Cantoná, que foi Santa Bea de Cotelo, e non me mandou perdoar nin hostias, que en Corme mesmo as santas sonvos doutro material, bravas e de moito máis jerrerío. Máis de Montoya na Princesa Prometida.

Isto vén a conto polo que tal me pasou nas duchas do pavillón polideportivo de Corme. Todo foi entrar a ducharme máis contenta ca unhas pascuas e saír rabeando con jañas de mallar en aljén, sede de mal e ansias de destrusión así en xeral.

Non mo tomar a mal, cormeláns, que non vai con vós. Tendes un pavillón moi digno e inda por riba non sei o que comeredes en Corme que – xa llo dixen a Bea de Cotelo no Biscuiteiro- sodes todos xente ben juapa. Han ser os persebes. Eu polo menos non os cato e claro, non teño can que me ladre. Nin sequera resén duchada. Non sempre rabeo eu, resén duchada. Onte aljo si, aí contra medio día.

Porque onte a mañá fora magnífica, que o saibades. Os cativos do Brigantia deberon traballar arreo para regalarnos un percorrido polas terras de Pondal que resultou un dos trails máis fermosos do mundo coñecido. E o mundo coñesido non acaba en Carballo, por moito que teime o Suso Lista (Lende Xeixos, landrús, e de paso comprobades cantas ideas lle rapinei ao Lista nesta entrada: un escándalo). Refírome á jalaxia como mínimo. De Carballo a un lado e un anaco máis aló.

Un rejalaso, xa nos primeiros quilómetros, as vistas dese cacho da Costa da Morte despois de ajatuñar por encostas de morte. Tamén que pouca jrasia teño. Non ler o de aí atrás. Outro rejalaso, pasar pola umbría Fonte da Moura, paraxe de belesa espectacular. Taba moi propio alí ajachadiño para quitarnos fotos o Iván. O mouro da fonte. Como tamén foi un luxazo correr pola contorna do Monte Branco e saudar ao noso bardo Aduardo, escuro enigma é el, seica. E será. Sempre faséndose o interesante, Aduardo.



Pero para enigma o da injravidés. Non mo creredes, pero onte era día de deixarse ir na carreira. Sen sobreesforzos, sen agonías, sen sobresaltos. Dábame a impresión de flotar. Anque lojo vin as fotos de Marina e desenganeime: ao meu lado as penitentes filipinas, a alejría da festa. Pero a procesión vai por dentro; eu sentíame flotar e calade a boca. Disiamos que todo paresía fluír mainiño e gozoso ao redor. Coma levada pola marea. Non sei por que. Ijual por ser unha das miñas zonas preferidas da jalaxia. Ou ijual porque na explicasión da saída escoiteille ao Quito disir aljo dunha “carreira líquida” e como son moi mandada, botei a nadar. “Avituallamento líquido”, era o que quería disir. Pero a min quedoume o outro. Bendita confusión. Aljunha ves pasouvos iso de sentirvos levados na auja mentres corredes? Non? Falade con Quito. É moi milajreiro. Mola. Traede manjitos prós cativos.

Eiquí servidora pola Fonte da Moura. Ben se ve que vou flotando. Foto Iván

Porque onte a mañá era líquida e magnífica, por se non o dixen; aló na praia da Hermida bailei unhas pezas con Mónica e con Blanca antes de botar a correr, e estaba case todo o CAS MONTAÑA, e deixáronme sacar a foto con eles, toda nejra e pequena e sen camiseta ofisial -un día destes bótanme-, e había moitos reencontros, e a jrandísima Almudena desta ves ía encargarse da jardería (non máis carreiras sen jardería!!! Non máis jarderías sen bombeira!!!), e Mijel Bernárdez volvía correr, e deixara de chover, e a terra era a pista de baile do ceo. Ou do mar. Non sei.

O noso presidente é o do dorsal 69, como ten que ser
Sufrimento extremo

Ata que chejou ela, a muller conjro, xurdida do fondo abisal. A muller conjro caracterízase por rexeitar calquera tipo de achejamento amistoso. Se un día topades con tal especime, nin se vos ocorra dirixirlle a palabra. E inda menos axudala. Como me pasou a min. É verídico. Levaba un rato detrás dela, freando. Nunca tal. Quero disir que nunca vou detrás de ninjén freando. Normalmente vou aló detrás ao fondo, e os penúltimos canto tempo hai que pasaron que xa non se lles ve, ou véselles moi piquiniños, e o escoba vai farto de escoitarme. Así que este día fasíame ilusión ir xusto detrás de aljén e faser pandilla e socializar e tal. Por iso, en ves de pedirlle paso, ocorréuseme soltarlle aljo como “Veña, arriba, dámoslle caña, rapasas?” Compañeirismo, bo rollito, eu que sei. Mal momento. “Odio que me animen”, respondeu rabiosa. Arre demo. Había preferir que a maldixese cuspindo no chan que pisaba berrando: Abrir camino, vosotros. Estoy en el sendero de guerra y va a subir el precio de los ataúdes. Isto é de Mark Twain, que eu non teño jrasia ninjunha.

Para quen era, érachelle ben mellor aquelada a frase. Pero calei, adiantei, e unha ves que deixei de escoitala -porque a tipa sejía rosmando por detrás canto odiaba que lle desen ánimos, que ijual iso tíñanllo que mirar-, sejín soa disfrutando de novo, deixándome ir nos tres últimos quilómetros, sentindo de novo esa paz que raramente encontras non sendo no monte, canto máis nunha carreira líquida. Quedeme y olvideme e tal, e non sei como foi que xa taba na meta.



Pero nunca subestimedes a saña dun conjro. Lende esta frase de Suso Lista: Cando adentaba, talmente coma o congro, nunca arriaba, esnaquizando con palabras e con feitos a súa vítima”. Talmente. O ataque da muller conjro chejou redobrado por sejunda ves, a traisón, especialmente virulento, no polideportivo. Cuspindo veleno. Non hai ducha nin mar que tal limpe. Tanta ruindade. Verborrea tóxica.

Saín envelenada, arruinada, intoxicada. Aí taba eu. Sentíndome a preada botada no mar da Hermida. Ajora o trail líquido corríase nos meus ollos. Cajoenrós. Sen saber por que, lisquei cara ao porto. Non quería ver xente. Precisaba un refuxio. Esquecer que pasara por diante da cova do conjro. E pasei por diante da casa de Bea de Cotelo, e alí taba ela, coma unha aparisión. Abriuse o seo. Santa Bea de Cotelo. Levoume, escoitoume, fíxome rir, beber e comer, falar de pasados e futuros, de decepcións e ilusións, de penas e alejrías, e ao despedirnos xa caera na conta de que nós somos das que comen os conjros con patacas ou crús se fai falta, e de que pese a todo, onte fora un día magnífico. Tan magnífico como a orjanisasión da carreira líquida polas terras de Pondal.

A punto de marchar, os enjados da furna chamaron por min. Pasei a area tornasolada de Osmo e deiteime no chan da furna para imaxinar a vida dun ser sempre hostil, sempre acazapado, ao axexo, a piques de atacar. E sentín májoa por el e por todos nós. Quizais nalgún intre todos fomos así. Quizais haxa un monstro abisal, un escuro enigma aniñado en cada un de nós teimando por saír.



Por iso ajora imos desfaser o prinsipio.

Hola, me llamo Íñigo de Montoya. Tú mataste a mi padre. Prepárate a morir.

La venganza más noble es el perdón

E que ben se perdoa despois de larjarlle unhas cantas parrafadas destas.


Toca mandarvos soñar cunha plácida corrente que vos transporta e así. Nun mar sen conjros se for posible. Se non, papádeos e deixádevos de hostias. É lei de vida. Non mo dixo Santa Bea de Cotelo, pero coma se mo dixese. Veña durmir. Iso si, ao monte traédeme todos a vosa parte máis niquelada se non queredes que ceibe ao meu Íñigo de Montoya. Palabra da conjra en potensia que levo dentro.

Santa Beíña de Cotelo de Corme

25 de xul. de 2015

O MUNDO DO REVÉS ou AJORA QUE FIXEN A PROBA, PREFIRO SER BRIJANTIO

Eu de verdade que mo contan e non dou creto. Ta mundo do revés. E ben reviradiño. Nunca tal se vira. No mo credes? Pois eí vai unha adiviña:

  • Poñamos que hai un trail. O 1º Brigantia Trail na Coruña
  • Poñamos que ao rematar a proba hai jaspacho, que vai unha calor que nin dios.
  • Poñamos que anda por aí Almudena Suárez, que acaba de chejar con sete medallas do World Police & Fire Games nos EEUU. Unha atleta impresionante.
  • Poñamos que ando eu por aí tamén.

A ver, adiviñade: quen lle serve o jaspacho a quen?

Almudena. O día do trail ía vestida normal,pero así impresiona máis.

Efectivamente, Almudena. E cun sorriso de orella a orella, así como é ela. O mundo do revés, talmente. A supermedallista atendendo o avituallamento final, e a tonta do bote papando no jaspacho. E ben que papei nel. Por deshidratasión, por verjoña ou por considerar aquilo un luxazo, ou un desperdicio, non sei. Tres ou catro vasos de jaspacho ben deberon caer. 

Birra tamén caeu aljunha (tou falando da post carreira, non vos confundir), pero esas foron pola cousa social, que me perde. É que aló no bar había un desfile interminable de coñecidos: os do trail curto, aljúns da orjanisasión, familiares, corredores do trail longo, e non sei se aljún despistado que pasaba por alí tamén, que isto de correr dispara as endorfinas e lojo enredas que dá justo. E botei ben máis tempo no bar que correndo, onde vai parar, que case pechamos o chiringuito a Mónica, o Cabañés mais servidora.

Porque na carreira moito non corrín tampouco. Pra as fotos, e non pra todas. Caer si que caín e sanjrín polas mans. Inda menos mal que non enfuciñei directamente. Tamén afojín coa sede. Por boba, por non levar bidón nin mochila Doradesbrosadora. Pa que, disía eu toda sobrada, se son 12 km cun avituallamento aí no 7 ou no 8... Pa que? Babeca. Soberbia. Idiota. Animal. A partir do km 5 soñaba con oasis reparadores, mananciais de augas cristalinas, fontes en deliciosas florestas umbrías e así. Do 6 en diante teríame conformado cunha tasca. Lojo ao ver a Raqueliña no toldo do avituallamento quíxenme postrar aos seus pés e renderlle pleitesía, pero como fun a un colexio de monxas barato son bastante maleducada e soamente dixen “Ei Raqueliña!” e trajei a auja con bastante ansia e escasa moderasión. Raqueliña, a raíña de Tamadaba, a gran montañeira, que lojo se incorporaría como escoba ao trail longo con Blas. E aló no medio da nada servíndome auja. O mundo do revés.

O avituallamento, retratado por Raquel


Nestas cavilasións sejía o camiño cando crin presenciar unha aparisión,. Sonvos moito de aparisións por deshidratasión, eu. Desta ves non era a Virxe da Barca, nin santo Hadriansiño de Malpica, nin Aduardo (Pondal) sequera, que tabamos nun trail periurbano sen faros, santos nin bardos. Foi a cousa que miraba eu para un cartel que disía: “trail curto” cunha frecha cara á esquerda e a piques taba de trochar monte arriba, mandadiña coma son, cando sentín unha vos falarme así: “por aí non, Rosiña, calamidá, non les que pon A VINTE METROS?” Erjín a ollada, e aí taba el, a vinte metros, a aparisión, o jran Mijel Bernárdez en persoa jiándome polo bo camiño, o mundo do revés, pero canta alejría, por dios! Ijual moita alejría el non levou de que lle dese aquela aperta tan jrande así suada como ía, non sei. Era por transmitirlle o meu apoio e a miña solidariedade pola inxustiza que sufriu como orjanisador do UTCF. (Cajo nas normas absurdas, cajo en Tráfico e a nai que os pariu). Anque ijual o que lle transmitín foi un cheiro a sobaquillo que nindios, dispensando. O caso que jrasias ao Mijel a esa altura da carreira non me perdín. Perdinme un anaco máis aló.

