1 de ago. de 2014

ULTRAS, TRASNOS, TWISTERS, EXTRATERRESTRES



“Un hombre poco práctico es lo que necesita quien está en una situación extrema

Pa min que a frase de aí enriba escribiuna Chesterton para que eu poidese caer da burra algún día, así como  a xente como Jabalí está no mundo para que exista xente coma Quito. Coño, tou citando a Chesterton e ao Jabalí do Sacho así seguido. Cousas veredes.



O caso: o sábado 26 de xullo, acabadiña de chejar a Fisterra medio catatónica e sen asimilar a intensidade das últimas horas vividas, veume a frase á cabesa. A de Chesterton (a de Jabalí tamén mola, non te mosquees, Jabalí). “Un hombre poco práctico es lo que necesita quien está en una situación extrema”, repetíame coma un mantra, e tal. E disíame: pra pouco práctica servidora, de feito virando a desastriño, que me perdo seguido no monte e wikiloqueo fatal. Un home? Un home tou feita xa hai máis de 24 horas, desque fatiguei traballosamente os 53 km das narices correspondentes ás dúas primeiras etapas do Ultratrail Camiño dos Faros (de ajora en diante Ultratrasnada), ás que fun ofresida e cumprín sen choromicar demasiado ostentosamente. E nunha situación extrema ajora mesmo tan varias persoas ás que lles debo moito, entre eles Quito e Jabalí, os da existencia resíproca (de ajora en diante “os resíprocos”), que levan dúas noites sen durmir e case 40 horas de carreira… Ta claro, NECESÍTANME!!!!!!!


Quito. O anxo da garda de todos cantos aló estivemos
Jabalí: o entusiasmo, a forsa, a enerxía contaxiosa
  


















Collín e arrinquei a merda aquela de vestidito rosa que me fai pasar por xente, vestín de misión ultraespesial, mochila de Dora Desbrosadora incluída, collín un mapa que me obsequiaran moi amablemente a véspera na oficina de turismo de Camariñas (ai o wikiloc, cando aprenderei) e saín a correr do albergue rumbo ao mar de Fóra coa firme determinación de percorrer o camiño dos faros en sentido inverso sen parar ata dar cos extremos da Ultratrasnada, e voltar con eles ata Fisterra apoiándoos e animándoos e faséndolles monadas (cantándolles non, que cantar non sei), porque si, porque son home/muller pouco práctico/a e tou en débeda cos pelexos resíprocos eses, que se non cheja a ser polos azos que me fora dando o Jabalí e polos coidados e a atensión do Quito, a boas horas teria eu chejado a Ponteceso o venres e rematado os 53 kms das narices, quen me mandaba. Digo!


Tiñades que verme saír coma una bala na miña misión ultraespesial de home/muller pouco práctico/a, así a fume de caroso e cun aquel talmente aeródinamico, que mesmo paresía que a forsa da gravidade deixara de existir ao meu paso (quen a quere), anque lojo aló na encosta pa subir aos cantís aljo de gravidade si que había, cajonodemo, e daquela xa dei en reptar pero sen desistir no meu empeño de ir animar os jartibles dos 203 km, quen lles mandaba.



E que ben seguín a ruta inversa. Seguina bárbaro, ata que me perdín, era visto. Aidiormío –pensaba eu-, a ver se inda lle vou dar máis traballiño á orjanisasión! Ai como teñan que vir rescatarme daquela si que a liamos, deus non o queira, con todo canto eles levan breado, que nin paraban a durmir, que os trasnos, ademais de obrar milagres de multiplicasión e amplificasión, aínda por riba posúen o don da ultraubicuidade, porque dous días e dúas noites botaron aparecéndose aos corredores en cada encrucillada do camiño transitable ao tráfico, talmente coma as aparisións dos santos, que chejan todos surfeando en pedras, pero eles a mogollón, en coches e furgoneta ultraavitualladora, e todo era enchernos de comida e bebida e animarnos e sacarnos fotos que paresiamos famosos, e ofrecer masaxes e curar pés e vendar e mesmo houbo gaiteiros e todo, e unha noite ata queimada, pero para o público, que os ultras nun ultra non se dan ao bebercio, por favor. Que ben se vive de atleta, así a todo. Que vida tan regalada, caso de parar no km 53 (das narices).

