Amosando publicacións coa etiqueta Teresa Moure. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teresa Moure. Amosar todas as publicacións

3 de mar. de 2015

A VELLA REPUNANTE E O TRAIL DO ANLLÓNS

Si había algo que yo sabía hacer por mi cuenta era equivocarme*.


Había unha vez un grupo de xente que traballaba con ilusión de promover a participación da veciñanza en actividades deportivas e inculcar valores como o compañeirismo, a igualdade, a solidariedade, o respecto polo medio ambiente, a defensa da terra e das tradicións locais. Eran o club Ciclista Laracha en Dúas Rodas e a súa irmá montañeira, Laracha en Dous Pés, todo un referente non soamente no ámbito local polo seu labor no día a día, senón tamén para os foráneos que atrae aos seus eventos estrela: a Pedalada e Andaina Solidaria e o Trail e Andaina polas Cabeceiras do Anllóns.



Había unha vez una señora baixiña que andaba de moi malísima ostia porque taba presa da dor nos xeonllos e non podía darse ao seu visio de trotar polo monte. Non se sabía se lle doían porque a medida que se fasía maior ía levedando e as pernas non termaban daquel bazuncho, ou se empezaron a doerlle antes e por pouco trotar acabou levedando: que foi antes, o ovo ou a jaliña? É ijual; o caso: tornou vella repunante.

E houbo un día en que a vella repunante, fozando no facebook, leu no evento do Trail do Anllóns un comentario que lle soou raro. E fixo o que fan as vellas repunantes: encabuxarse, rifar e defender os seus argumentos coa ousadía propia dun sindicalista do metal*, que digo eu se non lle tería sido mellor quedar calada, por unha vez e para variar, porque unha cousa é razoar e outra é poñerse coma unha hidra, que será boísimo para desfojar pero logo veñen os remorsos.

E si, tedes razón, a vella repunante dos remorsos era eu, vale? Quítame de aí as terceiras persoas. Os de Laracha en Dúas Rodas / Dous Pés si que son eles. As themselves, no reparto.

E despois dos rifirafes e dos quítame de aí esas pallas (dispensando), veu a paz e a promesa de acudir ao evento e de entrar de última en meta. Acudir era empresa difícil por aquilo da conciliación e da prejiza inherente ao meu natural; entrar de última era o esperable. E xa bastante sería que non me embreasen, emplumasen e chimpasen ao río por rallante, o que facemos por moito menos no lugar de onde eu veño.

Chejou o día e non, non había hordas esperando para linchar a ninjén. Había, si, unha Quirina arrefriada e un Palote desabrigado porque disque así corre a fume de caroso, para espaventar o frío, e debe ser certo porque entrou décimo. Xa sabedes, a despelotarse. Había tamén unha Fátima, un Grinch, un David, un Pedro, un Pablo, un Abu, un Javi e un Carlos do CAS, o clube da camiseta que fai bandullo a quen non o ten, por moito que o neguen.

Foto propiedade do Grinch, anque el tamén sae

Había tamén unha Priscila e unha Jana radiantes, que sempre as ves chejar ás carreiras cun aire tan feliz coma se fose o primeiro día que as deixasen saír de noite, que o deben pasar bomba voando polo monte. Primeira e segunda no podium con tempazos, unhas fenómenas.

E alí no medio dos catrocentos e pico que se xuntaron taba servidora rezando por non romper no intento. Botaron o fojete (literalmente, opa Laracha!) de saída e nos primeiros quilómetros todo foron risas e brincadeiras. “E falta moito?” E cando chejamos?” Paramos nun bar ajora que inda tamos cerca?” “Que juapo vas co tutú!!!” e así, o típico. Ao meu ritmo trautor as subidas eran das de non afojar por completo, as trepadas con cordas taban moi entretidas (nunha presenteime ao Roi que xa non levaba o tutú, lástima) e a chejada ao primeiro avituallamento ao son da gaita foi marabillosa. Alí puiden parolar un cacho con Juan Canedo e outra moza da organización e comentar “daquilo”. É o bo de ser unha manta, que non che importa enredar nos avituallamentos porque total, vas facer un tempo de merda igual. Quedaba alí de boa gana, pero tampouco era plan, así que seguín trotando costa abaixo e de aló a un cacho, avanzando sumida nos meus pensamentos (caso de eu telos) tropecei cuns que viñan de volta porque se perderan, e así foi como souben que eu tamén me perdera, porque mo dixeron eles, e tamén fai falta ser burra, que a sinalización era perfecta. E é outra incidencia desas que tampouco me molesta, porque coñeces sitios –e xente perdida- pero máis práctico é ir polo rego, tamén é certo. E nestas apareceron o Grinch e Fátima, ela toda simpática e amable, el todo chinado por terse perdido –ese vai faser un vello ben repunante, dígovolo eu- e fixemos xuntos a subida por unha especie de parede de barro que mesmo paresía que ías caer de costas e Fátima non quería morrer e a min paresíame que como sitio para morrer estaba ben bonito e así xa quedou ela máis conforme.

Outra do Grinch

Lojo xa viñeron aqueles lameiros interminables deses que perdes as zapas neles e tes que meter a man para rescatalas e volvelas calzar, e os charcos tipo piscina olímpica, e os camiños-regachos e todo era húmido, lamacento, pegañento e esvaradío –isto é trail, neno!- e préstase moito a maldicir e no meu caso, como nacín meducas, a andar tan despacio que aburre verme. Porque vale que unha sexa partidaria de correr unicamente para disfrutar, vale que non esteas polo sacrificio, pero un pouquechiño de espabilasión tampouco non me habería de vir mal. Digo. Certo que intentei poñer en práctica unha estratexia para aselerar un anaquiño, que consitía en imaxinar que de tanto mergullar as zapas nos lameiros seguro que me entrara algunha miñoca, e como me dan tanto noxo había de saír correndo escopetada, pero moi vividamente non o debín imaxinar, porque aquilo era puro ralentí e inda por riba xa empesaban a protestar os xeonllos, os cadrís, as cadeiras e a cabesiña, que me fasía sentir como en traballos forsados - unha de ferro arrastro, rouca cadea, castigo atroz do meu erro. Tan férrea e rouca, que chejada ao sejundo e derradeiro avituallamento, decidín en firme que eu de alí non me movía, pero cando apareceu o corredor escoba cunha parella e me soltou aquilo de “pero muller, unha vez aquí, o bonito é rematar”, deille a razón. Non sabía o que disía, pobre rapaz. Alex. Tempo tivemos para falar largo e tendido, abofé: tanto me doía o corpiño que camiñaba, camiñaba, camiñaba, e cando me sentía culpable por el, que taría perdendo de tomarlle o vermú cos colegas pola miña culpa, daquela trotaba un anaquiño pero logo tiña que camiñar porque por el tería pena, pero polos pinchazos que me mandaban as pernas, terror. E así foi como me fun arrastrando traballosamente polo treito máis corrible, que tamén vaia calamidá. E que gran persoa, o Alex. Grande como o resto da organización, os que alí estaban na meta: Roi, que entrou da man comigo; Gerardo, que me recibiu tan amablemente; Lito, que me regalou o dossier da asociación e me comentou a súa liña de traballo; Canedo, co seu apoio…Todos e cada un deles merecen a nosa admiración polo seu esforzo para conseguir que amemos esas terras do Anllóns nunha cita aberta a todas as persoas que corremos, trotamos, camiñamos ou nos arrastramos…mesmo as vellas máis repunantes.

Foto roubada á organización

E colorín colorado, que mañá hai que traballar. Pasade para a cama.

* Carlos Salem
*Teresa Moure
* Quen vai ser, ho? Pondal!!!


10 de set. de 2014

QUEDADA ONDE O CARLINHOS E O MÁIKEL ESCOITAN O VENTO (MEIRÁS)



Así bautizou Blas o evento do sábado 6 de setembro por terras ártabras e así quedoulle. E prohibido abreviar, oístes? Para referirse ao que tal fixemos o outro día entre punta Polanski (sic) e Ponzos cómpre empregar todas e cada unha das verbas, que eiquí, ademais de aparentar ser traileros, ultratraileros, maquis e cabras, sómosvos poetas de casa de fartura –eu polo menos tou botando bandullo de arte maior, como diría Orejudo- e cando titulamos un evento fasémolo ao jrande e deixámonos das mexericadas esas das siglas, por que a ver, que UTMB, nin que CCC, nin que GTP, nin que C3PO nin que R2D2 (¿) nin que farrapo de jaita. Me explico? Quedada onde o Carlinhos e o Máikel escoitan o vento, contra! Un nome con fundamento para pronunciármolo a viva voz, sen avésporas na linjua, e se fai falta repetímolo tres veses, así talmente como Sinué o exipsio marmurando NeferNeferNefer de tanto como lle gorentaba, pero aló de Meirás a un lado.





