21 de nov. de 2015

INSTRUCIÓNS PARA CORRER EN MORDOR

Cualquiera que viva un infierno durable o pasajero puede, para enfrentarse a él, recurrir a la técnica más gratificante de cuantas existen: contarse un cuento (Amelie Nothomb)

Ás veces soñamos que non chove (Suso Lista)

Aquí no meu barrio, dependendo da dirección do vento, ás veses respiramos o aire alcatreante da refinería e/ou da depuradora de augas residuais de Bens. Refinar e depurar, din, e soa ben, anque ulir moi ben non ole.

Cando saio correr, paso o Portiño e vou bordeando a depuradora até chejar á praia contaminada de Bens, cabo das chemineas. No percorrido vou centrando a vista no mar, fasendo un exercicio consciente de abstracción do fedor e da arquitectura industrial da outra beira do camiño.


Pero hai un tempo que o aire apodreceu. Inda máis. De un tempo para acó o aire antóllaseme irrespirable, tan cargado como vén de efluvios tóxicos. Hoxe sopran ventos de morte, terror, odio, ameazas, hipocrisía e manipulación.
Cando sentes que estás correndo en Mordor e sopran ventos difíciles, sería de moito avío reforzar o exercicio consciente de abstracción da fealdade contándote un conto. O malo que non teño imaxinación. Quen me dera coma Nothomb, u coma o Lista. Se polo menos fose crente rezaba, pero como son atea e non teño imaxinación, nin rezo, nin narro: cuspo. Para depurarme. A ver se me explico:


INSTRUCIÓNS PARA UN ENTRENAMENTO DEPURADOR

1. Botarse a correr coma perseguida por un exército de orcos, canto máis tempo mellor
2. Parar ao pé da depuradora

3. Pechar os ollos e invocar a Gandalf ata que a balsa da depuradora de Bens torne o abismo de Helm (si, frikis, xa sei que Helm non está en Mordor, pero é licenza)
4. Cuspir nel. No abismo. Pero non vale cuspir de calquera xeito. Antes tendes que visualizar todo aquilo que está empodrecendo o aire: logo, por cada unha das cousas que vos cheiren mal e que vos doan, por cada unha das cousas das que vos queredes desprender, indes xuntando cuspe a modiño a modiño ata formar un bo gargallo, e logo guindádelo do xeito máis explosivo posible.
Repetir esta operación tantas veces coma sexa necesario para depurarvos.
5. Seguir correndo. Ajora os orcos serán poucos e covardes. E seredes vós quen os persiga.
6. Estirar. Iso sempre, chavalada.

Heivos ilustrar o paso 4 da técnica co entreno que me saíu a min hai uns días:

EXEMPLO

  • Cuspir pola semana en que oito mulleres perderon a vida por violencia machista, cuspir por todas as semanas que viñeron antes, polos políticos disfrazados de progresitas que recortan fondos e/ou rexeitan propostas de prevención. Por aquelas persoas que defenden sobre o papel a igualdade mentres por acción ou por omisión, en xestos públicos ou privados, contribúen a que a metade da poboación continúe sendo obxecto potencial de violencia e acoso, que contribúe a que continúe en condicións reais de desigualdade, marxinalidade ou invisibilidade.
  • Cuspir por aqueles que manipulan e son manipulados ata o punto de embarcar nunha viaxe sen retorno ao terror. Cuspir polos que reaccionan ante o terror recorrendo á violencia; polos que alentan e difunden o odio xenófobo e a ansia de vinganza sanguenta. Cuspir polos políticos que oficialmente condenan os grupos terroristas mentres os fornecen de armamento fabricado en empresas nas que teñen intereses económicos. Cuspir polos que ridiculizan as propostas de solución ao conflito que non contemplen bombardeos.
  • Cuspir por aqueles que trafican coas vidas dos exiliados. Polas portas que lles pechamos nos nosos cómodos países demócratas occidentais.
  • Cuspir pola situación das mulleres, cuspir polas lapidacións, lategazos e condenas a morte ou cadea que agardan aos disidentes en países cuxos dirixentes manifestan manter estreitos lazos de amizade coas máis altas autoridades do noso. Van pelexar os nosos representantes para que o poeta Ashraf Fayad non sexa executado, por exemplo? Unha de tantas víctimas deste país tan modélico, que na ONU decidiron nomealo líder da comisión de dereitos humanos. Non é un chiste.
  • Cuspir polas voces que se alzan responsabilizando a sociedade civil deses países por non reaccionar con protestas contundentes que atallen os seus males... Cuspir, logo, por aqueles que non entenden que o medo silencia e paraliza. Igual que nos silencia, paraliza e confunde aquí a menor e máis mesquiña escala; e por iso, dúas cuspideiras menores como colofón, relacionadas coa estratexia do medo:
  • Cuspir polo cambio na intención de voto que conseguiu provocar o cacarexado discurso apocalíptico dunha segura nova recesión caso de non gobernar os de sempre, eses mesmos que defenden a capa e espada o sistema económico que orixinou tal recesión, da que ajora nos intentan convencer que saímos cos seus datos macroecómicos na man.
  • Cuspir polas veces que abaixamos a testa e calamos ante abusos, arbitrariedades e inxustizas soamente baixo incertas ameazas veladas de despidos, perda de poder adquisitivo ou dos escasos dereitos laborais que aínda fican en pé... (E aquí autocensúrome. Tempos serán chejados de recuperar a voz. Estade atentos. Bueno, quen queira). Cuspir por todas as ocasións en que nos intentan silenciar facendo valer abuso da autoridade, costumes revenidos devenidos normas, xénero ou presuposta conveniencia xeral.
    Ao final a cuspideira quedou cun aquel de ladaíña atea, en versión señora cabreada, maleducada e pouco feminina, así como vos somos as de esquerda. Quen lea isto e ademais lle engada mentalmente o calificativo “fea”, que saiba que queda inmediatamente integrado na primeira cuspideira.