Aparisión ultratrasna retratada por Antonio Amboade

 En fin, aló estaban sempre mirando polos corredores o Traski, Marina, Eloi, Pablo, Bea de Cotelo, Dores, Susana, Conchi, Merce, Ramón, Isabel, Antonio (desculpas anticipadas para os trasnos que non nomeo) Que dicir do equipo ultrasanitario de Marga Sobrido, Eva, Sandra, Marta e Iria, que xa quedaron con sona de milagreiras, tanto e tan ben fixeron (e tan malladitas quedaron)? Que dicir da hospitalidade da encantadora Cristina, a fareira de Vilán, abrindo o faro de madrugada para ofrecer acubillo e viandas a trasnos e corredores, mentres Ramonchu os recibía ao son da súa gaita?


Outra do Adolfo: o milagreiro megaequipo ultrasanitario
Tanto traballo leva pasado toda este xente  pa que ajora veña eu coa trapallada de que me perdín intentando axudar? Era boa!!! Tira millas, calamidá –disíame- que maloserá que non deas chejado ao Rostro. E chejín, pero como andaba perdida, antes de baixar topei cun bar (que magnetismo) rodeado dun prado de margaridas que apareseu alí no medio da nada, coma un soño raro, pero soño non era que ben que entrei e pedín un twister por aquilo da hidratasión, e aínda ajora non me explico o que me ocorreu, que mentres corría e lambía no twister dei en lembrar o vivido talmente como Proust coa madalena, pero en twister. Ijual é que co esforzo dos 53 km das narices quedárame a faltar un mineral e o polo repúxomo e activou as conexións cerebrais, caso de eu telas; sendo así  recoméndovolo como parte fundamental da dieta na supercompensación dun ultra, que a min Marga Sobrido explicoume, cando xa rematara a Ultratrasnada esta, digo que me explicou que a partir de certas distancias en carreira, os efectos sobre o corpiño deixan de ser puramente musculares para comezar a afectar aos órganos vitais, que o saibades, que Marga controla mogollón e fala do seu oficio con auténtica paixón. Non sei o que opinará Marga Sobrido sobre os Twister, pero bueno.



Aínda que tamén pode ser que o efecto Proust viñese dos coloriños do polo ese, que lle dan un aire así como marciano, e foi por iso que lembrei a aparisión a media noite do xoves en Malpica de Jabalí (está en todas, este), Quirina e Palote, que acababan de mudar a roupa e viñan tan preparados e tan pros e tan deslumbrantes que me entraban jañas de prejuntarlles se eran desta galaxia ou viñan á festa, eu veña mirar para eles coma a prima tonta de la aldea, coas miñas mallas decatloneras, as zapas rotas e a palestina hippy. Porque unhas horas antes eses tres non vos eran marcianos, non, que viñan  normalitos de todo, que eu ben que volos vin pola tarde cando nos resibiron as xentes de Fegerec, xentes que parese que quedaron bastante agradecidas pola iniciativa solidaria de Miguel Bernárdez e compañía, que ao final o rapaz foinos liando a todos de tal xeito que conseguimos recadar case o correspondente a 7000 quilómetros entre marcianos e terrícolas e quizais faser un pouquiño máis visible a asociación. O que igual non saben na Fegerec é que máis agradecidos estamos os que corrimos por ter ocasión de enfrontar os nosos retos particulares ao tempo que nos sentimos un pouco menos inútiles e simulamos ser boa xente, pero isto é un segredo, non llelo digades a ninguén.

Xuntanza coa Fegerec

Extraterrestres avistados por Antonio Amboade
 

Todos atentos a Miguel Bernárdez na charla técnica


 De que falaba? Ai diormío. Que dixen de antepenúltimo? Ai si, que corría cara ao Rostro, lambía no twister e lembraba a noite da saída en Malpica… Aló estaban os canarios, altos e espigados coma elfos, que logo habían de levar a primeira posición con moita diferencia durante 150 quilómetros; aló estaba a Belensiña, decidida a cumplir co seu obxectivo dos 100 km e que acabaría fasendo outros 50 máis de propina acompañando a Carlos, un dos poucos elixidos que completarían os 203; aló Priscila, grandísima atleta habitual dos podiums a quen tivera a sorte de coñecer uns días atrás kayakeando; os seus compis, entre eles Ana, Diego e Jana, que formarían con Pris o grupo máis simpático e dicharachero, subindo encostas endiañadas a todo meter e cantando a voz en grito coma unha excursión escolar; Felipe Oza, do CAS, unha auténtica forsa da naturesa, que case no final dos seus 203 aínda tería ganas de andar por aí fasendo piruetas; Xosé, que despois dos seus 80 km, ao día seguinte, despois de tomarlle unhas cañas, aínda se deixaría liar para faser a derradeira etapa… E tantos outros, máis de corenta corredores tomando a saída entre fachos, gaiteiros, trasnos, familiares, veciños e xentes do Fegerec. Chegara o gran día, chegara o momento de demostrar que o soño de Miguel, de Traski, de Quito e demais trasnos podía facerse realidade, e aí estabamos, percorrendo o porto de Malpica debuxando no ar da noite  unha serpe de luz cos nosos frontais.

 

Entre lembranzas alcanzo a praia do Rostro, descálzome e camiño á beira do mar embravecido. Levo unhas dúas horas de camiño. No teléfono dinme que a meirande parte dos corredores están a piques de chegar a ese punto. Parece mentira…penso que mentres algúns deles corrían eu tivera tempo de conducir desde Ponteceso ata Camariñas, bañarme, descansar unha hora pola tarde, visitar o faro Vilán, conducir ata Camelle, tomar os pinchos con que nos agasallou Ramonchu no Meu Lar e coñecer novos trasnos encantadores, subir no coche deles de novo ao faro de madrugada para deixarlle a Pedro o meu frontal, durmir bastantes horas a noite do venres ao sábado, almorzar, pasear preguizosa por Camariñas e conducir ata Fisterra. En todo este tempo, sumado á noite enteira de xoves a venres, había sete persoas que non pararan de correr… Sentín vertixe, sentín medo por eles, e moita admiración, e o desexo profundo de que non fraqueasen…Pregunteime cantas paisaxes fermosas terían visto, pregunteime se algún momento da segunda noite puido ser tan máxico como aqueles quilómetros que percorreramos na néboa guiados polos varridos rítmicos da luz do faro Nariga, coma un xigantesco corazón luminoso na noite, e a chegada á base do faro coa cúpula iluminada.sentindo que dalgún xeito foramos quen de atravesar o espello e internarnos nun mundo de estraña beleza. Se tan intensas foran as sensacións da primeira noite, que terían vivido eles?



Ao final da praia espero coa sempre agradable trasna Conchi e a campiona de ironman Natalia, que se adiantara ao resto. Van chegando…As caras, os acenos falan de cansazo extremo, de sufrimento e determinación. Están feitos dun material distinto. Síntome privilexiada por vivir con eles estes momentos irrepetibles, emocionantes, e son consciente de que debo atesourar cada intre, cada imaxe, cada frase, que debo gravalos para revivilos no recordo cando isto remate.



