“Un hombre poco práctico es lo que necesita quien está en
una situación extrema”
Pa min que a frase de
aí enriba escribiuna Chesterton para que eu poidese caer da burra algún día, así
como a xente como Jabalí está no mundo para que exista xente coma Quito.
Coño, tou citando a Chesterton e ao Jabalí do Sacho así seguido. Cousas
veredes.
O caso: o sábado 26
de xullo, acabadiña de chejar a Fisterra medio catatónica e sen asimilar a
intensidade das últimas horas vividas, veume a frase á cabesa. A de Chesterton
(a de Jabalí tamén mola, non te mosquees, Jabalí). “Un hombre poco práctico es
lo que necesita quien está en una situación extrema”, repetíame coma un mantra,
e tal. E disíame: pra pouco práctica servidora, de feito virando a desastriño,
que me perdo seguido no monte e wikiloqueo fatal. Un home? Un home tou feita xa
hai máis de 24 horas, desque fatiguei traballosamente os 53 km das narices
correspondentes ás dúas primeiras etapas do Ultratrail Camiño dos Faros (de ajora en diante Ultratrasnada),
ás que fun ofresida e cumprín sen choromicar demasiado ostentosamente. E nunha
situación extrema ajora mesmo tan varias persoas ás que lles debo moito, entre
eles Quito e Jabalí, os da existencia resíproca (de ajora en diante “os resíprocos”),
que levan dúas noites sen durmir e case 40 horas de carreira… Ta claro,
NECESÍTANME!!!!!!!
Quito. O anxo da garda de todos cantos aló estivemos |
Jabalí: o entusiasmo, a forsa, a enerxía contaxiosa |
Collín e arrinquei
a merda aquela de vestidito rosa que me fai pasar por xente, vestín de misión ultraespesial, mochila de Dora
Desbrosadora incluída, collín un mapa que me obsequiaran moi amablemente a
véspera na oficina de turismo de Camariñas (ai o wikiloc, cando aprenderei) e
saín a correr do albergue rumbo ao mar de Fóra coa firme determinación de
percorrer o camiño dos faros en sentido inverso sen parar ata dar cos extremos da
Ultratrasnada, e voltar con eles ata Fisterra apoiándoos e animándoos e
faséndolles monadas (cantándolles non, que cantar non sei), porque si, porque
son home/muller pouco práctico/a e tou en débeda cos pelexos resíprocos eses, que
se non cheja a ser polos azos que me fora dando o Jabalí e polos coidados e a atensión do Quito, a boas horas teria eu chejado a Ponteceso o venres e rematado
os 53 kms das narices, quen me mandaba. Digo!
Tiñades que verme
saír coma una bala na miña misión ultraespesial de home/muller pouco práctico/a,
así a fume de caroso e cun aquel talmente
aeródinamico, que mesmo paresía que a forsa da gravidade deixara de existir
ao meu paso (quen a quere), anque lojo aló na encosta pa subir aos cantís aljo
de gravidade si que había, cajonodemo, e daquela xa dei en reptar pero sen
desistir no meu empeño de ir animar os jartibles dos 203 km, quen lles mandaba.
E que ben seguín a
ruta inversa. Seguina bárbaro, ata que me perdín, era visto. Aidiormío –pensaba
eu-, a ver se inda lle vou dar máis traballiño á orjanisasión! Ai como
teñan que vir rescatarme daquela si que a liamos, deus non o queira, con todo
canto eles levan breado, que nin paraban a durmir, que os trasnos, ademais de obrar milagres de multiplicasión e amplificasión,
aínda por riba posúen o don da ultraubicuidade, porque dous días e dúas
noites botaron aparecéndose aos corredores en cada encrucillada do camiño
transitable ao tráfico, talmente coma as
aparisións dos santos, que chejan todos surfeando en pedras, pero eles a
mogollón, en coches e furgoneta ultraavitualladora, e todo era enchernos de
comida e bebida e animarnos e sacarnos fotos que paresiamos famosos, e ofrecer
masaxes e curar pés e vendar e mesmo houbo gaiteiros e todo, e unha noite ata
queimada, pero para o público, que os ultras nun ultra non se dan ao bebercio,
por favor. Que ben se vive de atleta, así a todo. Que vida tan regalada, caso
de parar no km 53 (das narices).