    E por min máis que sejía, non haberá lotes de refujallos que botar ao abismo de Helm...pra deshidratarse. O que non había era tempo: tiña que voltar pra a casa a fume de caroso, porque son das que concilian cando lles deixan conciliar, que nunca se sabe cando é, ou se é legal, e non dou feito. Amais que ijual me mandaban un jarda por vándala cuspinte, ou un exorcista.

En fin, xentiña, anímovos moito a probar esta nova técnica de entreno depurador. Se tedes aljunha dúbida xa sabedes: aló estarei ao bordo do abismo pola banda de Bens. Prometo non cuspirvos. E ajora a durmire e soñar que non chove e que persejides orcos moi moi pequenos e covardes.





17 de out. de 2015

EN QUE PENSO CANDO DEVEZO POR CORRER

Na miña casa somos desestruturados. Por definición, por comportamento e sobre todo por un pé.

Por definición, porque as familias monomarentais entramos nesa estupenda catejoría, a desestruturasión, que manexan os profesionais en encasillar ajrupasións humanas. Aínda que máis ca casilla, antóllaseme pavillón con cabida para todo tipo de xentes en risco de exclusión social, disque: xente pobre e/ou doente e/ou drojadita e/ou violenta pero sobre todo divorciada, que estas últimas sómosvos as peores de todo.

Non hai máis ca vernos.
Aquí servidora é paradigmática en comportamento: onte, sen ir máis lonxe, esqueceume a xuntanza de principio de curso no instituto. Que tamén hai que ser moi malísima nai desestruturada do noso señor para que che ocorra tal. Jañas me deron de acusarme aos servizos sociais e as forzas da orde para que me levasen presa ben merecidamente. Máis ca nada, porque hai dez días que a vida reclusa antóllaseme o paraíso. Estábase mellor no cárcere” - “E a min quen me dera uns días no hospital!”

Porque hai dez días desestruturóuseme tamén unha deda. Outra vaca no millo, señores. A maldita deda debeu escordar da maneira máis estúpida. Pero din os médicos que iso non impide levar vida normal.

Vida normal. A xornada da típica familia desestruturada cuxa responsable ten unha deda avariada, un preadolescente pouco dado ao estudo estreándose estrepitosamente no instituto e temporalmente unha anciá con problemas de mobilidade sen cargo aos orzamentos da Moncloa, disía eu que a xornada empeza ás seis e media da mañá e remata aí contra as once da noite. Desas horas a cabeza de familia derrúbase na cama co pé en alto laiándose de dor e tenta ler e soñar outros mundos, caso de que o cativo non chame pedindo aljo. Soñar unha existencia pausada. Espazo e tempo propios. Vida non servil. Fuxir e deitar as chaves no lixo. E ao tempo que tal soña séntese culpable por desexar algo distinto.

Unha peza do Obradoiro Penumbra sobre textos de Cortázar

Pero hai dez días non ocorría isto.

Hai dez días aínda habitaba placidamente a miña desestruturasión familiar. Sobrevoaba cada un dos días coma un reto gozoso. Con orgullo de encadear e mesmo simultanear ducias de tarefas e sacalas adiante eu soíña. E crédeme, hai dez días, por moi liada que chejase a estar, xamais tería esquecido a xuntanza de principio de curso, ese síntoma de que aljo vai francamente fatal. Hoxe a desestrutura ameaza ruína.

Hai dez días, amijos, inda podía correr.

Tempos.

Tempos que voan e volven ser horas de durmire. Ollo de non bater contra o pé da cama: a desestrutura, cando empesa polas dedas, acaba subindo á cabesa e lojo acaba con todo. Díjovolo eu.