No atardecer, camiño a Fisterra, procurei ser boa compaña…procurei animar, entreter, dar conversa ou simplemente estar aí…O pouquiño que poida ter axudado, con todo, non é nada en comparación co que me levo. Velos reagruparse no outeiro, vestir todos as camisetas amarelas, entrar xuntos, percorrer o pasillo de amigos, familiares e xente Fegerec, os aplausos, as aclamacións, as apertas, os bicos, as bágoas de emoción desbordada… Esas bágoas que non nos abandonaron durante días aos que dun xeito ou doutro abandonamos rutinas para embarcarnos nesta tolemia, nesta trasnada, neste soño solidario…Porque quizais o Camiño dos Faros exista para os trasnos, raros e únicos fuxirmos no outro lado do espello






E xa mo paresía que había de dar en escribir cursiladas, que pa min que vou maior, cajonodemo. Máis me valía arranxar un pouquiño a casa, que ta todo  manja por ombro, e deixarme das lerias estas do blog. Tamén hai que ser ben  pouco práctica/o. Veña, inde por aí lamber nun twister ou naljo e non me fajades moito caso. Iso si, se algún día vos atopades nunha situación extrema... asubiade.

20 de xul. de 2014

TEMPO DE PINDO



A veces siento que el pasado y el futuro se acercan con tanta fuerza por ambos lados que no queda sitio para el presente” - Evelyn Waugh

Coroar a Moa do Pindo por primeira vez e sentir que che falta presente. Acadar un soño instantáneo, plenitudes transitorias. Imaxes magníficas esvaecendo no mesmo intre de seren captadas.

Hei de volver ao Pindo. Hei de volver paseniño recreándome en cada unha das miñas pegadas. Hei de deitarme na Moa sentindo a calor da rocha na pel, hei de deixar vagar a ollada en cada onda da praia de Carnota,  hei de abrazar o Guerreiro, hei de retratarme no Penafiel e intenarme na cova da Xoana. Algún día hei deixar que o tempo se deteña no Pindo.

Daquela lembrarei aquel 12 de xullo en que por fin me atrevín a seguir e estela deses tolos ilusionados por percorrer veloces a paraxe máis inhóspita e magnífica, a mole escura do Pindo; hei de lembrar a alegría de reencontrarme a Carlinhos, Luis, Blanca, Quirina, Palote, Belén, Miguel, Susana, Norris, Guti, Bea, Alberto, Jorge, Jose María e  tantos outros que prenderon nesa cita anual do trail por obra do GMTA. Hei de lembrar a emoción da saída desde o porto, os ánimos do público na praia, o pulso acelerándose na subida, as risas, os suspiros, as queixas, o suor, o vento na cara, o sol cegador na Moa, o frescor da fraga, a incerteza de cada pisada nas baixadas, o reconforto dos avituallamentos, o sentirse minúscula entre abas escarpadas e grandiosa ao presentir próxima a chegada, o solpor na praia, o voar cara á meta levada nos brazos da  brisa.

Hei de lembrar a cea, a festa, os risos con Tito, Olalla e a xente de Pedramar, os excesos dunha noite de lúa e a mañá navegando rumbo ás illas Lobeiras a bordo do María Elena.

Cando volte ao Pindo e o presente escape ao horizonte lembrarei que todos os anos, aló polo mes de xullo, haberá unhas horas máxicas, lixeiras coma un soño, que debemos vivir con urxencia.

Grazas a Galicia Máxica Trail Adventure, á Asociación Pedramar e aos Trasnos por axudarnos a soñar o Pindo.











21 de xuño de 2014

PEQUENOS PECADOS, IMPOSTURAS E TAL - DE NEMIÑA A FISTERRA

Os pequenos pecados son ás veces máis duros de confesar cós  grandes, pero por iso resulta tan importante confesalos

E a min, na entrada anterior, quedoume por confesar que na derradeira etapa do Camiño dos Faros, terseira edisión, houbo tres calamidades que de cando en ves fasían coma quen corrían, poñendo a pose para as fotos e esprintando ao chejar a Fisterra á vista dos pelejríns para impresionar. Digo tres porque o cuarto elemento, Roberto, aljo si que correu, que lojo tivo que agardar polos tres desastriños mentres  lle escoitaba as batallas a un espontáneo que se lle acoplou aló na praia de Mar de Fóra e creo que acabaron íntimos de tanto que tivo que esperar e escoitar, meu pobre, e así a todo que tan mal me sentou coñecer a Roberto sen previo aviso, que a boas horas ía eu aparecer toda  desarranxada coas Salomon vellas e rotas e tan fatalmente durmida, deixando en tan pésimo lugar o pavillón das rías altas, se chejo a saber que o señor presidente do CAR MARISQUEIRO, uséase, Roberto, nos ía acompañar á Belensiña, ao Mijel e a servidora nos 27 (¿26?) quilómetros que separan Nemiña de Fisterra pola beiriña do mar.

Foto de Manuel Martínez.  Fasendo como que corremos Belensiña, Miguel, Roberto presidente e servidora

Pero xa tamos adiantando acontecementos, sempre ijual. Évos todo pola ansia de rematar axiña e ir cedo pra a cama, a síndrome monomarental traballadora traballa na casa mais traballa fóra que para publicar calquera merdallada no blog ten que roubarlle horas ao sono, ou a limpar, ou a algo.

Voltemos logo pra a tardiña do sábado 7 de xuño cando despois da visita ao Museo do Mar de Fisterra Miguel me trasmitira entusiasmo, ilusión e gañas polo ultratrailCamiño dos Faros. E nese punto acabouse o lirismo todo, que xa lojo puxemos todos vía ao bar Fin do Camiño (grazas  pola aclaración, Miguel)) e aquilo foi todo unha bacanal de birras, pinchos e música da Traskibanda, que mesmo fixen de gogó, co pouco que a min me gusta bailar, e como non nos chejaba a festa– oh dios mío, haz que sea bueno, pero todavía no”, como disían aqueles de Brideshead - logo cambiamos de póla e na Galería (que mo dixo Miguel), local cunha clara vocasión horror vacui, que decorasión téñenna ata no teito,  e trasnos había a esgalla, fixemos queimada con esconxuro customizado e carallada -dispensando- ata ben entrada a madrugada incluindo unha Dores de lentejuelas e unha Belensiña que non había dios que a recoñecese, toda juapa de minisaia e melena solta, que a verdade é que as cabras coma nós moito jañamos cando nos aderezamos un pouquechín e eu ás veses penso que que raio de necesidade teremos de andar correndo polo monte cheas de merda e feitas un ecce homo (ou mulier, xa nin se sabe, pero bueno), e aínda ao día seguinte mentres corriamos deume por preguntarlle que cal era a Belén de verdade, a aderezada ou a chea de merda, e acabou confesando que sen lugar a dúbidas a chea de merda, e aí xa souben que aquilo era comezo dunha bonita amizade, e a ver como nos vai no Pindo e mais no Ultratrail Camiño dos Faros, que  xa veredes como aínda acabamos máis merdentas. Ai diormío. Quen nos manda.
Traskibanda no Mar de Fóra. Que fotos tan pésimas saco.


Horror vacui na Terraza, pero a queimada sabía a gloria

Anaco de esconxuro customizado


Pois nada, que na derradeira etapa do Camiño dos Faros seica é tradisión despendolarse un pouquechín a véspera e as tradisións son sagradas e aí estabamos nós dándoo todo. Tanto que á mañanciña cando vin a que estaba caendo, unha cortiña de auga raibosa, pouco me faltou para emprender retirada rumbo á Curuña baixo aquel loito de ceo en pos dun alka Seltzer e da miña casiña meu lar para refuxiarme da treboada e dormitar. Pero ao final decidín botarlle branquias ao asuntosoamente os peixes sobreviven ao dioivo, disía Antonio de Padua (que fago eu citando a este?)- e por iso fixen de resaca corasón e planteime no faro de Fisterra –despois de pasar polo porto, comprobar que estaba deserto e lembrar vagamente que Dores xa me avisara ao saír da habitación de que o punto de encontro non era o porto, que era o faro- disposta a loitar contra os elementos, a cefalea a e acidez propias das circunstancias.

