21 de xan. de 2014

BAILAR O MONTE

Quen poidese botar a correr agora mesmo e trazar cos pasos unha historia interminable chea de risos e de música. Quen poidese bailar o monte. Gardar as cervezas na neve e deixarse baixar arrolando, e no camiño turrarlle das orellas ao lobo.


Pero hoxe abonda con saber que queda moita festa. E moito monte por bailar.


5 de xan. de 2014

OS REIS NON EXISTEN E O GRINCH É METEOGHALISIA

“No hay tiempo que perder; el Apocalipsis está muy cerca”*

Ou iso era o que anunciaban na páxina de Meteoghalisia para o sábado 4 de xaneiro: cicloxénese -ou jalerna. Iso os meteorólogos, porque o que anunciaban en Sada, máis concretamente no clube de atletismo, era unha xornada de trail -ou free running, ou manda de tolos silvestres, ou corre Carmela que chove- seguindo o percorrido do CTO aló no Dexo. E digho eu que a apocalipse, ou cicloxénese, ou jalerna, se non é no monte nin é apocalipse nin cicloxénese nin jalerna nin nada de nada.

Foi por iso, e aproveitando a visita da señora Carmiña, que decidín deixar a avoa e neto na casa –iso si que ten perigo-, disfrazarme de runner modalidade tempada invernal, buffs mediante, e achegarme a Mera a botarlle aló unha peza, ou como se diga, que se digo botarlle unha peza é porque cada ves que arranco da casa rumbo ao monte –unha vez superado o obrigado ataque de pánico previo- sinto aquela ilusión de cando era pequena e chegaban as festas de agosto e nos deixaban saír de noite e  bailar diante do palco da música.

Música non había aló en Mera, pero si unha xuntanza de betanceiros, sadenses (sádicos?), ferroláns, coruñeses e un señor de Cabanas, Pontedeume, que pasaba por alí, todos dispostos a meterlle unha palliña no ollo a Meteoghalisia por desaboría.

Foto de J M Lodeiro. Eu non saio porque cheghamos tarde eu e máis outros dous. 
Fernanda, ¿viches? Xa coñecín o teu cuñao  :D

E que ben o fixemos, mimadriña, se mesmo daba ghloria mirar para nós -quitando as pintas-, porque nunca un grupo tan compacto –coma min-, tan ben levado e con tanto compañeirismo fozara naqueles carreiros do Dexo. Aquilo todo foi agardar uns por outros nos puntos estratéxicos, ofrecernos mutuamente bebida, alimentos e huesitos (o prato típico de Cabanas, seica), advertirnos das zonas esvaradías para non enfuciñar de máis, turrar con empeño polos zoupóns arriba nas trepadas enlamadas –a min polo menos fixéronme voar, non sei se por ser pequena ou eles brutos ou por un compendio de circunstancias- e en xeral compartir moita lama, risos, suor, vento, choiva e algho de sarabia, que aí xa foi o máximo, o manto branco así tan jingle bells.

Imaxe rapiñada no facebook do Clube de Atletismo de Sada

Aquí merecen premio todos por completar tan felices eses 18,5 km. Todos menos unha señora pequena que deu en atallar un anaquiño no penúltimo treito, que esa impresentable o que meresía era que a chimpasen ao mar no Seixo Branco.

Señora impresentable. 
O Jabalí responsable da foto tamén sae retratado. 
Ana a betanceira ao fondo


O resto, todos uns fenómenos. Agora que se mo permitides, hei nomear soamente a algúns, sexa por coñecelos mellor ou por cadrar máis tempo no camiño:

- Bea Fariña, porque sendo prácticamente novata nisto de andar por aí correndo, estase atrevendo con auténticas animaladas, apocalipses explosivas incluídas

- O señor Jabalí do Sacho, tamén coñecido como Cibreiro, que desde que se nos fixo hippy (léase con h xorda, “ipi”) e organiza free runnings e declara públicamente que pasa de tempos e de marcas, disía eu que o Jabalí do Sacho, que se lle peta pode alcansar velosidades ultrasónicas, debeu esghotar no Dexo toda a súa reserva de paciencia para aturar o ritmo infame do furgón de cola e divertirse ao mesmo tempo, que ben se lle notaba que mal non o pasaba  J

- E ghran condecorasión para os señores Valdés e Lodeiro polo seu minucioso e extenuante labor de pastoreo humano. Se teño que marcar eu semellantes cambios de ritmo para moverme entre as primeiras e as derradeiras posicións, arre demo se me habían quedar forsas para ofrecer sempre sorrisos, azos, bromas e labor fotográfico, como foi o caso. Que nin nunha mísera foto saquei, cajina, e aghora tou aquí espera que te espera por ver se alghuén as publica no feisbuk e llelas podo roubar para ilustrar esta miasma, pero nada. En fin, xa irei editando a medida que rapiñe imaxes alleas.

Esta acábolla de arrepañar ao Grinch, ou señor Valdés, 
e póñoa porque saio bastante favoresida.
Hai outras que dá medo verme


Permitídeme uns últimos apuntamentos sobre a xornada:

  • Mágoa de baño na praia ao rematar e terceiro tempo con mexilóns de Lorbé. Que menos para selebrar unha apocalipse en condisións. Na próxima non falla.
  • Bea Fariña vai dar moito que falar.
  • Os reis magos non existen. Son Cibreiro, Valdés e Lodeiro.
  • O Grinch é Meteoghalisia.

Veña, deixade internés dunha vez e índeme todos á cabalgata de Reis, eses grandes impostores. E a páxina de Meteoghalisia nin tocala.


*Eu non fun, foi Douglas Adams