* O texto en azul de aí arriba rapineillo a Manuel Rivas

11 de out. de 2015

MEIRASEANDO ou II QUEDADA ONDA O CARLINHOS E O MAI KEL ESCOITAN O VENTO

Primeira fin de semana de setembro, a cita máis ajardada. Correr unhas dusias de quilómetros pola contorna da senda ártabra deixándonos levar no vento mareiro, okupar unha casa en Meirás e comelo e bebelo todo. Planaso.


Foto Blas

O ano pasado, Blas titulara a crónica do evento, servidora subtituláraa e o Jabalí puxera a chicha do relato. Desta ves, entre outros, faltounos o Jabalí: a alejría da festa, o que se ajachaba detrás dos toxos pra saír berrando posuído e espaventarnos; o noso Jabalí andaba polo mundo adiante en misión espesial… Faltando a súa crónica, cumpría unha entrada tamén moi espesial sobre esta II Quedada Onda o Carlinhos e o Mai Kel Escoitan O Vento (maiusculirma, meirandirma).




E como ao final acabamos todos sementados polo céspede en beatitude -peace and love, brother- asolagados nun cóctel de endorfinas postcorrienda (dispensando), beberaxes varias e sol de setembro, e aquilo cheiraba a comuna ippie, que idade pa ipsters non temos, pois díxenlles eu a aqueles peludos do céspede que por favor, desta ves a crónica había de ser coral, comunal, colaborativa, asemblearia, atlántica e oseánica se fasía falta. Ou sexa, que escribisen eles e que me quitasen de traballar, que xa está ben. Que se mollasen. É tempo de embarcar nas palabras, de mollarte de vez en tanto salseiro, disía Xurxo SoutoTempo de meirasear, o verbo que inventou Carlinhos o que escoita o vento en Meirás.




11 dos asistentes cumpriron e meirasearon.

Unha desas persoas, ademais de padeser o papel de anfitrioa, escribiu tan marabillosamente ben que non canso de ler o seu texto:

Loli:

Cada ano cheja o esperado día: “A quedada onde o Charli e o Maikel escoitan o vento”, fermoso nome que inventou Blas (ou foi o Jabalí).  Jústame;  jústame moito xuntarme con esta caterva de pirados do monte e do correr ata o infinito e máis alá.  A compañía é relaxante, refrescante, reedificante, e todos os “res” que me apetezan.  Un dos significados do prefixo “re” é o de “retroceso e volta ao punto de partida”; así que, despois desta reunión (unión= ser un) é dicir, despois de voltar a ser un, outro ano máis, nesta finca preciosa que foi dos meus sogros, retornamos ao punto de partida coma novos. O punto de partida, todos sabemos que é o luns. Cada luns é voltar a empezar pero o luns seguinte á quedada é mellor: máis morriñoso, máis quedo, aínda axitando as ás da quedada; dese voar rasiño sobor dos camiños e mesmo das ondas da Praia.
Eles, estas estrañas aves, voltan a Gándara cansos, e bótanse na herba, beben cervexa, parlotean sobre as pedras, os toxos, a auga, estas cousas que son reais, e deixan que o sol de setembro lles deslumbre os ollos. E eu contémploos con envexa querendo saír a correr nese mesmo momento, e non parar. Calquera día así será… para merecer un lugar nesa quedada, como protagonista non como observadora, fáltame soamente sacudirme un pouco o pó da cotidianidade, e lanzarme media horiña cada día a voar polos camiños.
Graciñas meus pola fermosa compañía, e polo soño que me nace de botar a correr calquera día…

Loli: queres ser a miña nejra? Quer disir, que ti escribes e fasemos coma quen fun eu, por favor, Loli.

Cos textos dos demais, con permiso, imos faser un experimento. Titúlase así:
Pero...Isto é deporte?

Marcamos en azul o léxico relasionado co running
en vermello o que teña que ver coa paparota:

Carlinhos da Jandra:
Nada Rosinha, que para a próxima imos traer mais cervexas......como prestan cando a compaña e a do sábado…ah! e temos que ir todos dar un baño ao rematar a andaina-carreira, así logo chegamos con sede e fame. A verdade é que dá gusto amañar estas quedadas cando logo ves que a xente o pasa en grande.....como se nos coñeceramos de sempre.....Paixón montuna-mareira en Meirás !!! O ano próximo voltaremos Meirasear. Lumeeeeee

3 vermellos-2 azuis. Inda menos mal. Iso si, empesa forte o rapás, falando do que importa.