E que impostora me sentín cando no autobús oín que polo micrófono nos chamaban “superwomen” a Belén e a min por estar inscritas no ultratrail… Dábanme gañas de erguerme do asento, confesar cantas birras caeran a noite anterior, caer de xeonllos e pedir perdón polos meus pecados, pero calei a boquiña taimadamente, que non todos os días lle chaman a unha superwoman por un micrófono nun autobús cheo de xente. Xente como Joaquinito, un señor de 70 anos que seica un día estaba na súa casa de Laxe, sentiu moito rebumbio, viu unha morea de xente e foi preguntar se lle pasara algún mal a alguén, e cando lle contestaron que eran os trasnos que comezaban a etapa Laxe-Arou, botou andar par deles e acabou bastantes horas máis tarde tomándolle aljo aló en Arou e a familia sen avisar, que Joaquinito é o que ten, que bota a camiñar e non ten parada, que no autobús contounos que xa tiña feito andainas de 60 e 70 quilómetros nun día, que o tiñan que nomear ultrawalker honorario dos Faros, a ver que menos.


Joaquinito e Jesús. Ultras.

E non podedes imaxinar canta falta de sono vou notando… Poño unhas fotos, comento algo e listo, que xa son horas. O caso foi que milagrosamente –natural tratándose de trasnos- xusto ao saírmos de Nemiña escampou,  e daquela corrimos o que puidemos, tendo en conta danos colaterais xerais, rotura de fibras de Miguel, amigdalite e tendinite de Belén e paciencia, moita paciencia do noso señor presidente Roberto; e camiñamos máis do que corrimos, pero cun camiñar daqueles lixeiriño lixeiriño tipo protocinema (como o que lle lin o outro día ao gran guionista Carlos Ares: agora que botan na tele tantas imaxes dos Borbóns vou dicir unha gran verdade: serán o que nos queiramos, pero que tan rápido andaba Alfonso XIII”, moita rasón leva); e xogamos coma cativos deixándonos caer polas dunas, e retratámonos xunto á árbore comepedras, e pelexamos sen cuartel contra as encostas dos cantís, esas antipáticas, e mimetizámonos coas cabras, e vimos un crocodilo descomunal adentrándose ameazante no mar,  e pasamos xunto a un Petón talmente coma o do Xalo, e parolamos, e queixámonos, laiámonos nas baixadas duras, rabuñámonos, suamos, rimos e disfrutamos tanto do camiño que a min particularmente deume moita mágoa cando por fin arribamos a Fisterra. Pasoume deseguida a mágoa, non vos enganedes, en canto vin o ilusionados que estaban os meus compañeiros de ruta, que puñan unha cariña así coma quen nunca viran o mar. E así foi como me entraron moitas gañas de voltar e contárvolo todo, pecados incluídos, que xa o disía Chesterton na cita de aló enriba de todo, que hai que confesalos. E máis nada. A durmir que xa son horas. Mirade un cacho as fotos pero logo a deitarse. E lavade os dentes.

Aquí os tres compañeiros de ruta preparándose para saír en Nemiña
Árbore comebeléns
Aquí en Lires enredando
Isto é claramente vocacional
Xojando ao maraton des sables, mar á parte
Zancada típica do CAR Mariqueiro. Servidora tentado infructuosamente un Pochosalto
Foto do Mijel
O crocodilo
O Petón, talmente. A rocha, quer disir
E o outro con rotura de fibras, que pouca cabesiña, así a todo
Tendón de Aquiles. Ou de Belensiña.
Jrasias Belén por sacarnos tan juapos e felices

15 de xuño de 2014

COUSAS PEQUENAS TORNAN GRANDES

“Hai cousas pequenas que se poden facer grandes”- así retrucara un día o poeta Alexandre Nerium a Peter Hore, vicepresidente do colosal Royal Navy Museum de Porthsmouth, cando estaba a piques de guialo nunha visita ao humilde Museo do Mar de Fisterra. E seica Hore, ao rematar a visita, tivo que darlle a razón. Coma lla demos todos os trasnos que o 7 de xuño acudimos ao museo convocados pola Asociación Camiño dosFaros na xornada previa á derradeira etapa do camiño.




Descubrir os segredos do museo da man de Alexandre foi deixarnos agarimar polas ondas dun océano de lendas e tradicións mergulladas que agroman como escuma coa maxia da súa palabra. “Non son filólogo, nin catedrático. Son un mariñeiro”

Namorado do mar. Delátao o trato esquisito, a  delicadeza no falar, o detalle en cada explicación sobre os termos mariñeiros esquecidos que encontraron refuxio na súa obra poética.


Delátao o sorriso, o brillo da ollada, o aceno de cativo rebuldeiro ao manexar para nós algúns dos obxectos expostos.

“[..] la finalidad principal de la vida humana es la de mirar las cosas como si fuera la primera vez que se ven”. Fixemos nosa a frase de Chesterton e o diminuto museo tornou escenario infinito: fomos seres mariños seguindo estelas de luces; fomos embarcados ao xeito, manexando o truel e debagando a sardiña; fomos mulleres en noites sen lúa facendo soar na praia os cornos de néboa para guiar os barcos dos compañeiros; fomos Charles Darwin nas Galápagos botando o escandallo na pescuda de novas especies…



É certo. Hai cousas pequenas que se poden facer grandes. Soamente hai que querelas, como Nerium quere o mar e o seu museo en Fisterra. Como os trasnos queren cada paisaxe do seu camiño. Como Miguel acariña o seu proxecto dun ultratrailsolidario que dea sentido á nosa querencia por correr distancias longas por camiños pouco transitados, un desexo antigo nel que tras moito tempo dedicado á organización de carreiras, por fin verá cumprido. Despois da visita o museo, paseando polo porto de Fisterra, Miguel comentábame canta ilusión percibira nas xentes da Fegerec ao saber que cada quilómetro percorrido por cada un dos corredores do ultra iría dedicado a eles…pero ao tempo que me retrataba ilusións alleas vin nel un reflexo de Nerium, vinlle o sorriso, o brillo na ollada, o aceno de neno rebuldeiro… Tanto entusiasmo transmitía  que ao momento fun presa desa mesma ilusión. A que imaxino que sentirán as persoas que van doando quilómetros, como Loli ou Cabañés (grazas!!!!) e corredores como Pedro, capaz de mobilizar a toda a comunidade trailera no seu empeño.



Todo comezou nun bar de Malpica cando uns trasnos soñaron con abrir camiño ata Fisterra pola beira do mar… Decididamente, hai cousas pequenas que se poden facer grandes. Soamente hai que querelas.


7 de xuño de 2014

MALDITOS TROLLS - ou de guapas, gregos e trollianos

O outro día mandeivos durmir tando aló no Piornedo, cando (por culpa de Blas, e de Luis o da Cámara) enterrei en bosta os calcetíns. Pois nada, logo pouseillos no coche ao Carlinhos do Souto porque son moi cumpridiña e amiga dos meus amigos e como Carlinhos quería que gañase o equipo de fútbol ese grego que van vestidos de branco e azul,  que mellor que deixarllos como talismán, porque pisar merda (dispensando) disque trae sorte, e tróuxolla, que gañaron os seus, que logo prenderon a tele no Mesón Novo e ben vimos que andaban coma tolos na praza de Catro Camiños, toda chea de bandeiras gregas, e mira que de tan lonxe viñeron para celebrar, pero bueno, tamén nós viñemos aos Ancares afojar e pisar merda e así, por culpa de Blas e de Luis o da Cámara, dispensando 

Bandeira grega. Díxonolo Ezeq, que controla disto

I eu desas horas xa taba feita una acabasión: xúrovos que na cea houben quedar durmida derriba do prato coas sobras de tarta de queixo, que moito me prestou, e por non dar que falar fun pa a cama coma as jaliñas, pobre Anita, que máis lle valía ter un porquiño como compañeiro de cuarto que terme a min, que non lle dei parola ningunha, e aínda por riba non quero imaxinar como debín roncar, pero a pobre da muller non me deu queixa ningunha, que xa é boa sorte, que ao final vai resultar que grazas a pisar merda (dispensando, e por culpa de Blas e de Luis o da Cámara) quedoume condisión de aforada e non suxeita a responsabilidade, talmente como Juanqui, que mesmo lle imitaba eu os andares á mañanciña ao baixar as escaleiras para ir almorzar de tanto como me prendían os cuádriceps pola malleira que –por culpa de Blas e de Luis o da Cámara- levara o sábado, e foi por iso que abdiquei por sorpresa do grupo rápido e decidín irme coa xente da andaina, máis coñecido como grupo das guapas: Edu, servidora, Raquel, Bea, Trini e María

