“Hai cousas pequenas que se poden facer
grandes”- así retrucara un día o
poeta Alexandre Nerium a Peter Hore,
vicepresidente do colosal Royal Navy Museum de Porthsmouth, cando estaba a
piques de guialo nunha visita ao humilde Museo
do Mar de Fisterra. E seica Hore, ao rematar a visita, tivo que darlle a
razón. Coma lla demos todos os trasnos que o 7 de xuño acudimos ao museo
convocados pola Asociación Camiño dosFaros na xornada previa á derradeira etapa do camiño.
Descubrir
os segredos do museo da man de Alexandre foi deixarnos agarimar polas
ondas dun océano de lendas e tradicións mergulladas que agroman como escuma coa
maxia da súa palabra. “Non son filólogo,
nin catedrático. Son un mariñeiro”
Namorado
do mar. Delátao o trato esquisito, a delicadeza no falar, o detalle en cada
explicación sobre os termos mariñeiros esquecidos que encontraron refuxio na súa
obra poética.
Delátao
o sorriso, o brillo da ollada, o aceno de cativo rebuldeiro ao manexar para nós
algúns dos obxectos expostos.
“[..] la finalidad principal de la vida
humana es la de mirar las cosas como si fuera la primera vez que se ven”. Fixemos nosa a frase de Chesterton e o diminuto museo
tornou escenario infinito: fomos seres mariños seguindo estelas de luces; fomos
embarcados ao xeito, manexando o truel e debagando a sardiña; fomos mulleres en
noites sen lúa facendo soar na praia os cornos de néboa para guiar os barcos
dos compañeiros; fomos Charles Darwin nas Galápagos botando o escandallo na
pescuda de novas especies…
É
certo. Hai cousas pequenas que se poden
facer grandes. Soamente hai que querelas, como Nerium quere o mar e o seu museo en Fisterra. Como os trasnos
queren cada paisaxe do seu camiño. Como Miguel
acariña o seu proxecto dun ultratrailsolidario que dea sentido á nosa querencia por correr distancias longas por
camiños pouco transitados, un desexo antigo nel que tras moito tempo dedicado á
organización de carreiras, por fin verá cumprido. Despois da visita o museo, paseando polo porto de
Fisterra, Miguel comentábame canta ilusión percibira nas xentes da Fegerec ao saber que cada quilómetro percorrido
por cada un dos corredores do ultra iría dedicado a eles…pero ao tempo que me
retrataba ilusións alleas vin nel un reflexo de Nerium, vinlle o sorriso, o brillo na
ollada, o aceno de neno rebuldeiro… Tanto entusiasmo transmitía que ao momento fun presa desa mesma ilusión.
A que imaxino que sentirán as persoas que van doando quilómetros, como Loli ou Cabañés (grazas!!!!) e corredores como Pedro, capaz de mobilizar a toda a
comunidade trailera no seu empeño.
Todo
comezou nun bar de Malpica cando uns trasnos soñaron con abrir camiño ata
Fisterra pola beira do mar… Decididamente, hai
cousas pequenas que se poden facer grandes. Soamente hai que querelas.
Grande Rosiña , bicos
ResponderEliminarGrazas, cabañés! Unha aperta
ResponderEliminar