Rakel:
Segunda quedada anual de grupo mixto de crazy runners (porque este ano estaba Pablo Mella e xa comprobastes todos que está un pouco crazy...a el gústalle que llo digan así...seguro!) e camiñantes daquela maneira, que menos eu o resto erades todos máis corredores que andarines...jejeje
Eu ía camiñar máis que correr e acabei ao revés...cando anda Blas polo medio é o que pasa...;) iso, ou tiñamos presa polas cervezas, non o teño claro...
Total, chegamos os dous grupos case ao mesmo tempo e empezou o que realmente dexesabamos todos...o churrasquito e a cuchipandi, que foi moito máis longa que a sudada...jejejej...con sesión de tarde das de antes...bartola, chupitos, charleta....
O único malo que tivemos un cativo que non o pasou tan ben...quen será? e un lesionado... ámbolos dous moito mellor xa!!
Diazo de sol, xente variopinta, pero toda guai...comilona e bebidas espirituosas...resultado final= xornada antiestrés garantizada!!! sempre pensando en repetir!!
Ahhhh...e eric este ano de corpiño presente, q o ano pasado ía dentro da nai...jejeje
Non sei que máis dicir, aparte de que sempre son éxitos as quedadas do Carliños e o Blas...obxectivamente ehhh...;

 8 vermellos-4 azuis. Rakeliña, vas chivada aos teus alumnos.



Blanca:
Pois a verdade é que o día pintaba ben. A noite anterior fumos de cea cuns amigos e entre que lle dei duramente ao treixadura e que dende que quedei embarazada non bebera, fixen unha boa, así que me levantei cun resacón tremendo. Despois de saúdos, bicos e deixar a Luís cos dous peques, empezamos. Teño gañas, aínda coa resaca, xa que en dúas semanas vou á Xtrem facer o que poida. A verdade é que xa de primeiras, vendo o grupo, e sen coñecer algúns, vexo que vou ir bastante afogadiña; farei o que poida.  Comezamos a bo ritmo, Nacho e eu imos daquela maneira, ata que nunha baixada Iago fai un esguince. Ten mala pinta. Nacho e eu decidimos acompañalo ao coche, así que aproveitamos para falar do humano e do divino. Despois de deixar a Iago poñémonos a correr para atopar o grupo en cabeza. Unha vez unificados facemos parón para baño reparador. E xa nos restan 3 km para chegar ao churrasquiño.
Atopo a Ian xogando, enfurruñándose e rindo a ratos, e a Martín facendo de mediador profesional, unha marabilla de rapaz: xogou con eles e aturounos toda a tarde. E os maiores a zampar e parolear.
Pasámolo pipa os catro e esperando a próxima. Moitas grazas aos anfitrións e organizadores. Vémonos na seguinte.

Ai Blanca, Blanca, moita ansia traes despois do embarazo... 6 vermellos contra 1 azul, e de resaca. Ai Jasús diormío. 
A frase marcada en negriña é licenza amordemadre.


Foto Carlinhos, creo

Martín:
No día a día soio ser unha persoa que gosta de quedar cos amijos de sempre e nunca se me ocurriría ir de festa ou a tomar aljo con alguén que non coñezo, pero cando a cousa se refire a quedar con xente a facer unhas rutas de monte e mandarlle despois un churrasco cambia o conto pois a xente montuna ten un xen especial que a fai conxeniar entre ela. E isto foi o que aconteceu en Valdoviño, unha persoa que coñezo de vista dunha carreira que convida a súa casa a amigos e a amigos de amigos para desfrutar dos fabulosos cantís de Valdoviño (terra que ama e coñece como a palma da súa man) e ensinanos as paraxes máis fermosas destas ribeiras mentres desfrutamos facendo o que nos une e máis nos gosta: CORRER POLO MONTE!!!
E despois de queimar calorías que mellor que degustar unhas boas viandas e facer unha boa sesión de hidratación, xa que como galegos que somos, o importante é xuntarse ao redor dunha mesa (aínda que sexa imaxinaria e estés sapateado na herba) e comer e contar contos e rirse; xa que estas cousas son as que che fan feliz e merecen a pena, pois a pesar de non coñecer a estas persoas, o compartir unha paixón faiche comportarte como se os coñeceras de sempre.
Grazas amig@s polo convite e grazas por unha xornada espectacular.
PD: o mellor o patxarán do Maikel.

10 vermello - 4 azul. Nomear o patxarán son 2 puntos. Esta mocidade vén perdidiña de todo.

Xosé (ou Moncho, non se sabe):
Chegou o dia de ir escoitar o vento donde o fai Carlinhos e Maikel e ala me fun, un cafetiño e saudos os participantes.De esta ves tocou andar e trotar con Blas, Rakel , Fany e a Sra. Rosa +- 20km por a costa artabra con unha boa temperatura, monte, praia e subida Á vela e volta ó punto de partida e reencontro cos que foron correndo. E chegou o momento de recuperar forzas, churrasquiño, verduras, empanadas e larpeiras de casa Moras

 4 vermellos - 2 azuis. 
Si, si... coma se non tiveses catado a birra, Xosé... Mira que aquí abaixo deixo probas que te inculpan:




Antonio:
No mesmo escenario maravilloso do ano pasado (A Costa Artabra e logo a casa de Carliños), variación no cadro de actores co descubrimento dun auténtico "showman": Pablo Mella. Fíxose co protagonismo da función asumindo o papel de actor mais destacado. Imposible non se rir! Impagable.

Antonio pasmou tanto co Mella que nin correu, nin comeu, nin bebeu, seica. É ijual: Pablo Mella conta coma vermello por ir buscar gin tonics ao bar tenda.

Mai Kel:
Éramos poucos pero escollidos!! E ainda así faltaron moit@s. Darlle as gracias a Carlinhos e Blas por todo e o resto por vir, coñecelos millor e pasalo tan ben. E o ano q ven mais e mellor bicos e Apertas a toda a chavalada!!

 Comprobado: Mai Kel é etéreo. Fai ioga, e así. Non corre, levita.




Iago:
Quero amosar públicamente o meu descontento coa organización do evento xa que a pesares de:
- Desbrozar os camiños.
- Facer unha churrascada caralluda con tomates de producción ecolóxica by Mai Kel.
- Ter cervexa cervexa fría en abundancia, chupitos de demais beberaxes de alta octanaxe.
- Poñer a piscina e servizo de garda para os nenos. 
NON QUITARON AS PEDRAS NA BAIXADA DO PICO DE VELA.........A QUEN SE LLE OCORRE.
E claro, alí xusto foi meu peíño, cheo de inocencia a pousarse onde non debía ca súa correspondente escordadura de nocello no KM3.
Agora xa en serio.....agradecer a Carlinhos, Maikel e a todos os que botaron unha man para que pasaramos un día caralludo en Meirás

 Todo vermello. Non hai coma unha lesión para botarse á mala vida.

Luis o da Cámara:
O ano pasado fun correr e non comer, este ano tocaba do revés, coidar dos ananos e esperar os que corrían para encher o bandullo. E así foi, non se fixo esperar moito, comín como si houbese gatuñado polos montes igual que o resto... Chouriciños, churrasquiño, pataquiñas, champiñonsciños, todo chupando as dedas e regandoo ben con 1906, de doce nada, e o café sen zucre, que iso e veneno....que mais se pode pedir... a compaña do resto de traileros para ter unha tarde estupenda por onde o maikel e o carlinhos escoitan o vento

O Luis desde que fai crossfit é tan flexible que en ves de dos dedos, chupa as dedas. Tamén é paleolítico, ou paleófago, ou aljo. E o pequeno, o Eric, quere papar as follas das árbores pero non lle deixan, iso que non levan zucre. Eu deixei ao meu fillo ao coidado de Luis. Ás veses síntome coma se non fose todo o boa nai que debería, non sei.

Nacho:
Banda sonora: ""perfect day"" de Lou Reed.
Un dia perfecto. Boa compaña para conversar, correr, bañarse, reír, comer, beber...vivir!!
Desfrutar da natureza e de xente xenerosa, que adica parte do seu tempo para que os demais o pasemos ben e abren as portas da súa casa. Moi grandes!! Grazas!!
Un pero: a lesión de Iago, pero é forte e de seguro que estará nos Lagos, desfrutando como un bo CAStrón.
Non estou moi inspirado pero a verdade é q desfrutei moitisimo todo o dia. Esa comida free escampaos, o bañote post carreira, as conversas...a perfect day!

 3 a 1, Nacho... E a banda sonora perfecta




Despois disto, diredes: Meirasear é deporte?
Eu que sei, prejuntádello ao vento.

PD: A min non me contar os vermellos da introdusión, que vos mando pra a cama sen cear.







22 de set. de 2015

A CARREIRA POLA DESINFORMACIÓN

Almorzando con La Voz de Galicia atrajanteime e houben afojar ao ler esta frase sobre La Carrera de la Mujer que se celebrou onte na Coruña:

La organización entregó un cheque de 130.000 euros a la asociación de lucha contra el cáncer.

Despois de semanas rosmando oralmente e por escrito contra o evento, pensei que a hora era chejada de desculparme publicamente por repunante. Porque destas alturas somos bastantes as voces críticas coa Marea Rosa. E un dos argumentos que esgrimimos -ou berramos, chejado o caso-, deixando á parte o paternalismo, a segregación, os eslógans cursis e anacrónicos, a revista de cotilleos da bolsa da corredora, o espírito consumista que destila por todos os poros, etc, etc, etc e moitos etcéteras deses máis, disía eu que un dos piares da nosa disidensia é a opacidade da información que achega a organización sobre a porcentaxe real da recadación que se destina á loita contra o cancro de mama. Disque na edición anterior rondaba o 10%. Desta vez anunciaron a través do mesmo xornal (sponsor oficial do evento) que chegaría ao 20%. E tendo en conta que a carreira vén respaldada por grupos empresariais moi pero que moi fortes, que probablemente abaraten en moito os custos propios deste tipo de carreira (incluíndo o seguro, que teñen aí a DKV como patrocinador), pois digamos que ese 20% seguíanos parecendo insuficiente. Eses 2 euros por cada inscrición.
Inda onte lembraba un ultra no que participei no 2014. Menos de 50 corredores, uns poucos voluntarios e amigos recadaron arredor de 9.000 € para a Federación de Enfermidades Raras e Crónicas. O importe íntegro recadado fora doado directamente. Que querendo ser solidarios, corramos para organizacións sen ánimo de lucro.
Pero carallo! 130.000 euros... Si que afrouxaron o peto os patrocinadores, pensaba eu... Porque de 6000 dorsais sacan 60.000 euros, e o 20% son 12.000, e de aí a doar 130.000 inda vos hai un treitiño.
Aquí aljo non cadraba.
Non.
E collín e escribinlles este correo á orjanisasión (en castelán, que a carreira é a nivel nasional):
Buenos días
En la edición digital de un periódico local he leído esto sobre la Carrera de la Mujer de Coruña: " La organización entregó un cheque de 130.000 euros a la asociación de lucha contra el cáncer". Podrían informarme de si esa aportación proviene únicamente de lo recaudado en la edición de la carrera en Coruña?

A orjanisasión ofreceume como resposta  á miña prejunta este enlace:http://www.carreradelamujer.com/barcelona/articulo/donacion-aecc-barcelona

Que vale, que está a cousa moi interesante e todos podemos caer no autobombo, pero o que é contestar moito non contestaban á miña prejunta inisial. E como son pesada de natural, insistín e escribinlles outro correo, que non hai cousa que máis rabia me dea que me contesten estilo Rajoi. E dixen así:
Muchas gracias por vuestra respuesta tan rápida.
De todas maneras, quizás no me haya explicado bien en el correo anterior. La pregunta es :

El cheque de 130.000 euros que la organización de la Carrera de la Mujer entregó ayer a la Asociación de Lucha contra el Cáncer, procede únicamente de la recaudación de la Carrera de la Mujer de Coruña en la edición de 2015?

Tal como informais en el enlace que me proporcionais amablemente en vuestro correo, habiendo por medio gastos de megafonía, control de chips, etc, etc, y sabiendo que se trataba de 6000 dorsales a 10 euros, resulta difícil interpretar la noticia de la prensa local.

¿Puede tratarse de 130.000 € recaudados en todas las ediciones de la carrera de la mujer que se han celebrado este año en el país?


A resposta da orjanisasión, desta ves sen saúdos nin hostias, que aí creo que xa non lles deía estar caendo eu moi simpática, foi que non hai doazóns rexionais, que se doa á AECC Central, e que a cifra de 130.000 € era para todo o circuíto.
Acabáramos, La Voz de Galicia.
Consultemos logo o número de inscricións do circuito. Trátase dunha estimación feita na casa tomando como referencia o número de inscricións publicadas na páxina web do evento do ano 2015 e multiplicando por 10, o prezo de cada dorsal. Sobre esa cantidade sacamos o 20% que supostamente se dedica á causa solidaria:


INSCRICIÓNS
RECADACIÓN
DOAZÓN
VALENCIA
12000
120000
24000
MADRID
32000
320000
64000
GASTEIZ
6000
60000
12000
GIJÓN
7000
70000
14000
CORUÑA
6000
60000
12000
TOTAL
63000
630000
126000


Así cadran mellor as contas. Desambiguación e tal.
Fixádevos na foto do enlace anterior, do cheque xigante... e prejuntémonos se en cada sede da carreira sacan un cartelote así sumando as doazóns desa carreira e de todas as anteriores. E se en cada ocasión a prensa local que esponsoriza o evento deixa caer a cifra sen desagregar nin especificar nin farrapo de jaita. E a parroquia claro, rendida aos seus pés.


Quen disides que jaña hoxe? Foto de aquí

Así a todo, quedan como dios, diso non hai dúbida. Porque ademais o mesmo xornal achejou arredor de 1600 euros como doazón particular. Que ijual cundíanlles máis eses 1600 leuros custeándolles un curso acelerado de ética periodística aos seus xornalistos, un supoñer.
Porque outras das xoias que nos rejalaron estes días no mesmo medio foi:
Esa cita, envuelta en la polémica en los últimos días después de que fuera cuestionada por la concejala de Igualdade, la financian sus patrocinadores y el Ayuntamiento se limita a cerrar las calles y permitir que se haga.
Ao chejar a esta frase non puiden resistir a tentación. Volvín prejuntar. Na Secretaría de Coordinación de Seguridade Cidadá. Velaquí a resposta:
Dende Seguridade Cidadá mobilizáronse efectivos da Policía Local e de Protección Civil para colaborar na seguridade coa organización do evento.
Pero tamén participaron outros servizos do concello como Mobilidade Urbana e Deportes.

Que dijo eu que mobilizar a Policía Local, a Protección Civil, Mobilidade Urbana e Deportes ijual non é sinónimo exacto a "limitarse a cerrar las calles y permitir que se haga", non sei o que opinades. Aljo si que traballaron, anque cartiños non deron. Unha verjoña, que non contribúan economicamente. Pobriños, os empresarios organizadores, maltratados pola corporación municipal. Empresarios que intúo pouco reivindicativos fronte á privatización e aos recortes nos servizos sanitarios. Que ijual cunha xestión da sanidade distinta á que levamos uns anos sufrindo, escusaban achejar esmolas para certas causas. Anque dese xeito quedaban sen publicidade. Májoa deles.


Ajora ben, o meu titular preferido desta temporada, que pasará con gloria á posteridade, é o seguinte:

Ala concejalía de Igualdade del concello de A Coruña no le gusta elcolor rosa

La popular Carrera de la Mujer no obtuvo el visto bueno municipal hasta el lunes. A Igualdade no le gustaban determinados elementos estéticos vinculados a la cita, como el color de la camiseta, el regalo de cosméticos y de una revista femenina
E deberon quedar aliviados redactando o titular. Coruñesas, que saibades que na nova corporación municipal son todos uns caprichosos insolidarios que odian o rosa e que non deixan correr as mulleres. E que o "Hola" é unha revista feminina. É o que máis nos justa ler ás mulleres, o "Hola". Estamos?


Típico grupo de mulleres lendo o "Hola" despois de correr
Foto de carlos Montes, Biblioteca Dixital Hispánica (BN)

E fíxate que este manifesto da Marea Atlántica ao respecto non tivo eco mediático ninjún. O que son as cousas:

A aposta polo deporte feminino

A Marea do Deporte pon especial atención e sensibilidade no mundo do deporte feminino, tantas veces marxinado das políticas públicas e sempre invisibilizado socialmente. É fundamental incorporar as mulleres aos circuitos deportivos da cidade e garantir para elas o goce dos recursos publicos, como un xeito de empoderamento e de exercicio real e práctico da igualdade. E como unha riqueza para a cidade toda.
Desde o noso punto de vista, a sexualización do deporte feminino, a súa limitación a unha serie de valores que en nada teñen relación co deporte (mais co consumo, a moda ou a estética), non axudan en nada a rachar coa discriminación que segue presente no mundo do deporte.
Non sei vós, eu antes antes atlántica ca rosa. E que durma quen poida.


12 de set. de 2015

QUÍTAME DE AÍ ESA ETIQUETA

Tan jrande e profunda repunansia sentín hoxe que tiven que subir correndo ao Monte de San Pedro e perder a conta das voltas que dei por aqueles camiños ata perder os foljos, e inda así non me dá pasado a náusea. Isto non hai endorfinas que o amainen.

Tamén foi fatalidá ver aquela publicasión no feisbuk. E sejir curioseando na fonte de onde fora extraída. Prensa deportiva da máxima difusión. Disque a publicasión periódica que está no cuarto lujar en canto a número de lectores diarios en Españistán, incluíndo a prensa xeneralista (datos non actualizados).

Pois ben, na edisión dixital dese xoio de xornal, deixando á parte os titulares jordos dedicados case exclusivamente ás fazañas masculinas nese jran feirón chamado fúmbol, tamén hai unha etiqueta pequeniña, moi pequeniña, que se chama “mujeres”. Que ben -pensei toda confiada-, sejuro que aquí encontro material para unha nova entrada sobre a xa moi polémica Carrera de la Mujer.

Deille á etiqueta. “mujeres”

Por que o fixen?

Queredes saber o que saíu na pantalla? Tampouco vos quero amarjar o día, corredoras e demais xente de ben. Se tal tende as zapas postas para saír correndo como me pasou a min. Avisadas tades, lojo non vos queixar.




Eí vai. Os titulares e textos extraídos desa jrandísima mostra de xornalismo hipercastrón van en cor caca:


La impresionante ciclista que conquista con su belleza


Impresionante é. Juapa tamén, e moito; en realidade é modelo. Ciclista, o que se di ciclista, non se sabe. Quer disir, a auja do bidón, por que non a bebe? O de botala polo canalillo co maillot aberto, hidrata? E lavar a bici en tanga, aprendeuno naljún centro de alto rendemento? Por que non se lle ve andar na bici? Leva ruedíns?

Mulleres ciclistas deste país, vós, as que deixades a pel adestrando, as que enfrontades a imposibilidade de competir por mor da falta de apoio e de sensibilización, tou falando con vós: sabede que non sendo modelos, e chejando como chejades todas suadas, lixadas, tan tapadas, e inda por riba bebendo a auja do bidón (a quen se lle ocorre)... mulleres ciclistas, non vos queixar se ninjén fala de vós na prensa, habendo impresionantes ciclistas que conquistan por su belleza. Pasade pra a perruquería, feas.

F., la patinadora más atractiva de Sao Paulo


Jran lecsión de cómo subliñar os datos relevantes nun titular. Lojo en letra máis pequena tamén aljo comentan de sete medalas de ouro e outras miudezas. A quen lle interesan?

Así da las noticias A. F, la reportera más sexy de la web

C. and C. es un canal que cuelga vídeos de noticias deportivas contadas por A. F. mientras va mostrando su cuerpazo semidesnudo.

Que dijo eu que ijual é unha técnica para projresaren axeitadamente en aproveitamento de mensaxes audiovisuais o colectivo lector desta publicación que sufra trastorno por déficit de atensión con hiperactividade ou sen ela. Xa lojo pasan aos cadernos Rubio e finalmente á comprensión lectora.

C. R.: la mezcla sublime de belleza y ajedréz

La polaca de 21 años es una prodigia del ajedréz, pero se cansó de ganar torneos y ahora posa para Playboy.

Toma prodigia!!! Ijual se a prodigia xojase ao ajedrez sen til, non cansaba.. Ou ijual, se a  xente da editorial ou da redacción deste xornal soubese escribir “ajedrez” e non “ajedréz”, dijo eu que ijual nos rejalaban outro tipo de noticias. Deixaime soñar que hai outros mundos.

La bella golfista que causa furor en las redes

La joven de 22 años deslumbra con su cuerpo en las Instagram y ya tiene miles de seguidores.

Insisto, non hai nada como unha cobertura seria da actualidade deportiva.


¿Es la explosiva W. N. la esposa más sexy del fútbol?

La esposa del delantero del Milán no deja indiferente a nadie. Revoluciona las redes sociales con las imágenes más sexys.

Antes de ler isto, a miña mente era un páramo. Menos mal que inda nos queda xornalismo do bo,  dese que nos fai meditar, que nos abre novas perspectivas na busca do sentido da vida, do universo e do deporte.


La nueva y sexy sensación del running en 'slow motion'

L. P. es una modelo americana que subió un vídeo a las redes sociales en el que sale haciendo running a cámara superlenta.

Esta ha de ser unha actividade de reforzo dos TDAH de antes xusto antes de pasar aos cadernos Rubio.

¡Olé por la mujer española!

[...] Ser referente en un deporte es algo extraordinario, y ahora a nuestras niñas no les faltan prácticamente en cualquier deporte. Al tiempo, estas mujeres que se han hecho campeonas siguen siendo, ante todo, mujeres. No hay más que ver las espléndidas fotos, realizadas por Félix Valiente. Fotografías plenas de encanto, seducción y coquetería, que muestran a nuestras medallistas en su versión más femenina. Posan como auténticas modelos y gusto da verlas. ¡Olé por la mujer española! Deportista, campeona y guapa.

Para ler o anterior préjase mantilla e peineta. A miña máis rendida admiración ante unha redacción que en pleno ano 2015 nos retrotrae a queles jloriosos NODOS dos anos corenta sobre exhibicións ximnásticas da Sección Feminina da Falange. Olé!




Sabedes unha cousa?

Chejadas a este punto, non me queda outra que darlles a rasón ás  rapasas destoutro titular:

Partido de fútbol femenino terminó en batalla campal

Las jugadoras de E. no soportaron la derrota ante Cotopaxi y las emprendieron contra el árbitro, sus rivales, la hinchada y sus dirigentes

Contra os xornalistos deste medio, contra o seu millón e medio de lectores diarios e contra o mundo emprendíaas eu hoxe se me deixasen. Pa que deixen de etiquetar como "mulleres" eses enlaces que mellor irían ajrupados baixo o conceto [sic] "doentes", "castróns", "babosos", ou similar.

Como vos disía, tiven que saír correndo, e xa que nin as endorfinas nin escribir neste lameiro abonda para arranxar esta desfeita monu-mental, haberá que tomarlle unha caña, ou dúas se son pequenas. Vós tamén tedes permiso para beber e esquecer, hoxe non vos mando durmir como adoito.

Saúde, coidade as lecturas e sobre todo, que non vos etiqueten, mulleres

Foto de Gerda Taro