Mijel Bernárdez xa de volta na sivilisasión

Pero é que de verdá que me perde a cousa social, como vos disía antes. Enredei, fun enredando. Porque apareseu Marta, que se retiraba do trail longo. Eu con Marta cadrara no outono atendendo un lesionado mentres non chejaba a ambulansia nunha carreira de asfalto do meu barrio. Ben poucos corredores pararan nin sequera a prejuntar daquela. Cousas do asfalto. Ver unha persoa tirada no chan e non parar. Iso no monte non pasa. E se pasa, a quen non pare chimpámolo ao río. Son ese tipo de cousas as que nos fan amar o trail e fuxir do asfalto coma da peste... Como escribiu o Mark Twain: “Agora que fixen a proba, prefiro ser pirata”.

Momento saída
O de "cívico" é mentira podrida. Tan todos a monte. 
Os que se salvan son os escobas, en primeiro termo 
Foto de Ignacio Senín


Fotos Quito

En fin, como había moito que laretar, a Marta mais servidora sejimos a ritmo lesión con tanta tranquilidade e palabrerío que nunha destas corredoiras caimos na conta (caeu ela, eu vivo felis) de que nos faltaban as balisas, fíxate. E a conversa fora ben ajradable, fue bonito mientras duró pero nos estábamos haciendo daño, e tal. Media volta e arreando.

Conste: xúrovos que nunca un trail tan ben sinalizado houbo coma este. Cajoenros. Chejan a poñer fita continua e cen mil mijelesbernárdeces jiándonos e pérdome ijual. Que tan ben se me dá. Iso e os bares. Que o saibades. Bueno, xa o sabedes. De memoria. Que xa vos teño aborrecidos de vir sempre coa mesma cantilena, que se me perdo por aquí, que se non corro unha merda, que se tropezo con aquilo... Pero é a miña estratexia. Sacar a relocer as miserias. “As cousas malas, como as patacas, canto máis as enterras máis fortes van retoñar”. Díxoo Suso Lista, que é á literatura o que os brijantios son ao deporte, e non me discutir, que vos jindo un xeixo á cachola. E índeme lendo Xeixos, animais, que non vai ser todo correr.

Sijamos. Bueno, quen queira. Eu escribo outro cacho; vós se queredes ledes, e se non, sejuro que tedes cen mil cousas mellores que faser. Non dou imaxinado cales, pero aljunha ha de haber.

Tabamos dando media volta na procura das balisas. Alló nun cruce taba o pobre do escoba ajardando, que non lle debían cadrar as contas dos corredores. Meu rei. Sejuro que tamén é un atleta do copón, que ta o mundo do revés, non cansarei de repetilo. Moita envexa me daba o escoba. Non por intuilo atleta do copón, que para esas cousas sonvos máis de admirar que de rabear, e tamén mellor me é. Non. A min dábame envexa pola equipasión. Porque fora recollendo as balisas e tíñaas penduradas da mochila e ao correr aquilo dáballe un aire tan vaporoso que eu tamén quería. Xa imaxinaba faserme unha saia hawaiana coas fitas e entrar na meta toda tuneada, glamurosa e sobre todo tapando o cu, caso de haber fitas abondo. Ijual xuntando as do curto e as do longo alcansaban, non se sabe.

Outra de Ignacio Senín
Vou toda chinada sen saia hawaiana

En fin, fun rematando o percorrido e o rapás tamén aljo o debín rematar dándolle a brasa sejido. Fixen coma quen corría diante dun fotójrafo e canteille a de Carros de Fuego. Lojo xa case entrando saudei a Jana e a Priscila que taban de apoio, outro desperdisio, por favor, coma o Quito, que ta o mundo do revés, que dijo eu que eran eles os que tiñan que tar correndo e nós mirando por eles, que se mo chejan contar non dou creto, de verdá.

O mundo do revés, si... Pero sabedes unha cousa? Estes cativos do Brigantia orjanizaron o evento tan ben como corren, ou mellor aínda. O que non farán o 23 de agosto en Ponteceso xa con faros, santos e bardos (Aduardo mediante)? Vai ser de non crer.