E como dixo Teresa Moure, “os acontecementos infrecuentes, pola súa propia calidade de alleos ao hábito, de desaforados, de libres de toda convención, merecen sempre atención singular”. Ben falado, Teresa Moure. E mirade, xa me estou quentando, cajonojlorio, que o que tal fixemos o sábado en Meirás tanta atensión sinjular merese que xa nin me cheja o título de Blas así sen máis, que isto pide un aljo... non sei, un subtítulo en condisións. Que menos. Aí o vai:

(TÍTULO)
Quedada onde o Carlinhos e o Máikel escoitan o vento (Meirás) ou…

(SUBTÍTULO)
…De como por primeira ves fomos testemuñas do lixeiro porte de gaselas de Rakeliña e Edu, tiembla, Tamadaba; de como o neno Tomás voou máis de 20 km polas sendas ártabras, que era digno de ver nas baixadas, Felipe, vaite retirando; 
de como Blanca estreou no proceloso mundo do trail o seu pequeno pasaxeiro, ou mellor pasaxeira, e se lle chaman Rosita eu rejálolle unhas zapas como as miñas, prometido; 
de como Bea, a trasna dos piñeirais sombrizos, superou as molestias que arrastraba desde o trail nocturno do Vixiador, GMTA; 
de como percorrendo os cantís de Meirás Nacho debeu escoitar aljo inspirador no vento e decidiu inscribirse na tan esperada proba Ancares 3Trails; 
de como todo este grupo foi obsequiado coa labor de sherpa de Blas, gran montañeiro e compoñedor de títulos; 
de como (e ajora van os pros dos trinta e tantos km) por fin descubrimos o segredo do sorriso esplendoroso de Almudena, que é xogar a perseguir soños e atrapalos ben atrapados así coma quen non quere a cousa co mesmo paso firme e coa mesma alegría con que adoitamos vela alonxarse monte arriba; 
de como comprobamos que o Jabalí e o Felipe non quedaron máis taladrados do habitual despois da intensa experiencia dos 203 km do Camiño dos Faros; 
de como estes  últimos botaron a correr a todo filispín con Luis, Alberto, Xosé, Javier, Ezeq, Paco, Antonio, Iago, Fede, Ramiro, Repoliño, Máikel, Dani, un rapás deljadiño do CAS (vaille quedar, e todo por desmemoriada) e o noso anfitrión Carlinhos de Souto e de como nunca máis se soubo deles, un misterio; 
de como lojo aló nun alto onde cadramos con Almudena apareseu tamén unha manda de nachos suados, cheos de merda e consumidiños de todo e hai que disir que aljo si que lles imitaban na roupa aos nosos, pero non eran eles, que eran zombies e cheiraban a búfalo; 
de como os zombies suados nos pediron retratarse con nós e aceptamos por non faserlles un feo, que diso xa padesía dabondo esa pobre xentiña; 
de como ao chejarmos ao final de percorrido xa foron aparesendo os pros perdidos, que por moito que teimen en declarar trinta e tantos km de ruta, pa min que botaron media mañá foljando na praia, aseaditos como viñan; 
de como nos recibiu a nosa queridísima anfitrioa Loli, cada día máis juapa, e do impresentables que fomos botándonos con aquela ansia ás cervexas frías sen mesura ningunha; 
de como compartimos con ela e cos seus amigos, con Beti, Aroa e María un xantar delicioso no xardín, ou un xantar no xardín das delicias, non sei; 
de como botamos a tarde  rindo e parolando e chejando ao fondo dos asuntos e das botellas, como ben dixo o Máikel, porque como vos disía antes, sómosvos de casa de fartura; 
de como, consecuentemente, tornamos bocoisiños, que ao rematar a velada menos mal que non había que correr máis, que como moito habiamos dar para arrolar monte abaixo empurrándonos cun jarabullo; 
e de como informamos xentilmente aos nosos anfitrións que de ajora en diante, cada primeira fin de semana de setembro, han sufrir unha invasión allea ao hábito e libre de toda convención por parte dunha mesnada desaforada e cheirenta aló na súa casa en Meirás, onde o Carlinhos e o Maikel escoitan o vento.





Aló foi o subtítulo. Máis non escribo porque o corpo do relato xa nolo obsequiou a véspera Jabalí o da avéspora na linjua, non volo perdades, que o deixou niquelado. Un momento, que lle roubo unha foto e xa acabamos. Velaí a vai: