Amosando publicacións coa etiqueta carreiras polo monte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta carreiras polo monte. Amosar todas as publicacións

24 de ago. de 2015

O ENIGMA DO TRAIL LÍQUIDO E O ATAQUE DA MULLER CONJRO


La venganza más noble es el perdón
Hola, me llamo Íñigo de Montoya. Tú mataste a mi padre. Prepárate a morir.

A primeira frase, dilla Cantoná aparesido a Eric na peli de Ken Loach.

Tacheina porque a min non me falou aparesido Cantoná, que foi Santa Bea de Cotelo, e non me mandou perdoar nin hostias, que en Corme mesmo as santas sonvos doutro material, bravas e de moito máis jerrerío. Máis de Montoya na Princesa Prometida.

Isto vén a conto polo que tal me pasou nas duchas do pavillón polideportivo de Corme. Todo foi entrar a ducharme máis contenta ca unhas pascuas e saír rabeando con jañas de mallar en aljén, sede de mal e ansias de destrusión así en xeral.

Non mo tomar a mal, cormeláns, que non vai con vós. Tendes un pavillón moi digno e inda por riba non sei o que comeredes en Corme que – xa llo dixen a Bea de Cotelo no Biscuiteiro- sodes todos xente ben juapa. Han ser os persebes. Eu polo menos non os cato e claro, non teño can que me ladre. Nin sequera resén duchada. Non sempre rabeo eu, resén duchada. Onte aljo si, aí contra medio día.

Porque onte a mañá fora magnífica, que o saibades. Os cativos do Brigantia deberon traballar arreo para regalarnos un percorrido polas terras de Pondal que resultou un dos trails máis fermosos do mundo coñecido. E o mundo coñesido non acaba en Carballo, por moito que teime o Suso Lista (Lende Xeixos, landrús, e de paso comprobades cantas ideas lle rapinei ao Lista nesta entrada: un escándalo). Refírome á jalaxia como mínimo. De Carballo a un lado e un anaco máis aló.

Un rejalaso, xa nos primeiros quilómetros, as vistas dese cacho da Costa da Morte despois de ajatuñar por encostas de morte. Tamén que pouca jrasia teño. Non ler o de aí atrás. Outro rejalaso, pasar pola umbría Fonte da Moura, paraxe de belesa espectacular. Taba moi propio alí ajachadiño para quitarnos fotos o Iván. O mouro da fonte. Como tamén foi un luxazo correr pola contorna do Monte Branco e saudar ao noso bardo Aduardo, escuro enigma é el, seica. E será. Sempre faséndose o interesante, Aduardo.



Pero para enigma o da injravidés. Non mo creredes, pero onte era día de deixarse ir na carreira. Sen sobreesforzos, sen agonías, sen sobresaltos. Dábame a impresión de flotar. Anque lojo vin as fotos de Marina e desenganeime: ao meu lado as penitentes filipinas, a alejría da festa. Pero a procesión vai por dentro; eu sentíame flotar e calade a boca. Disiamos que todo paresía fluír mainiño e gozoso ao redor. Coma levada pola marea. Non sei por que. Ijual por ser unha das miñas zonas preferidas da jalaxia. Ou ijual porque na explicasión da saída escoiteille ao Quito disir aljo dunha “carreira líquida” e como son moi mandada, botei a nadar. “Avituallamento líquido”, era o que quería disir. Pero a min quedoume o outro. Bendita confusión. Aljunha ves pasouvos iso de sentirvos levados na auja mentres corredes? Non? Falade con Quito. É moi milajreiro. Mola. Traede manjitos prós cativos.

Eiquí servidora pola Fonte da Moura. Ben se ve que vou flotando. Foto Iván

Porque onte a mañá era líquida e magnífica, por se non o dixen; aló na praia da Hermida bailei unhas pezas con Mónica e con Blanca antes de botar a correr, e estaba case todo o CAS MONTAÑA, e deixáronme sacar a foto con eles, toda nejra e pequena e sen camiseta ofisial -un día destes bótanme-, e había moitos reencontros, e a jrandísima Almudena desta ves ía encargarse da jardería (non máis carreiras sen jardería!!! Non máis jarderías sen bombeira!!!), e Mijel Bernárdez volvía correr, e deixara de chover, e a terra era a pista de baile do ceo. Ou do mar. Non sei.

O noso presidente é o do dorsal 69, como ten que ser
Sufrimento extremo

Ata que chejou ela, a muller conjro, xurdida do fondo abisal. A muller conjro caracterízase por rexeitar calquera tipo de achejamento amistoso. Se un día topades con tal especime, nin se vos ocorra dirixirlle a palabra. E inda menos axudala. Como me pasou a min. É verídico. Levaba un rato detrás dela, freando. Nunca tal. Quero disir que nunca vou detrás de ninjén freando. Normalmente vou aló detrás ao fondo, e os penúltimos canto tempo hai que pasaron que xa non se lles ve, ou véselles moi piquiniños, e o escoba vai farto de escoitarme. Así que este día fasíame ilusión ir xusto detrás de aljén e faser pandilla e socializar e tal. Por iso, en ves de pedirlle paso, ocorréuseme soltarlle aljo como “Veña, arriba, dámoslle caña, rapasas?” Compañeirismo, bo rollito, eu que sei. Mal momento. “Odio que me animen”, respondeu rabiosa. Arre demo. Había preferir que a maldixese cuspindo no chan que pisaba berrando: Abrir camino, vosotros. Estoy en el sendero de guerra y va a subir el precio de los ataúdes. Isto é de Mark Twain, que eu non teño jrasia ninjunha.

Para quen era, érachelle ben mellor aquelada a frase. Pero calei, adiantei, e unha ves que deixei de escoitala -porque a tipa sejía rosmando por detrás canto odiaba que lle desen ánimos, que ijual iso tíñanllo que mirar-, sejín soa disfrutando de novo, deixándome ir nos tres últimos quilómetros, sentindo de novo esa paz que raramente encontras non sendo no monte, canto máis nunha carreira líquida. Quedeme y olvideme e tal, e non sei como foi que xa taba na meta.