Os brijantios recolleron todo nun pispás
Foto de Quito


PD: aquilo taba inzado de xente do CAS, que é o mellor equipo do mundo mundial. 
Se non o dijo lojo rifan comigo.
Aljúns CAS, Mónica e servidora, que disque son do CAS pero nunca compro a camiseta porque fai bandullo

Alejría!!!





6 de abr. de 2015

MONTE BRANCO TRAINING QUEEN E A PARVA DA BARDA

Teño o corasón contento porque despois desta sejunda etapa do Camiño dos Faros hei quedar por fin mundialmente consajrada como corredora extrema.

Todo comesou o sábado á tardiña cando en Ponteceso improvisei un adestramento de elite consistente en subir e baixar o Monte Branco con saia curta e botas de platamorfa tipo dancing queen. Pódovos disir que causei sensación na ruta pondaliana co meu estilismo e coa miña perisia en semellante exersisio de propiosepsión taconil.


Houbo quen me prejuntou se ao día sejinte pensaba faser os 27 quilómetros da etapa Niñóns-Ponteceso. Eu contestaba que si, e que correndo, e mirábanme aljo raro. Mesmo a xente coñesida tamén aljo raro me miraba pero era todo pura envexa, que ben vía eu a Daniel, Felipe e Quito e a un que non se chama Pablo, dijo que ben os vía a eses mirar con ollos celositos as miñas fantásticas platamorfas, quen llelas dera para entrenar. Ha! Monte Branco Training Queen fun por un día, brillaba máis có sol morrendo no mar. Menos que Marga, Beti e Bea de Cotelo. Moitirmo menos que Adrián Varela,  que nos guiaba, pero máis có sol, fixo. Que como disía xa morrera no mar.


E que ben baixei entre aqueles pelouros soltos. Cousa digna de ver. Con “pelouros soltos” conste que non me refiro aos envexosos de antes. Era expresión literal, non sei se me explico. O caso: inda fun quen de perfecsionar a técnica de baixada entre pelouros, xa de por si depurada. Iso foi cando Mari espetou que non o podía aturar máis e por iso deixoume un cortaventos e un pao ben jrande pa usar de bastón, que resultaron complementos divinos, que aí xa taba monísima a la par que superpro, o sea.



E fíxose noite e baixar tornaba empresa heroica e Chus ofresíame apoiarme nela e os cativos emboscábanse e imitaban alimañas para meternos medo, pero nin me apoiei nela nin mallei nos cativos co pau porque era de moito máis avío como báculo da miña desestabilisasión. Ajora, rapases, deixade que vos pille un día sen taconasos de competisión. Dispensando, Beti.

Lojo entremedias veu aquilo da lúa encarnada asomando sobre o malecón conforme nos achejábamos de volta a Ponteceso, e veu aquilo da hidratasión prolongada en plan supercompensación e veu aquilo do conserto da Traskiband e do aniversario de Ceci e do Daniel cantando e de bailar na porta do bar e de quedarmos ata o final o millor de cada casa, pero non vos quero aburrir coas rutinas típicas das corredoras revelasión.



Ao dominjo ijual si que chejei un pouquechiño sobreentrenada ou sobrehidratada ou as tres cousas, como diría Suso Lista, pero disimulei, que é o noso, o das atletísimas superextremas que adestramos platamorfamente polo bar e polo monte. Ademais daquela xa calzara as zapatillas. Rosas. Que menos.

E todo foi saír do primeiro trasnoautobús na igrexa de Niñóns os nove magníficos do Ultra Trail Camiño dos Faros Training Camp –dispensando-, amais de Mónica e servidora -independentes-, botarnos ao trote ata a praia e sacar unha foto do jrupo, que tamén foi o único momento en que cadramos os once. Porque a idea de Quito era empesar tranquilos para acabar con chispa pero a min deume máis por empesar tranquila e acabar senil, como fasemos as consajradas. E xa chejando á Barda rifei con eles por reajruparse e aviseinos ben avisados de que nunca máis, pero nunca máis ajardasen por min (májoa do pau da véspera para acirralos coma as vacas “pasaaaade, ultratrailtrainingcampers, ho) y a dios puse por testigo de que eu non me había perder polo camiño, que boa son eu.



De feito, nada máis perder o jrupo de vista, aproveitei para poñer en práctica un novidoso adestramento tamén inventado por min para a ocasión. Consiste en describir insistentemente numerosos aneis conséntricos arredor dun caseto, debuxando cos pasos un mandala infinito. Boísimo para a fortalesa mental tipo dar cera pulir cera e tal. Ao mesmo tempo, para potenciar a efestividade deste exercicio, ademais de respirar forte e traballosamente, hai que poñer cara de buscar frechas verdes e botar aljún xuramento. Caso de que esta rutina se vexa interrompida polos berros duns señores moi amables que tan paseando os cans pola praia, cómpre aprazar o adestramento e sejir o camiño que che están indicando, máis ca nada por non faserlles un feo, que as hipersupermegacorredoras xamais non perdemos, palabrita del niño jesús.

Ajora fasemos un inciso porque acaba de apareser un coro estilo traxedia grega con su solista (Suso Lista non, su-solista), que non é outro có mesmísimo Pondal resitándose a si mesmo -tuneado- e increpándome así:

por eso as boas xentes
pr' onde vagante vai,
ó ver o seu abandono,
din con admirasión:
parese un pino leixado do vento
parese botada do mar de Niñóns
(BIS)
(BIS)
(BIS)
(BIS)

Bueno Pondal, cálateme a boquiña e leva o coro faser mutis por aí. Prosma.

Fasédeme caso a min, que vos teño que contar que lojo, catro pasos máis adiante, ideei outro exercicio de propiosepsión deses tan recomendables. Atendede ben, que non ten desperdisio:

Trátase de acabar nunha cala de pelouros e ir saltando por eles con cara de pánico, así coma se te estiveses prejuntando onde carallo puxeron aquí a saída. Unha ves que choutaches por todos e cada un dos pelouros da cala en todas as direccións posibles e noutras tamén, daquela xa podes buscar o mesmo camiño polo que baixaras pa dar volta. Sen chorar. Caso de levar algúns metros subidos estilaso cuadrúpede e comprobar que tas no medio dunha toxeira, entón cómpre inisiar unha manobra de retroseso de xeito que acabes en pose de rá botándose á auja, en plano inclinado descendente sobre unha alfombra de espiñas de toxo (soa a reseita, non?), e deixarte levar de volta aos pelouros, coidando a dentamia se for posible. As espiñas interiorízanse como lembransa inesquecible, sobre todo as de debaixo das unllas. É a técnica chamada “A Parva da Barda”, en breve obrijada en sentros de alto rendemento. Májoa que non me gravasen, que empeso a coljar vídeos destes en youtube e me forro e me pide pasantías o Kilian.

Non sei se me dá medo,
 Se me dá compasión;
 Parese un pino leixado do vento, 
Parese botada do mar de Niñons. 

Isto de aí atrás é un boicot clarísimo que me está a faser o coro pondaliano por mandarlles calar antes. E non o cantan con asento de Cai, como as chirigotas? Moi empoleirado vexo ao Aduardo, ha de ser porque xoja na casa. Non lles faser caso ninjún.

O que disía: de aí en diante sejín depurando a técnica e a consentrasión, sobre todo cando chejando ao Roncudo me alcansou o Alex de Laracha, que non corría. Májoa tamén aí do pau para jindarllo á cachola, cajoenros. Dito desde o afecto e o compañeirismo

Roubada eiquí: http://www.caminodosfaros.com/faro-roncudo/

Ajora ben, que tan mal me pareseu chejar ao Roncudo e non ver ao Suso Lista. Quen quere faser a sejunda etapa dos faros e non escoitalo? Persebedes? Que sentido faser o camiño a todo meter e chejar tan cedo? E o concello, que menos que meterlle no faro unha pantalla de plasma tipo Rajoy -dispensando- cunha jravasión? Faséndelle aljo interactivo aí en Corme, eu que sei, poñede en valor o voso, o Suso, o persebe, cultura empresarial, un merchadising, aljo, vendede souvenirs en forma de persebes que os acendas e saia a cara de Suso Lista falando. A min jústacheme ben máis có Pondal e mira o que tal liaron en Ponteceso con fitos e a ruta e a fundasión e todo. Lojo non vos queixar.

Non me quedou outra que rapinarlle a foto ao Amboade. O que tal me perdín. Non volvo correr.

Xa lojo superada a desepsión, Mónica -a do nocello escordado-, mais eu fomos desenvolvendo unha estratexia consistente, como ela ben expresou, en enredar en canta silva, toxo e taberna encontramos polo camiño. A primeira taba en Corme. Parese que non era día de Levantada (o que non se cosque que lea Salseiros) que taba a xente toda de terraseo e non vimos nijén carrexando barcos cara ao Petón, e moita májoa me deu iso tamén, que ten que quedar ben autonómico e pintoresco, palabros do jran Lista. Ajora ben, a tónica a auja e o aquarius entraron de marabilla e máis había de entrar porque atalarora (díxeno!!!!) petaba a calor dunha maneira que tornaramos xurelas lañadas por mor do salitre mailo sol.

Eí vén outra ves o coro pondaliano, xa tardaban:

Por eso eu á min mesma, 
Non me conozo, non;
E escraman os caminos 
Mesmos por onde vou: 
Parece un pino leixado do vento,
 Parece botada do mar de Niñóns. 

Non lles faser caso, de verdá. Fasede coma quen non oe nada, que se non é pior.

En fin... Pasando pola praia de Osmo tentoume protestar escribíndolles cun jarabullo na area unha frase de pura provocasión, aljo así como “que pasa no Roncudo, que non atenden?”, por ver se o Lista tiña narices de quitarlle unha foto desas del, pero xa a Mónica a do nocello escordado ía diante, e había que sejir, así que fomos tirando e cantando con jrandísima alejría “perdona a tu pueblo señor” e “no podemos caminar cansadas bajo el sol”, cantigas de moita festa e repichoca. E chejando a Valarés apareseu o Quito, o do ultra mega training camp, fasendo o camiño de volta e eu saudeino amablemente pero tamén estrañei moito o meu pausiño de zoscar porque ás veses rabeo do tan mal repartido que ta o mundo. O Quito de volta, o Felipe bañándose na praia... Tanto rabeamos que houbo que parar aló tamén no bar de Valarés para esquecerse da vida, do universo, dos ultras e de Corme; pero tamén vaia desjrasia que xa temos eiquí outra ves a Pondal, ajora cuns mariachis botándolle unha rancherita aos nove magníficos, ándele:

Quen poidera vivir coma eles, 
Ñas prayás e bancos, 
Nos baixos e fumas, 
Ñas sirtes e fachos, 
Nos seos esquivos
Dos teros peñascos

Ajora si, ben cantado, Pondal. Os rapases teñen mérito, aljúns deles finishers dos faros 2014. 203 quilómetros. Ajora que se desta edisión do 2015 sejen as miñas directrises e adestran de taconaso, díjovos eu que os 203 quilómetros fanos levitando.

Levitar o que é levitar, nós as dúas moito non levitabamos polas dunas do Monte Branco, non sendo en chejando a Ponteceso xa diante dunha tapiña e dunha clara, compartindo mesa con Miguel Bernárdez, o aparesido, e Roberto, un dos nove magníficos.

A eles, os magníficos ultra training campers, dispensando, levoulles unhas catro horas a etapa, creo. A Mónica, a do nocello escordado, mais servidora, non vos penso disir na vida canto nos levou, porque as supermegacorredoras extremas é o que temos, que xuramos jardar o sejredo profesional. Así me ameacedes con quitarme as platamorfas de competisión, non volo dijo. E pasade para a cama, non teña que sacar o pau. Que son horas.

Parece un pino leixado do vento,
 Parece botada do mar de Niñóns.

Para a cama todo dios, Aduardo, non cho están disindo?
A chavalada tamén.