21 de xuño de 2014

PEQUENOS PECADOS, IMPOSTURAS E TAL - DE NEMIÑA A FISTERRA

Os pequenos pecados son ás veces máis duros de confesar cós  grandes, pero por iso resulta tan importante confesalos

E a min, na entrada anterior, quedoume por confesar que na derradeira etapa do Camiño dos Faros, terseira edisión, houbo tres calamidades que de cando en ves fasían coma quen corrían, poñendo a pose para as fotos e esprintando ao chejar a Fisterra á vista dos pelejríns para impresionar. Digo tres porque o cuarto elemento, Roberto, aljo si que correu, que lojo tivo que agardar polos tres desastriños mentres  lle escoitaba as batallas a un espontáneo que se lle acoplou aló na praia de Mar de Fóra e creo que acabaron íntimos de tanto que tivo que esperar e escoitar, meu pobre, e así a todo que tan mal me sentou coñecer a Roberto sen previo aviso, que a boas horas ía eu aparecer toda  desarranxada coas Salomon vellas e rotas e tan fatalmente durmida, deixando en tan pésimo lugar o pavillón das rías altas, se chejo a saber que o señor presidente do CAR MARISQUEIRO, uséase, Roberto, nos ía acompañar á Belensiña, ao Mijel e a servidora nos 27 (¿26?) quilómetros que separan Nemiña de Fisterra pola beiriña do mar.

Foto de Manuel Martínez.  Fasendo como que corremos Belensiña, Miguel, Roberto presidente e servidora

Pero xa tamos adiantando acontecementos, sempre ijual. Évos todo pola ansia de rematar axiña e ir cedo pra a cama, a síndrome monomarental traballadora traballa na casa mais traballa fóra que para publicar calquera merdallada no blog ten que roubarlle horas ao sono, ou a limpar, ou a algo.

Voltemos logo pra a tardiña do sábado 7 de xuño cando despois da visita ao Museo do Mar de Fisterra Miguel me trasmitira entusiasmo, ilusión e gañas polo ultratrailCamiño dos Faros. E nese punto acabouse o lirismo todo, que xa lojo puxemos todos vía ao bar Fin do Camiño (grazas  pola aclaración, Miguel)) e aquilo foi todo unha bacanal de birras, pinchos e música da Traskibanda, que mesmo fixen de gogó, co pouco que a min me gusta bailar, e como non nos chejaba a festa– oh dios mío, haz que sea bueno, pero todavía no”, como disían aqueles de Brideshead - logo cambiamos de póla e na Galería (que mo dixo Miguel), local cunha clara vocasión horror vacui, que decorasión téñenna ata no teito,  e trasnos había a esgalla, fixemos queimada con esconxuro customizado e carallada -dispensando- ata ben entrada a madrugada incluindo unha Dores de lentejuelas e unha Belensiña que non había dios que a recoñecese, toda juapa de minisaia e melena solta, que a verdade é que as cabras coma nós moito jañamos cando nos aderezamos un pouquechín e eu ás veses penso que que raio de necesidade teremos de andar correndo polo monte cheas de merda e feitas un ecce homo (ou mulier, xa nin se sabe, pero bueno), e aínda ao día seguinte mentres corriamos deume por preguntarlle que cal era a Belén de verdade, a aderezada ou a chea de merda, e acabou confesando que sen lugar a dúbidas a chea de merda, e aí xa souben que aquilo era comezo dunha bonita amizade, e a ver como nos vai no Pindo e mais no Ultratrail Camiño dos Faros, que  xa veredes como aínda acabamos máis merdentas. Ai diormío. Quen nos manda.
Traskibanda no Mar de Fóra. Que fotos tan pésimas saco.


Horror vacui na Terraza, pero a queimada sabía a gloria

Anaco de esconxuro customizado


Pois nada, que na derradeira etapa do Camiño dos Faros seica é tradisión despendolarse un pouquechín a véspera e as tradisións son sagradas e aí estabamos nós dándoo todo. Tanto que á mañanciña cando vin a que estaba caendo, unha cortiña de auga raibosa, pouco me faltou para emprender retirada rumbo á Curuña baixo aquel loito de ceo en pos dun alka Seltzer e da miña casiña meu lar para refuxiarme da treboada e dormitar. Pero ao final decidín botarlle branquias ao asuntosoamente os peixes sobreviven ao dioivo, disía Antonio de Padua (que fago eu citando a este?)- e por iso fixen de resaca corasón e planteime no faro de Fisterra –despois de pasar polo porto, comprobar que estaba deserto e lembrar vagamente que Dores xa me avisara ao saír da habitación de que o punto de encontro non era o porto, que era o faro- disposta a loitar contra os elementos, a cefalea a e acidez propias das circunstancias.

E que impostora me sentín cando no autobús oín que polo micrófono nos chamaban “superwomen” a Belén e a min por estar inscritas no ultratrail… Dábanme gañas de erguerme do asento, confesar cantas birras caeran a noite anterior, caer de xeonllos e pedir perdón polos meus pecados, pero calei a boquiña taimadamente, que non todos os días lle chaman a unha superwoman por un micrófono nun autobús cheo de xente. Xente como Joaquinito, un señor de 70 anos que seica un día estaba na súa casa de Laxe, sentiu moito rebumbio, viu unha morea de xente e foi preguntar se lle pasara algún mal a alguén, e cando lle contestaron que eran os trasnos que comezaban a etapa Laxe-Arou, botou andar par deles e acabou bastantes horas máis tarde tomándolle aljo aló en Arou e a familia sen avisar, que Joaquinito é o que ten, que bota a camiñar e non ten parada, que no autobús contounos que xa tiña feito andainas de 60 e 70 quilómetros nun día, que o tiñan que nomear ultrawalker honorario dos Faros, a ver que menos.


Joaquinito e Jesús. Ultras.

E non podedes imaxinar canta falta de sono vou notando… Poño unhas fotos, comento algo e listo, que xa son horas. O caso foi que milagrosamente –natural tratándose de trasnos- xusto ao saírmos de Nemiña escampou,  e daquela corrimos o que puidemos, tendo en conta danos colaterais xerais, rotura de fibras de Miguel, amigdalite e tendinite de Belén e paciencia, moita paciencia do noso señor presidente Roberto; e camiñamos máis do que corrimos, pero cun camiñar daqueles lixeiriño lixeiriño tipo protocinema (como o que lle lin o outro día ao gran guionista Carlos Ares: agora que botan na tele tantas imaxes dos Borbóns vou dicir unha gran verdade: serán o que nos queiramos, pero que tan rápido andaba Alfonso XIII”, moita rasón leva); e xogamos coma cativos deixándonos caer polas dunas, e retratámonos xunto á árbore comepedras, e pelexamos sen cuartel contra as encostas dos cantís, esas antipáticas, e mimetizámonos coas cabras, e vimos un crocodilo descomunal adentrándose ameazante no mar,  e pasamos xunto a un Petón talmente coma o do Xalo, e parolamos, e queixámonos, laiámonos nas baixadas duras, rabuñámonos, suamos, rimos e disfrutamos tanto do camiño que a min particularmente deume moita mágoa cando por fin arribamos a Fisterra. Pasoume deseguida a mágoa, non vos enganedes, en canto vin o ilusionados que estaban os meus compañeiros de ruta, que puñan unha cariña así coma quen nunca viran o mar. E así foi como me entraron moitas gañas de voltar e contárvolo todo, pecados incluídos, que xa o disía Chesterton na cita de aló enriba de todo, que hai que confesalos. E máis nada. A durmir que xa son horas. Mirade un cacho as fotos pero logo a deitarse. E lavade os dentes.

Aquí os tres compañeiros de ruta preparándose para saír en Nemiña
Árbore comebeléns
Aquí en Lires enredando
Isto é claramente vocacional
Xojando ao maraton des sables, mar á parte
Zancada típica do CAR Mariqueiro. Servidora tentado infructuosamente un Pochosalto
Foto do Mijel
O crocodilo
O Petón, talmente. A rocha, quer disir
E o outro con rotura de fibras, que pouca cabesiña, así a todo
Tendón de Aquiles. Ou de Belensiña.
Jrasias Belén por sacarnos tan juapos e felices

Ningún comentario:

Publicar un comentario