Pero nunca subestimedes a saña dun conjro. Lende esta frase de Suso Lista: Cando adentaba, talmente coma o congro, nunca arriaba, esnaquizando con palabras e con feitos a súa vítima”. Talmente. O ataque da muller conjro chejou redobrado por sejunda ves, a traisón, especialmente virulento, no polideportivo. Cuspindo veleno. Non hai ducha nin mar que tal limpe. Tanta ruindade. Verborrea tóxica.

Saín envelenada, arruinada, intoxicada. Aí taba eu. Sentíndome a preada botada no mar da Hermida. Ajora o trail líquido corríase nos meus ollos. Cajoenrós. Sen saber por que, lisquei cara ao porto. Non quería ver xente. Precisaba un refuxio. Esquecer que pasara por diante da cova do conjro. E pasei por diante da casa de Bea de Cotelo, e alí taba ela, coma unha aparisión. Abriuse o seo. Santa Bea de Cotelo. Levoume, escoitoume, fíxome rir, beber e comer, falar de pasados e futuros, de decepcións e ilusións, de penas e alejrías, e ao despedirnos xa caera na conta de que nós somos das que comen os conjros con patacas ou crús se fai falta, e de que pese a todo, onte fora un día magnífico. Tan magnífico como a orjanisasión da carreira líquida polas terras de Pondal.

A punto de marchar, os enjados da furna chamaron por min. Pasei a area tornasolada de Osmo e deiteime no chan da furna para imaxinar a vida dun ser sempre hostil, sempre acazapado, ao axexo, a piques de atacar. E sentín májoa por el e por todos nós. Quizais nalgún intre todos fomos así. Quizais haxa un monstro abisal, un escuro enigma aniñado en cada un de nós teimando por saír.



Por iso ajora imos desfaser o prinsipio.

Hola, me llamo Íñigo de Montoya. Tú mataste a mi padre. Prepárate a morir.

La venganza más noble es el perdón

E que ben se perdoa despois de larjarlle unhas cantas parrafadas destas.


Toca mandarvos soñar cunha plácida corrente que vos transporta e así. Nun mar sen conjros se for posible. Se non, papádeos e deixádevos de hostias. É lei de vida. Non mo dixo Santa Bea de Cotelo, pero coma se mo dixese. Veña durmir. Iso si, ao monte traédeme todos a vosa parte máis niquelada se non queredes que ceibe ao meu Íñigo de Montoya. Palabra da conjra en potensia que levo dentro.

Santa Beíña de Cotelo de Corme

25 de xul. de 2015

O MUNDO DO REVÉS ou AJORA QUE FIXEN A PROBA, PREFIRO SER BRIJANTIO

Eu de verdade que mo contan e non dou creto. Ta mundo do revés. E ben reviradiño. Nunca tal se vira. No mo credes? Pois eí vai unha adiviña:

  • Poñamos que hai un trail. O 1º Brigantia Trail na Coruña
  • Poñamos que ao rematar a proba hai jaspacho, que vai unha calor que nin dios.
  • Poñamos que anda por aí Almudena Suárez, que acaba de chejar con sete medallas do World Police & Fire Games nos EEUU. Unha atleta impresionante.
  • Poñamos que ando eu por aí tamén.

A ver, adiviñade: quen lle serve o jaspacho a quen?

Almudena. O día do trail ía vestida normal,pero así impresiona máis.

Efectivamente, Almudena. E cun sorriso de orella a orella, así como é ela. O mundo do revés, talmente. A supermedallista atendendo o avituallamento final, e a tonta do bote papando no jaspacho. E ben que papei nel. Por deshidratasión, por verjoña ou por considerar aquilo un luxazo, ou un desperdicio, non sei. Tres ou catro vasos de jaspacho ben deberon caer. 

Birra tamén caeu aljunha (tou falando da post carreira, non vos confundir), pero esas foron pola cousa social, que me perde. É que aló no bar había un desfile interminable de coñecidos: os do trail curto, aljúns da orjanisasión, familiares, corredores do trail longo, e non sei se aljún despistado que pasaba por alí tamén, que isto de correr dispara as endorfinas e lojo enredas que dá justo. E botei ben máis tempo no bar que correndo, onde vai parar, que case pechamos o chiringuito a Mónica, o Cabañés mais servidora.

Porque na carreira moito non corrín tampouco. Pra as fotos, e non pra todas. Caer si que caín e sanjrín polas mans. Inda menos mal que non enfuciñei directamente. Tamén afojín coa sede. Por boba, por non levar bidón nin mochila Doradesbrosadora. Pa que, disía eu toda sobrada, se son 12 km cun avituallamento aí no 7 ou no 8... Pa que? Babeca. Soberbia. Idiota. Animal. A partir do km 5 soñaba con oasis reparadores, mananciais de augas cristalinas, fontes en deliciosas florestas umbrías e así. Do 6 en diante teríame conformado cunha tasca. Lojo ao ver a Raqueliña no toldo do avituallamento quíxenme postrar aos seus pés e renderlle pleitesía, pero como fun a un colexio de monxas barato son bastante maleducada e soamente dixen “Ei Raqueliña!” e trajei a auja con bastante ansia e escasa moderasión. Raqueliña, a raíña de Tamadaba, a gran montañeira, que lojo se incorporaría como escoba ao trail longo con Blas. E aló no medio da nada servíndome auja. O mundo do revés.

O avituallamento, retratado por Raquel


Nestas cavilasións sejía o camiño cando crin presenciar unha aparisión,. Sonvos moito de aparisións por deshidratasión, eu. Desta ves non era a Virxe da Barca, nin santo Hadriansiño de Malpica, nin Aduardo (Pondal) sequera, que tabamos nun trail periurbano sen faros, santos nin bardos. Foi a cousa que miraba eu para un cartel que disía: “trail curto” cunha frecha cara á esquerda e a piques taba de trochar monte arriba, mandadiña coma son, cando sentín unha vos falarme así: “por aí non, Rosiña, calamidá, non les que pon A VINTE METROS?” Erjín a ollada, e aí taba el, a vinte metros, a aparisión, o jran Mijel Bernárdez en persoa jiándome polo bo camiño, o mundo do revés, pero canta alejría, por dios! Ijual moita alejría el non levou de que lle dese aquela aperta tan jrande así suada como ía, non sei. Era por transmitirlle o meu apoio e a miña solidariedade pola inxustiza que sufriu como orjanisador do UTCF. (Cajo nas normas absurdas, cajo en Tráfico e a nai que os pariu). Anque ijual o que lle transmitín foi un cheiro a sobaquillo que nindios, dispensando. O caso que jrasias ao Mijel a esa altura da carreira non me perdín. Perdinme un anaco máis aló.

Mijel Bernárdez xa de volta na sivilisasión

Pero é que de verdá que me perde a cousa social, como vos disía antes. Enredei, fun enredando. Porque apareseu Marta, que se retiraba do trail longo. Eu con Marta cadrara no outono atendendo un lesionado mentres non chejaba a ambulansia nunha carreira de asfalto do meu barrio. Ben poucos corredores pararan nin sequera a prejuntar daquela. Cousas do asfalto. Ver unha persoa tirada no chan e non parar. Iso no monte non pasa. E se pasa, a quen non pare chimpámolo ao río. Son ese tipo de cousas as que nos fan amar o trail e fuxir do asfalto coma da peste... Como escribiu o Mark Twain: “Agora que fixen a proba, prefiro ser pirata”.

Momento saída
O de "cívico" é mentira podrida. Tan todos a monte. 
Os que se salvan son os escobas, en primeiro termo 
Foto de Ignacio Senín


Fotos Quito

En fin, como había moito que laretar, a Marta mais servidora sejimos a ritmo lesión con tanta tranquilidade e palabrerío que nunha destas corredoiras caimos na conta (caeu ela, eu vivo felis) de que nos faltaban as balisas, fíxate. E a conversa fora ben ajradable, fue bonito mientras duró pero nos estábamos haciendo daño, e tal. Media volta e arreando.

Conste: xúrovos que nunca un trail tan ben sinalizado houbo coma este. Cajoenros. Chejan a poñer fita continua e cen mil mijelesbernárdeces jiándonos e pérdome ijual. Que tan ben se me dá. Iso e os bares. Que o saibades. Bueno, xa o sabedes. De memoria. Que xa vos teño aborrecidos de vir sempre coa mesma cantilena, que se me perdo por aquí, que se non corro unha merda, que se tropezo con aquilo... Pero é a miña estratexia. Sacar a relocer as miserias. “As cousas malas, como as patacas, canto máis as enterras máis fortes van retoñar”. Díxoo Suso Lista, que é á literatura o que os brijantios son ao deporte, e non me discutir, que vos jindo un xeixo á cachola. E índeme lendo Xeixos, animais, que non vai ser todo correr.

Sijamos. Bueno, quen queira. Eu escribo outro cacho; vós se queredes ledes, e se non, sejuro que tedes cen mil cousas mellores que faser. Non dou imaxinado cales, pero aljunha ha de haber.

Tabamos dando media volta na procura das balisas. Alló nun cruce taba o pobre do escoba ajardando, que non lle debían cadrar as contas dos corredores. Meu rei. Sejuro que tamén é un atleta do copón, que ta o mundo do revés, non cansarei de repetilo. Moita envexa me daba o escoba. Non por intuilo atleta do copón, que para esas cousas sonvos máis de admirar que de rabear, e tamén mellor me é. Non. A min dábame envexa pola equipasión. Porque fora recollendo as balisas e tíñaas penduradas da mochila e ao correr aquilo dáballe un aire tan vaporoso que eu tamén quería. Xa imaxinaba faserme unha saia hawaiana coas fitas e entrar na meta toda tuneada, glamurosa e sobre todo tapando o cu, caso de haber fitas abondo. Ijual xuntando as do curto e as do longo alcansaban, non se sabe.

Outra de Ignacio Senín
Vou toda chinada sen saia hawaiana

En fin, fun rematando o percorrido e o rapás tamén aljo o debín rematar dándolle a brasa sejido. Fixen coma quen corría diante dun fotójrafo e canteille a de Carros de Fuego. Lojo xa case entrando saudei a Jana e a Priscila que taban de apoio, outro desperdisio, por favor, coma o Quito, que ta o mundo do revés, que dijo eu que eran eles os que tiñan que tar correndo e nós mirando por eles, que se mo chejan contar non dou creto, de verdá.

O mundo do revés, si... Pero sabedes unha cousa? Estes cativos do Brigantia orjanizaron o evento tan ben como corren, ou mellor aínda. O que non farán o 23 de agosto en Ponteceso xa con faros, santos e bardos (Aduardo mediante)? Vai ser de non crer.

Os brijantios recolleron todo nun pispás
Foto de Quito


PD: aquilo taba inzado de xente do CAS, que é o mellor equipo do mundo mundial. 
Se non o dijo lojo rifan comigo.
Aljúns CAS, Mónica e servidora, que disque son do CAS pero nunca compro a camiseta porque fai bandullo

Alejría!!!





17 de mar. de 2015

TORRETAS, CASTREXOS E CASTRÓNS. OU TRAIL, MONTAÑA E CROSS

Opcións para un 15 de marzo.

  • Carreira por Montaña Alto Sil
32 km
1900 m desnivel positivo
1900 m desnivel negativo
Altura máxima: 1620m
Altura mínima 780m

  • I Campionato Galego de trail, Compostela.
17,5 km
Desnivel positivo acumulado: 650 m.

  • Trail Cidade da Coruña
11 km, dúas voltas ao castro de Elviña
Aljunha encosta aló onde a torre de alta tensión
Altura máxima: non se sabe, pero pouca
Altura mínima: permitida a participación a entes de metro e medio.

Aquí unha servidora que malamente trota e concilia (temido palabro) anotouse ao trail castrexo, que remedio. Curtiño, ao lado da casa coma quen di, pouco esixente…Polo percorrido, cross castrexo acaíalle mellor (Oíches, Blas?) Pero carai…quen me dera o Alto Sil. Quen me dera alta e veloz no Alto Sil. Como a Oihana. Tremenda. Pedazo de corredora. De feito, en canto volvín para a casa despois de elviñar e de dármoslle a lata ao tan sufrido Fojo , unha vez que lles botei de comer ás fieras, en canto puiden púxenme a curiosear as novas do Alto Sil. Velaquí:


De esta forma, llegaba en solitario Alfredo Gil, completando los 34 kilómetros del trazado en un tiempo de 2h50', mientras que Zaid Ait Malek llegaba en segunda posición, con cerca de cuatro minutos de retraso con respecto al bejarano. El podio lo completaba el corredor gallego Fernando Arca, en tercera posición, y logrando el enésimo podio en la prueba leonesa.

En categoría femenina, la vasca Oihana Kortazar confirmó su buen estado de forma completando la prueba prácticamente en solitario. Se distanció de las demás corredoras y pasaba por cada control con cada vez más ventaja, lo que da una muestra de su estado de forma tras su segundo embarazo. Oihana Kortazar llegaba primera a Páramo de Sil, tras completar el trazado en poco más de 3h35'.

Fagamos reconto, que aquí aljo non acaba de cadrar:

Podium masculino: Ben por Gil, ben por Malek, ben polo noso Arca. Tres eran tres.
Podium feminino: ben por Oihana. E punto.

A segunda e terceira do podium, a ver, en que embarazo estabades vós que tan mal correstes? Quen vos quere nomear na crónica?  Bastante fixo quen redactou este primoroso texto con non mandarvos para casa faser encaixe de bolillos.Un xornalisto como ten que ser, cun par de. Home ou muller, tanto ten.

Xornalisto dixen, si. Porque de ajora en diante, precisamos dun novo xénero fillo da repunansia, precisamos  do xénero hipermarcado, xénero testosterónico militante. O da xente que ignora, invisibiliza e obvia as mulleres. De ajora en diante, sabédelo, existirán comentaristos, editoros, xefos, atletos, xornalistos, poetos, taxistos, fisioterapeutos, astronautos. Alimaños. Xénero castrón. Gardémonos del. Gardémonos de caer nel tamén: está no aire e contamina.

En todo caso, deixando a un lado a dureza da proba, quedémonos mellor con esta reseña sobre outra proba, a de Compostela, que se limita a nomear os primeiros postos absolutos: Os vencedores da proba foron Amador Pena Torreira do Noitebra e Priscila Suarez Mendez do San Paio
.
É xusto. Aprendede, castróns. E noraboa a toda a xente que correu e ás máquinas do podium. Todas.

E ajora que xa vos toleei a cabesiña ben toleada e desfojei bárbaro, permitídeme contar aljo sobre  a terceira das probas; deixádeme que vos conte de Elviña, que foi onde reptei eu. Non. Non. Permitídeme contar o que contaba Manuel Rivas en As Voces Baixas (non dou saído de Rivas, así a todo):

O que sentiamos tamén era o zunido permanente, ameazante, da torre de alta tensión eléctrica que na posguerra foron chantar xustamente na ara solis do máis importante castro das Mariñas Douradas. Eramos nenos a xogar, mais, sen saber nada de historia, sabiamos que había algo de fatalidade simbólica, de humillación, no feito de espetar a torre na coroa do castro. Para advertir do perigo, había un sinal cun deseño no que se vía un homiño fulminado por un lóstrego.  […] Hai pouco, no Portal galego da Lingua, reproduciuse o debate sobre o celtismo por mor dun artigo de Fermín Bouza. A rede botaba chispas. E eu tiven que facer moito esforzo para reprimirme e non enviar unha información confidencial, procedente da infancia, e que ningún deles manexaba: Non rompan máis a cabeza. Deixen de darlle voltas. Os celtas galaicos morreron electrocutados


Tanta polémica e mira ti, non caer os eruditos na conta da torreta. Inda non sei se non correría a mesma sorte sir John Moore, que xa me diredes… tanto panteón en San Carlos, tantas salvas dos Royal Green Jackets…de que? Se é que andan coma tolos xojando as batalliñas; iso si, o cartel do homiño fulminado, nin mirar para el,  e lojo pasa o que pasa. E así, benqueridos rapases, foi como se escribiu a historia da Curuña arredor da torreta, símbolo da sidade. Castrexos e británicos unidos por un mesmo destino electrisante.

Ata que chejaron as vésperas das eleccións e os xornais deron en anunciar a retirada da torreta:


E ao mesmo tempo o calendario de carreiras galegas deu en anunsiar isto:


Así que había que celebrar o desartellamento da torreta correndo arredor do castro (jústanme os fonemas vibrantes, que pasa?). Que ao millor un día tamén podemos celebrar a retirada do plan do ofimático botándolle outro cross deses, pero daquela para desenguedellar a desfeita e reparar danos ijual cumpríanos unha máquina do tempo ou aljo. En fin, polo de ajora seica habiamos correr sen risco de electrocusión, non coma o sir John e os castrícolas.  Anda. Que gran nome de orquestra fasía.

Chejou pois o día castrexo e a Elviña chejamos nós, que somos servidora, un gran debuxante de 11 anos e un gran lector de case 12. Buscamos un banco, repartinlles blocs, lápises, cámara de fotos e libros e deixeinos en faena artística-intelectual, non coma min, que son primaria. Durmir, comer, correr, tal ves remar. As primarias é o que temos, que con nada nos apañamos.

Momento saída. Da carreira, entendámonos. E mira ti que entre máis de 250 persoas non ver caras coñecidas…Moito Nosportlimit, aljún que me soa, ijual cadrei aljún mércores na Torre, maldito despiste.. E o resto da xentiña, toda na diáspora: que se no Alto Sil, que se en Compostela, que se en Barcelona bailarlle a maratón.... Menos mal que a últimísima hora -polos pelos non perdeu a saída- apareceu na cola un gran beer runner,  o tío Carlos, autor dunha jrandísima alocusión dedicada aos seus colegas cando paresía que querían darlle lume: A dónde vais????? Que esto es trail!!!! En canto lla escoitei disir quixen enmarcar a frase.  O home tranquilo. O que debía ter levado o premio ao máis jrande en divertimento. Non hai máis que verlle as fotos entrando en meta. Un crack.

Foto Martín. O tío máis feliz de Elviña

Lojo tamén encontrei a dous jrandes brijantiexpadixantíns*, Quito e Diego, que ademais de ultraraiders e de ter o don da ubicuidade -que os brigantios estes estánseme a coar en todas as crónicas, e aló en Elviña non sei se taban en calidade de orjanisasión, de  público ou de aparisión celestial, pero uniformados estaban de brigantios -, ademais diso, disía, non imaxinades canto berraban dándome ánimos, que se veña Rosa, que se ánimo, que se forza, que se ti podes, e eu contestáballes baixiño que eu o que quería era ir para a casa, por favor, que aquilo era moi estresante e tal, e xa na sejunda volta resaba para que me me viñese unha electrocusión castrexa desas e por fin parar, pero non veu e houbo que correr.

Porque o percorrido era corrible de todo, nada técnico, e por iso andan aljúns rosmando que había que chamarlle cross, e levan rasón, pero eu con tal de saír da casa a afojar por aí xa vos quedo contenta, o nome émevos ijual. Aljún tramo houbo que reptar, pero moi curtiño, unha subidiña de nada cara a unha torreta (que teima das torretas, de verdade). Amais tendo en conta a causa que desencadeou a desaparición dos clans castrexos galaicos e daljún británico (que bonito é coñeser a historia e adiantarse así aos posibles acontesementos), xa a xente procuraba ir ben lixeiriña a pesar do desnivel e botar o menor tempo posible baixo a liña de alta tensión, máxime indo enchoupados de suor, dispensando, e deste xeito minimizar riscos, que saber de prevención tamén é ben bonito.

Foto de Meizudo tomada a través de Correr en Galicia. Momento torreta

Lojo había como uns vinte metros de lama pero era pouquiña e non nos chejou a nada, porque era da que non traga as zapatillas, e que menos pa un trail que afundir ata máis arriba do nocello. Depois taban as baixadas, que eran tan doadas e levadeiras que nin sequera me metían medo a min, que xa é disir.

Así que en xeral a cousa era de zumbarlle ben. Quen puidese. Chamádelle cross os ortodoxos ou trail os menos puristas. Eu chameille trail pequerrechiño e tamén trail de xojete, que o caso é divertirse.

E máis nada. Bueno, si, que ao entrar en meta tiña alí ao meu fillo berrando. Crin que me animaba, pero ao irme achejando escoiteille mellor e berraba que apurase, que ía perder unha aposta. A aposta jañábaa el se servidora entraba en meta antes de que o seu colega rematase de ler o libro. Se cheja ser o Quijote levaban os dous unha colleja, así como volo dijo.

E con esta crónica tan profesional espero consagrarme dunha ves como comentarista en medios especializadirmos (comentarista dixen, non comentaristo; antes castrexa electrocutada que comentaristo castrón), que dijo eu que xa van sendo horas, e poder retirarvos o saúdo e mirar por riba do ombro a todo dios, porque tamén xa vou indo un pouco aborresida de mandarvos durmir cada ves que perpetro aljunha alimañada destas. Ala, inde darlle unhas voltiñas aló no castro de Elviña. Ollo coa torreta.


 *Brigantia Expedition Team (N. da T.)



3 de mar. de 2015

A VELLA REPUNANTE E O TRAIL DO ANLLÓNS

Si había algo que yo sabía hacer por mi cuenta era equivocarme*.


Había unha vez un grupo de xente que traballaba con ilusión de promover a participación da veciñanza en actividades deportivas e inculcar valores como o compañeirismo, a igualdade, a solidariedade, o respecto polo medio ambiente, a defensa da terra e das tradicións locais. Eran o club Ciclista Laracha en Dúas Rodas e a súa irmá montañeira, Laracha en Dous Pés, todo un referente non soamente no ámbito local polo seu labor no día a día, senón tamén para os foráneos que atrae aos seus eventos estrela: a Pedalada e Andaina Solidaria e o Trail e Andaina polas Cabeceiras do Anllóns.



Había unha vez una señora baixiña que andaba de moi malísima ostia porque taba presa da dor nos xeonllos e non podía darse ao seu visio de trotar polo monte. Non se sabía se lle doían porque a medida que se fasía maior ía levedando e as pernas non termaban daquel bazuncho, ou se empezaron a doerlle antes e por pouco trotar acabou levedando: que foi antes, o ovo ou a jaliña? É ijual; o caso: tornou vella repunante.

E houbo un día en que a vella repunante, fozando no facebook, leu no evento do Trail do Anllóns un comentario que lle soou raro. E fixo o que fan as vellas repunantes: encabuxarse, rifar e defender os seus argumentos coa ousadía propia dun sindicalista do metal*, que digo eu se non lle tería sido mellor quedar calada, por unha vez e para variar, porque unha cousa é razoar e outra é poñerse coma unha hidra, que será boísimo para desfojar pero logo veñen os remorsos.

E si, tedes razón, a vella repunante dos remorsos era eu, vale? Quítame de aí as terceiras persoas. Os de Laracha en Dúas Rodas / Dous Pés si que son eles. As themselves, no reparto.

E despois dos rifirafes e dos quítame de aí esas pallas (dispensando), veu a paz e a promesa de acudir ao evento e de entrar de última en meta. Acudir era empresa difícil por aquilo da conciliación e da prejiza inherente ao meu natural; entrar de última era o esperable. E xa bastante sería que non me embreasen, emplumasen e chimpasen ao río por rallante, o que facemos por moito menos no lugar de onde eu veño.

Chejou o día e non, non había hordas esperando para linchar a ninjén. Había, si, unha Quirina arrefriada e un Palote desabrigado porque disque así corre a fume de caroso, para espaventar o frío, e debe ser certo porque entrou décimo. Xa sabedes, a despelotarse. Había tamén unha Fátima, un Grinch, un David, un Pedro, un Pablo, un Abu, un Javi e un Carlos do CAS, o clube da camiseta que fai bandullo a quen non o ten, por moito que o neguen.

Foto propiedade do Grinch, anque el tamén sae

Había tamén unha Priscila e unha Jana radiantes, que sempre as ves chejar ás carreiras cun aire tan feliz coma se fose o primeiro día que as deixasen saír de noite, que o deben pasar bomba voando polo monte. Primeira e segunda no podium con tempazos, unhas fenómenas.

E alí no medio dos catrocentos e pico que se xuntaron taba servidora rezando por non romper no intento. Botaron o fojete (literalmente, opa Laracha!) de saída e nos primeiros quilómetros todo foron risas e brincadeiras. “E falta moito?” E cando chejamos?” Paramos nun bar ajora que inda tamos cerca?” “Que juapo vas co tutú!!!” e así, o típico. Ao meu ritmo trautor as subidas eran das de non afojar por completo, as trepadas con cordas taban moi entretidas (nunha presenteime ao Roi que xa non levaba o tutú, lástima) e a chejada ao primeiro avituallamento ao son da gaita foi marabillosa. Alí puiden parolar un cacho con Juan Canedo e outra moza da organización e comentar “daquilo”. É o bo de ser unha manta, que non che importa enredar nos avituallamentos porque total, vas facer un tempo de merda igual. Quedaba alí de boa gana, pero tampouco era plan, así que seguín trotando costa abaixo e de aló a un cacho, avanzando sumida nos meus pensamentos (caso de eu telos) tropecei cuns que viñan de volta porque se perderan, e así foi como souben que eu tamén me perdera, porque mo dixeron eles, e tamén fai falta ser burra, que a sinalización era perfecta. E é outra incidencia desas que tampouco me molesta, porque coñeces sitios –e xente perdida- pero máis práctico é ir polo rego, tamén é certo. E nestas apareceron o Grinch e Fátima, ela toda simpática e amable, el todo chinado por terse perdido –ese vai faser un vello ben repunante, dígovolo eu- e fixemos xuntos a subida por unha especie de parede de barro que mesmo paresía que ías caer de costas e Fátima non quería morrer e a min paresíame que como sitio para morrer estaba ben bonito e así xa quedou ela máis conforme.

Outra do Grinch

Lojo xa viñeron aqueles lameiros interminables deses que perdes as zapas neles e tes que meter a man para rescatalas e volvelas calzar, e os charcos tipo piscina olímpica, e os camiños-regachos e todo era húmido, lamacento, pegañento e esvaradío –isto é trail, neno!- e préstase moito a maldicir e no meu caso, como nacín meducas, a andar tan despacio que aburre verme. Porque vale que unha sexa partidaria de correr unicamente para disfrutar, vale que non esteas polo sacrificio, pero un pouquechiño de espabilasión tampouco non me habería de vir mal. Digo. Certo que intentei poñer en práctica unha estratexia para aselerar un anaquiño, que consitía en imaxinar que de tanto mergullar as zapas nos lameiros seguro que me entrara algunha miñoca, e como me dan tanto noxo había de saír correndo escopetada, pero moi vividamente non o debín imaxinar, porque aquilo era puro ralentí e inda por riba xa empesaban a protestar os xeonllos, os cadrís, as cadeiras e a cabesiña, que me fasía sentir como en traballos forsados - unha de ferro arrastro, rouca cadea, castigo atroz do meu erro. Tan férrea e rouca, que chejada ao sejundo e derradeiro avituallamento, decidín en firme que eu de alí non me movía, pero cando apareceu o corredor escoba cunha parella e me soltou aquilo de “pero muller, unha vez aquí, o bonito é rematar”, deille a razón. Non sabía o que disía, pobre rapaz. Alex. Tempo tivemos para falar largo e tendido, abofé: tanto me doía o corpiño que camiñaba, camiñaba, camiñaba, e cando me sentía culpable por el, que taría perdendo de tomarlle o vermú cos colegas pola miña culpa, daquela trotaba un anaquiño pero logo tiña que camiñar porque por el tería pena, pero polos pinchazos que me mandaban as pernas, terror. E así foi como me fun arrastrando traballosamente polo treito máis corrible, que tamén vaia calamidá. E que gran persoa, o Alex. Grande como o resto da organización, os que alí estaban na meta: Roi, que entrou da man comigo; Gerardo, que me recibiu tan amablemente; Lito, que me regalou o dossier da asociación e me comentou a súa liña de traballo; Canedo, co seu apoio…Todos e cada un deles merecen a nosa admiración polo seu esforzo para conseguir que amemos esas terras do Anllóns nunha cita aberta a todas as persoas que corremos, trotamos, camiñamos ou nos arrastramos…mesmo as vellas máis repunantes.

Foto roubada á organización

E colorín colorado, que mañá hai que traballar. Pasade para a cama.

* Carlos Salem
*Teresa Moure
* Quen vai ser, ho? Pondal!!!


1 de ago. de 2014

ULTRAS, TRASNOS, TWISTERS, EXTRATERRESTRES



“Un hombre poco práctico es lo que necesita quien está en una situación extrema

Pa min que a frase de aí enriba escribiuna Chesterton para que eu poidese caer da burra algún día, así como  a xente como Jabalí está no mundo para que exista xente coma Quito. Coño, tou citando a Chesterton e ao Jabalí do Sacho así seguido. Cousas veredes.



O caso: o sábado 26 de xullo, acabadiña de chejar a Fisterra medio catatónica e sen asimilar a intensidade das últimas horas vividas, veume a frase á cabesa. A de Chesterton (a de Jabalí tamén mola, non te mosquees, Jabalí). “Un hombre poco práctico es lo que necesita quien está en una situación extrema”, repetíame coma un mantra, e tal. E disíame: pra pouco práctica servidora, de feito virando a desastriño, que me perdo seguido no monte e wikiloqueo fatal. Un home? Un home tou feita xa hai máis de 24 horas, desque fatiguei traballosamente os 53 km das narices correspondentes ás dúas primeiras etapas do Ultratrail Camiño dos Faros (de ajora en diante Ultratrasnada), ás que fun ofresida e cumprín sen choromicar demasiado ostentosamente. E nunha situación extrema ajora mesmo tan varias persoas ás que lles debo moito, entre eles Quito e Jabalí, os da existencia resíproca (de ajora en diante “os resíprocos”), que levan dúas noites sen durmir e case 40 horas de carreira… Ta claro, NECESÍTANME!!!!!!!


Quito. O anxo da garda de todos cantos aló estivemos
Jabalí: o entusiasmo, a forsa, a enerxía contaxiosa
  


















Collín e arrinquei a merda aquela de vestidito rosa que me fai pasar por xente, vestín de misión ultraespesial, mochila de Dora Desbrosadora incluída, collín un mapa que me obsequiaran moi amablemente a véspera na oficina de turismo de Camariñas (ai o wikiloc, cando aprenderei) e saín a correr do albergue rumbo ao mar de Fóra coa firme determinación de percorrer o camiño dos faros en sentido inverso sen parar ata dar cos extremos da Ultratrasnada, e voltar con eles ata Fisterra apoiándoos e animándoos e faséndolles monadas (cantándolles non, que cantar non sei), porque si, porque son home/muller pouco práctico/a e tou en débeda cos pelexos resíprocos eses, que se non cheja a ser polos azos que me fora dando o Jabalí e polos coidados e a atensión do Quito, a boas horas teria eu chejado a Ponteceso o venres e rematado os 53 kms das narices, quen me mandaba. Digo!


Tiñades que verme saír coma una bala na miña misión ultraespesial de home/muller pouco práctico/a, así a fume de caroso e cun aquel talmente aeródinamico, que mesmo paresía que a forsa da gravidade deixara de existir ao meu paso (quen a quere), anque lojo aló na encosta pa subir aos cantís aljo de gravidade si que había, cajonodemo, e daquela xa dei en reptar pero sen desistir no meu empeño de ir animar os jartibles dos 203 km, quen lles mandaba.



E que ben seguín a ruta inversa. Seguina bárbaro, ata que me perdín, era visto. Aidiormío –pensaba eu-, a ver se inda lle vou dar máis traballiño á orjanisasión! Ai como teñan que vir rescatarme daquela si que a liamos, deus non o queira, con todo canto eles levan breado, que nin paraban a durmir, que os trasnos, ademais de obrar milagres de multiplicasión e amplificasión, aínda por riba posúen o don da ultraubicuidade, porque dous días e dúas noites botaron aparecéndose aos corredores en cada encrucillada do camiño transitable ao tráfico, talmente coma as aparisións dos santos, que chejan todos surfeando en pedras, pero eles a mogollón, en coches e furgoneta ultraavitualladora, e todo era enchernos de comida e bebida e animarnos e sacarnos fotos que paresiamos famosos, e ofrecer masaxes e curar pés e vendar e mesmo houbo gaiteiros e todo, e unha noite ata queimada, pero para o público, que os ultras nun ultra non se dan ao bebercio, por favor. Que ben se vive de atleta, así a todo. Que vida tan regalada, caso de parar no km 53 (das narices).

Aparisión ultratrasna retratada por Antonio Amboade

 En fin, aló estaban sempre mirando polos corredores o Traski, Marina, Eloi, Pablo, Bea de Cotelo, Dores, Susana, Conchi, Merce, Ramón, Isabel, Antonio (desculpas anticipadas para os trasnos que non nomeo) Que dicir do equipo ultrasanitario de Marga Sobrido, Eva, Sandra, Marta e Iria, que xa quedaron con sona de milagreiras, tanto e tan ben fixeron (e tan malladitas quedaron)? Que dicir da hospitalidade da encantadora Cristina, a fareira de Vilán, abrindo o faro de madrugada para ofrecer acubillo e viandas a trasnos e corredores, mentres Ramonchu os recibía ao son da súa gaita?


Outra do Adolfo: o milagreiro megaequipo ultrasanitario
Tanto traballo leva pasado toda este xente  pa que ajora veña eu coa trapallada de que me perdín intentando axudar? Era boa!!! Tira millas, calamidá –disíame- que maloserá que non deas chejado ao Rostro. E chejín, pero como andaba perdida, antes de baixar topei cun bar (que magnetismo) rodeado dun prado de margaridas que apareseu alí no medio da nada, coma un soño raro, pero soño non era que ben que entrei e pedín un twister por aquilo da hidratasión, e aínda ajora non me explico o que me ocorreu, que mentres corría e lambía no twister dei en lembrar o vivido talmente como Proust coa madalena, pero en twister. Ijual é que co esforzo dos 53 km das narices quedárame a faltar un mineral e o polo repúxomo e activou as conexións cerebrais, caso de eu telas; sendo así  recoméndovolo como parte fundamental da dieta na supercompensación dun ultra, que a min Marga Sobrido explicoume, cando xa rematara a Ultratrasnada esta, digo que me explicou que a partir de certas distancias en carreira, os efectos sobre o corpiño deixan de ser puramente musculares para comezar a afectar aos órganos vitais, que o saibades, que Marga controla mogollón e fala do seu oficio con auténtica paixón. Non sei o que opinará Marga Sobrido sobre os Twister, pero bueno.



Aínda que tamén pode ser que o efecto Proust viñese dos coloriños do polo ese, que lle dan un aire así como marciano, e foi por iso que lembrei a aparisión a media noite do xoves en Malpica de Jabalí (está en todas, este), Quirina e Palote, que acababan de mudar a roupa e viñan tan preparados e tan pros e tan deslumbrantes que me entraban jañas de prejuntarlles se eran desta galaxia ou viñan á festa, eu veña mirar para eles coma a prima tonta de la aldea, coas miñas mallas decatloneras, as zapas rotas e a palestina hippy. Porque unhas horas antes eses tres non vos eran marcianos, non, que viñan  normalitos de todo, que eu ben que volos vin pola tarde cando nos resibiron as xentes de Fegerec, xentes que parese que quedaron bastante agradecidas pola iniciativa solidaria de Miguel Bernárdez e compañía, que ao final o rapaz foinos liando a todos de tal xeito que conseguimos recadar case o correspondente a 7000 quilómetros entre marcianos e terrícolas e quizais faser un pouquiño máis visible a asociación. O que igual non saben na Fegerec é que máis agradecidos estamos os que corrimos por ter ocasión de enfrontar os nosos retos particulares ao tempo que nos sentimos un pouco menos inútiles e simulamos ser boa xente, pero isto é un segredo, non llelo digades a ninguén.

Xuntanza coa Fegerec

Extraterrestres avistados por Antonio Amboade
 

Todos atentos a Miguel Bernárdez na charla técnica


 De que falaba? Ai diormío. Que dixen de antepenúltimo? Ai si, que corría cara ao Rostro, lambía no twister e lembraba a noite da saída en Malpica… Aló estaban os canarios, altos e espigados coma elfos, que logo habían de levar a primeira posición con moita diferencia durante 150 quilómetros; aló estaba a Belensiña, decidida a cumplir co seu obxectivo dos 100 km e que acabaría fasendo outros 50 máis de propina acompañando a Carlos, un dos poucos elixidos que completarían os 203; aló Priscila, grandísima atleta habitual dos podiums a quen tivera a sorte de coñecer uns días atrás kayakeando; os seus compis, entre eles Ana, Diego e Jana, que formarían con Pris o grupo máis simpático e dicharachero, subindo encostas endiañadas a todo meter e cantando a voz en grito coma unha excursión escolar; Felipe Oza, do CAS, unha auténtica forsa da naturesa, que case no final dos seus 203 aínda tería ganas de andar por aí fasendo piruetas; Xosé, que despois dos seus 80 km, ao día seguinte, despois de tomarlle unhas cañas, aínda se deixaría liar para faser a derradeira etapa… E tantos outros, máis de corenta corredores tomando a saída entre fachos, gaiteiros, trasnos, familiares, veciños e xentes do Fegerec. Chegara o gran día, chegara o momento de demostrar que o soño de Miguel, de Traski, de Quito e demais trasnos podía facerse realidade, e aí estabamos, percorrendo o porto de Malpica debuxando no ar da noite  unha serpe de luz cos nosos frontais.

 

Entre lembranzas alcanzo a praia do Rostro, descálzome e camiño á beira do mar embravecido. Levo unhas dúas horas de camiño. No teléfono dinme que a meirande parte dos corredores están a piques de chegar a ese punto. Parece mentira…penso que mentres algúns deles corrían eu tivera tempo de conducir desde Ponteceso ata Camariñas, bañarme, descansar unha hora pola tarde, visitar o faro Vilán, conducir ata Camelle, tomar os pinchos con que nos agasallou Ramonchu no Meu Lar e coñecer novos trasnos encantadores, subir no coche deles de novo ao faro de madrugada para deixarlle a Pedro o meu frontal, durmir bastantes horas a noite do venres ao sábado, almorzar, pasear preguizosa por Camariñas e conducir ata Fisterra. En todo este tempo, sumado á noite enteira de xoves a venres, había sete persoas que non pararan de correr… Sentín vertixe, sentín medo por eles, e moita admiración, e o desexo profundo de que non fraqueasen…Pregunteime cantas paisaxes fermosas terían visto, pregunteime se algún momento da segunda noite puido ser tan máxico como aqueles quilómetros que percorreramos na néboa guiados polos varridos rítmicos da luz do faro Nariga, coma un xigantesco corazón luminoso na noite, e a chegada á base do faro coa cúpula iluminada.sentindo que dalgún xeito foramos quen de atravesar o espello e internarnos nun mundo de estraña beleza. Se tan intensas foran as sensacións da primeira noite, que terían vivido eles?



Ao final da praia espero coa sempre agradable trasna Conchi e a campiona de ironman Natalia, que se adiantara ao resto. Van chegando…As caras, os acenos falan de cansazo extremo, de sufrimento e determinación. Están feitos dun material distinto. Síntome privilexiada por vivir con eles estes momentos irrepetibles, emocionantes, e son consciente de que debo atesourar cada intre, cada imaxe, cada frase, que debo gravalos para revivilos no recordo cando isto remate.



No atardecer, camiño a Fisterra, procurei ser boa compaña…procurei animar, entreter, dar conversa ou simplemente estar aí…O pouquiño que poida ter axudado, con todo, non é nada en comparación co que me levo. Velos reagruparse no outeiro, vestir todos as camisetas amarelas, entrar xuntos, percorrer o pasillo de amigos, familiares e xente Fegerec, os aplausos, as aclamacións, as apertas, os bicos, as bágoas de emoción desbordada… Esas bágoas que non nos abandonaron durante días aos que dun xeito ou doutro abandonamos rutinas para embarcarnos nesta tolemia, nesta trasnada, neste soño solidario…Porque quizais o Camiño dos Faros exista para os trasnos, raros e únicos fuxirmos no outro lado do espello






E xa mo paresía que había de dar en escribir cursiladas, que pa min que vou maior, cajonodemo. Máis me valía arranxar un pouquiño a casa, que ta todo  manja por ombro, e deixarme das lerias estas do blog. Tamén hai que ser ben  pouco práctica/o. Veña, inde por aí lamber nun twister ou naljo e non me fajades moito caso. Iso si, se algún día vos atopades nunha situación extrema... asubiade.