24 de feb. de 2013

BENDITA IGNORANCIA

Por fin unha rodada sen molestias!
Despois das sensacions espantosas destas semanas, o sabado, a mingurria de 10 quilometros en cinta a unha media de 5,30 fixome sentir coma se rematase unha maraton nos primeiros postos. Adoro poñerme asi de relativa porque non hai nada mellor ca vivir feliz na propia burremia. Como dicia Einstein, “todos somos moi ignorantes, pero non ignoramos as mesmas cousas”.

Asi que na miña lista de desexos medianamente realistas (medrar e facerme mais nova entran noutra lista distinta) incluirei rematar o trail de Oleiros e o de Gondomar.

San Obi Wan, dame forzas

20 de feb. de 2013

REVISANDO OS DANOS

Revisando os danos

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

Lois Pereiro

 ---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Escasos e prudentes por necesidade…Hoxe foi saír en misión de recoñecemento. Rodaxe curta, tímida, premeditadamente asfáltica, buscando a complicidade do mar como punto de fuga para temores e incertezas.

Hai días en que xa mudar a roupa para correr semella unha impostura… Non importa a experiencia nin as ganas, non importan os quilómetros que leves gravados na memoria; a medida que te vistes sénteste máscara e esperpento… Por sorte conservas un pouso de nena gamberra que te reconcilia co disfraz e coas ganas de festa, e cando ao fin botas a trotar soa un estourido de verbena.

Xorde a dor temida, inoportuna, antipática… Pero non pode co sorriso que levas debuxado, porque sabes que se algún día non poideses correr máis, soñarás o sabor doce destes quilómetros.