“A veces siento que el pasado y
el futuro se acercan con tanta fuerza por ambos lados que no queda sitio para
el presente” - Evelyn Waugh
Coroar a Moa do Pindo por
primeira vez e sentir que che falta presente. Acadar un soño instantáneo,
plenitudes transitorias. Imaxes magníficas esvaecendo no mesmo intre de seren
captadas.
Hei de volver ao Pindo. Hei de
volver paseniño recreándome en cada unha das miñas pegadas. Hei de deitarme na
Moa sentindo a calor da rocha na pel, hei de deixar vagar a ollada en cada onda
da praia de Carnota, hei de abrazar o
Guerreiro, hei de retratarme no Penafiel e intenarme na cova da Xoana. Algún
día hei deixar que o tempo se deteña no Pindo.
Daquela lembrarei aquel 12 de
xullo en que por fin me atrevín a seguir e estela deses tolos ilusionados por
percorrer veloces a paraxe máis inhóspita e magnífica, a mole escura do Pindo; hei
de lembrar a alegría de reencontrarme a Carlinhos, Luis, Blanca, Quirina,
Palote, Belén, Miguel, Susana, Norris, Guti, Bea, Alberto, Jorge, Jose María e tantos outros que prenderon nesa cita anual do
trail por obra do GMTA. Hei de lembrar a emoción da saída desde o porto, os
ánimos do público na praia, o pulso acelerándose na subida, as risas, os
suspiros, as queixas, o suor, o vento na cara, o sol cegador na Moa, o frescor
da fraga, a incerteza de cada pisada nas baixadas, o reconforto dos
avituallamentos, o sentirse minúscula entre abas escarpadas e grandiosa ao
presentir próxima a chegada, o solpor na praia, o voar cara á meta levada nos
brazos da brisa.
Hei de lembrar a cea, a festa, os
risos con Tito, Olalla e a xente de Pedramar, os excesos dunha noite de lúa e
a mañá navegando rumbo ás illas Lobeiras a bordo do María Elena.
Cando volte ao Pindo e o presente
escape ao horizonte lembrarei que todos os anos, aló polo mes de xullo, haberá
unhas horas máxicas, lixeiras coma un soño, que debemos vivir con urxencia.
Grazas a Galicia Máxica Trail
Adventure, á Asociación Pedramar e aos Trasnos por axudarnos a soñar o Pindo.