20 de feb. de 2013

REVISANDO OS DANOS

Revisando os danos

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

Lois Pereiro

 ---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Escasos e prudentes por necesidade…Hoxe foi saír en misión de recoñecemento. Rodaxe curta, tímida, premeditadamente asfáltica, buscando a complicidade do mar como punto de fuga para temores e incertezas.

Hai días en que xa mudar a roupa para correr semella unha impostura… Non importa a experiencia nin as ganas, non importan os quilómetros que leves gravados na memoria; a medida que te vistes sénteste máscara e esperpento… Por sorte conservas un pouso de nena gamberra que te reconcilia co disfraz e coas ganas de festa, e cando ao fin botas a trotar soa un estourido de verbena.

Xorde a dor temida, inoportuna, antipática… Pero non pode co sorriso que levas debuxado, porque sabes que se algún día non poideses correr máis, soñarás o sabor doce destes quilómetros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario