20/07/2014

TEMPO DE PINDO



A veces siento que el pasado y el futuro se acercan con tanta fuerza por ambos lados que no queda sitio para el presente” - Evelyn Waugh

Coroar a Moa do Pindo por primeira vez e sentir que che falta presente. Acadar un soño instantáneo, plenitudes transitorias. Imaxes magníficas esvaecendo no mesmo intre de seren captadas.

Hei de volver ao Pindo. Hei de volver paseniño recreándome en cada unha das miñas pegadas. Hei de deitarme na Moa sentindo a calor da rocha na pel, hei de deixar vagar a ollada en cada onda da praia de Carnota,  hei de abrazar o Guerreiro, hei de retratarme no Penafiel e intenarme na cova da Xoana. Algún día hei deixar que o tempo se deteña no Pindo.

Daquela lembrarei aquel 12 de xullo en que por fin me atrevín a seguir e estela deses tolos ilusionados por percorrer veloces a paraxe máis inhóspita e magnífica, a mole escura do Pindo; hei de lembrar a alegría de reencontrarme a Carlinhos, Luis, Blanca, Quirina, Palote, Belén, Miguel, Susana, Norris, Guti, Bea, Alberto, Jorge, Jose María e  tantos outros que prenderon nesa cita anual do trail por obra do GMTA. Hei de lembrar a emoción da saída desde o porto, os ánimos do público na praia, o pulso acelerándose na subida, as risas, os suspiros, as queixas, o suor, o vento na cara, o sol cegador na Moa, o frescor da fraga, a incerteza de cada pisada nas baixadas, o reconforto dos avituallamentos, o sentirse minúscula entre abas escarpadas e grandiosa ao presentir próxima a chegada, o solpor na praia, o voar cara á meta levada nos brazos da  brisa.

Hei de lembrar a cea, a festa, os risos con Tito, Olalla e a xente de Pedramar, os excesos dunha noite de lúa e a mañá navegando rumbo ás illas Lobeiras a bordo do María Elena.

Cando volte ao Pindo e o presente escape ao horizonte lembrarei que todos os anos, aló polo mes de xullo, haberá unhas horas máxicas, lixeiras coma un soño, que debemos vivir con urxencia.

Grazas a Galicia Máxica Trail Adventure, á Asociación Pedramar e aos Trasnos por axudarnos a soñar o Pindo.