Aparisión ultratrasna retratada por Antonio Amboade |
En fin, aló estaban
sempre mirando polos corredores o Traski,
Marina, Eloi, Pablo, Bea de Cotelo, Dores, Susana, Conchi, Merce, Ramón, Isabel,
Antonio… (desculpas anticipadas
para os trasnos que non nomeo) Que dicir do equipo ultrasanitario de Marga Sobrido, Eva, Sandra, Marta e Iria,
que xa quedaron con sona de milagreiras, tanto e tan ben fixeron (e tan
malladitas quedaron)? Que dicir da hospitalidade da encantadora Cristina, a fareira de Vilán, abrindo o
faro de madrugada para ofrecer acubillo e viandas a trasnos e corredores,
mentres Ramonchu os recibía ao son
da súa gaita?
Outra do Adolfo: o milagreiro megaequipo ultrasanitario |
Tanto traballo leva
pasado toda este xente pa que ajora veña
eu coa trapallada de que me perdín intentando axudar? Era boa!!! Tira millas,
calamidá –disíame- que maloserá que non deas chejado ao Rostro. E chejín, pero como andaba perdida, antes de baixar topei cun
bar (que magnetismo) rodeado dun prado de margaridas que apareseu alí no medio
da nada, coma un soño raro, pero soño non era que ben que entrei e pedín un twister
por aquilo da hidratasión, e aínda ajora non me explico o que me ocorreu, que
mentres corría e lambía no twister dei en lembrar o vivido talmente como Proust coa madalena, pero en twister. Ijual é que co
esforzo dos 53 km
das narices quedárame a faltar un mineral e o polo repúxomo e activou as
conexións cerebrais, caso de eu telas; sendo así recoméndovolo como parte fundamental da dieta
na supercompensación dun ultra, que a min Marga Sobrido explicoume, cando xa
rematara a Ultratrasnada esta, digo que me explicou que a partir de certas
distancias en carreira, os efectos sobre o corpiño deixan de ser puramente
musculares para comezar a afectar aos órganos vitais, que o saibades, que Marga
controla mogollón e fala do seu oficio con auténtica paixón. Non sei o que opinará Marga Sobrido sobre
os Twister, pero bueno.
Aínda que tamén
pode ser que o efecto Proust viñese dos coloriños do polo ese, que lle dan un
aire así como marciano, e foi por iso que lembrei a aparisión a media noite do
xoves en Malpica de Jabalí (está en
todas, este), Quirina e Palote, que acababan de mudar a roupa e
viñan tan preparados e tan pros e tan deslumbrantes que me entraban jañas de prejuntarlles se eran desta galaxia ou
viñan á festa, eu veña mirar para eles coma a prima tonta de la aldea, coas
miñas mallas decatloneras, as zapas rotas e a palestina hippy. Porque unhas
horas antes eses tres non vos eran marcianos, non, que viñan normalitos de todo, que eu ben que volos vin
pola tarde cando nos resibiron as xentes de Fegerec, xentes que parese que quedaron bastante agradecidas pola
iniciativa solidaria de Miguel Bernárdez
e compañía, que ao final o rapaz foinos liando a todos de tal xeito que
conseguimos recadar case o correspondente a 7000 quilómetros entre marcianos e terrícolas
e quizais faser un pouquiño máis visible a asociación. O que igual non saben na
Fegerec é que máis agradecidos
estamos os que corrimos por ter ocasión de enfrontar os nosos retos
particulares ao tempo que nos sentimos un pouco menos inútiles e simulamos ser boa xente, pero isto é un
segredo, non llelo digades a ninguén.
Xuntanza coa Fegerec |
Extraterrestres avistados por Antonio Amboade |
De que falaba? Ai
diormío. Que dixen de antepenúltimo? Ai si, que corría cara ao Rostro, lambía
no twister e lembraba a noite da saída en Malpica… Aló estaban os canarios, altos e espigados coma
elfos, que logo habían de levar a primeira posición con moita diferencia
durante 150 quilómetros; aló estaba a Belensiña,
decidida a cumplir co seu obxectivo dos 100 km e que acabaría fasendo outros 50 máis de
propina acompañando a Carlos, un dos
poucos elixidos que completarían os 203; aló Priscila, grandísima atleta habitual dos podiums a quen tivera a
sorte de coñecer uns días atrás kayakeando; os seus compis, entre eles Ana, Diego e Jana, que formarían con Pris o grupo máis simpático e
dicharachero, subindo encostas endiañadas a todo meter e cantando a voz en
grito coma unha excursión escolar; Felipe
Oza, do CAS, unha auténtica forsa da naturesa, que case no final dos seus
203 aínda tería ganas de andar por aí fasendo piruetas; Xosé, que despois dos seus 80 km, ao día seguinte, despois de tomarlle
unhas cañas, aínda se deixaría liar para faser a derradeira etapa… E tantos
outros, máis de corenta corredores tomando a saída entre fachos, gaiteiros,
trasnos, familiares, veciños e xentes do Fegerec. Chegara o gran día, chegara o
momento de demostrar que o soño de
Miguel, de Traski, de Quito e demais trasnos podía facerse realidade, e aí
estabamos, percorrendo o porto de Malpica debuxando no ar da noite unha serpe de luz cos nosos frontais.
Entre lembranzas alcanzo
a praia do Rostro, descálzome e camiño á beira do mar embravecido. Levo unhas dúas
horas de camiño. No teléfono dinme que a meirande parte dos corredores están a
piques de chegar a ese punto. Parece mentira…penso que mentres algúns deles
corrían eu tivera tempo de conducir desde Ponteceso ata Camariñas, bañarme,
descansar unha hora pola tarde, visitar o faro Vilán, conducir ata Camelle,
tomar os pinchos con que nos agasallou Ramonchu no Meu Lar e coñecer novos
trasnos encantadores, subir no coche deles de novo ao faro de madrugada para
deixarlle a Pedro o meu frontal, durmir bastantes horas a noite do venres ao
sábado, almorzar, pasear preguizosa por Camariñas e conducir ata Fisterra. En todo este tempo, sumado á noite
enteira de xoves a venres, había sete
persoas que non pararan de correr… Sentín vertixe, sentín medo por eles, e
moita admiración, e o desexo profundo de que non fraqueasen…Pregunteime cantas
paisaxes fermosas terían visto, pregunteime se algún momento da segunda noite
puido ser tan máxico como aqueles quilómetros que percorreramos na néboa
guiados polos varridos rítmicos da luz do faro Nariga, coma un xigantesco
corazón luminoso na noite, e a chegada á base do faro coa cúpula iluminada.sentindo
que dalgún xeito foramos quen de
atravesar o espello e internarnos nun mundo de estraña beleza. Se tan
intensas foran as sensacións da primeira noite, que terían vivido eles?
Ao final da praia
espero coa sempre agradable trasna Conchi
e a campiona de ironman Natalia, que
se adiantara ao resto. Van chegando…As caras, os acenos falan de cansazo
extremo, de sufrimento e determinación. Están feitos dun material distinto.
Síntome privilexiada por vivir con eles estes momentos irrepetibles,
emocionantes, e son consciente de que debo atesourar cada intre, cada imaxe,
cada frase, que debo gravalos para revivilos no recordo cando isto remate.
No atardecer,
camiño a Fisterra, procurei ser boa compaña…procurei animar, entreter, dar
conversa ou simplemente estar aí…O pouquiño que poida ter axudado, con todo,
non é nada en comparación co que me levo. Velos reagruparse no outeiro, vestir
todos as camisetas amarelas, entrar xuntos, percorrer o pasillo de amigos,
familiares e xente Fegerec, os aplausos, as aclamacións, as apertas, os bicos,
as bágoas de emoción desbordada… Esas bágoas que non nos abandonaron durante
días aos que dun xeito ou doutro abandonamos rutinas para embarcarnos nesta
tolemia, nesta trasnada, neste soño solidario…Porque quizais o Camiño dos Faros exista para os trasnos, raros e únicos fuxirmos
no outro lado do espello.
E xa mo paresía que había de dar en escribir cursiladas, que pa min que vou maior, cajonodemo.
Máis me valía arranxar un pouquiño a casa, que ta todo manja por ombro, e deixarme das lerias estas do blog. Tamén hai que ser ben pouco práctica/o. Veña, inde por aí lamber nun twister
ou naljo e non me fajades moito caso. Iso si, se algún día vos atopades nunha
situación extrema... asubiade.