Guapas en tres Bispos. Aquí falta María

De tan guapas e tan listas e tan encantadoras e boa xente como somos, Paco, Pocholo, Damián e Jose non puideron resisitir a tentasión de faser a andaina con nós

Anque bueno, na miña abdicasión foi factor de peso que Trini levase o mesmo modelo de camiseta ca min, porque levando a mesma equipasión teremos que ser equipo, digo eu. Ao final iamos una pléiade de andarinas detrás da camiseta morada da nosa sherpa Raquel, todas felices e juapísimas equipadas de azul, como os gregos eses que ascenderon, e daba gloria mirar para nós, non como a calamidade esa do grupo dos rápidos, que non sendo por Blanca, Susana e Anita, que lle daban algo de prestancia á cousa, eran un grupo feo de carallo (dispensando), todos desconxuntados, aljúns calvos (disimulando co buff), outros peludos e todos con eses pés jrandes de trolls, que que grupo de rápidos nin que farrapo de jaita.

  Manda de trolls doentes, que pouca prestancia

Quitando a Anita, Susana e Blanca, o grupo dos trolls, ademáis de feo e calvo/peludo, caracterízase por seren todos ruíns, mala xente, mal levados, impacientes, pendencieros e desconsiderados.

Velaquí as probas:


Dous exemplares de troll comendo de costas e todo por non compartir

Non esperan ao resto do grupo pa sacar a foto

A típica mesnada de ollada aviesa e esquiva

Quen non cumpra obxectivos queda sen fabada


Aquí xa non sei que disir. Aljo de medo meten,non? 

E tiñades que ver como rifaban dous trolls destes ao chejar ao mediodía por non sei que de quítame de aí eses reagrupamentos ou non sei que dos atallos do carall... ou dos gurús da montaña, que aquilo paresía que ía acabar a ostiazo limpo así en plan escena de O home tranquilo, que daban ganas de apostar e de chamar a un cura, pero ao final non chejou o sangue aos lagos de Burbia, e foi unha mágoa porque prometía estar ben entretida a cousa.

Nada que ver co bo rollito da andaina, todos camiñando á par xuntos coma irmáns:

 Tan compenetrados que hai fotos que paresen dun conxunto tipo a orquestra Panorama ou a París de Noia:
Sempre con tempo para bromas e chascarrillos:
E para recrearse coa beleza do entorno, inmortalizado polo obxectivo do gran Pocholo:


As fotos de antes destas bonitas de Pocholo, ou son de Pocholo, ou de Alberto Morlán ou de Damián ou do Jess, ou Jeff. A ver se non me denunsia nijén.

Quede claro que non teño envexa ningunha dos que son capaces de levar o ritmo troll dous días seguidos e de paparse o dobre de quilómetros cós da andaina no mesmo tempo. Non. Non. Non. Non teño envexa ningunha. Desa xente que, como disía Lewis Carroll, "no es que corriera, sino que parecía como si hubiese inventado una nueva manera de descender veloz y rapidamente [...] le bastaba con apenas apoyar la punta de los dedos para flotar suavemente hacia abajo". Eses condenados trolls que cando acometen as trepadas semellan recitar a Chesterton: "los mortales suben y caen, pero sólo los dioses pueden caerse hacia arriba". Malditos eles. Malditos trolls.

E maldito sexa Luis o da Cámara por argallar a primeira edisión do Ancares Free Trail e por meternos gañas a todos de seguir a tradisión de irlle encher os pés de merda. Moita merda! -dispensando, e a culpa xa sabedes de quen é.