Cualquiera
que viva un infierno durable o pasajero puede, para enfrentarse a él,
recurrir a la técnica más gratificante de cuantas existen: contarse
un cuento (Amelie Nothomb)
Ás veces soñamos que non chove (Suso Lista)
Aquí
no meu barrio, dependendo da dirección do vento, ás veses
respiramos o aire alcatreante da refinería e/ou da depuradora de
augas residuais de Bens. Refinar e depurar, din, e soa ben, anque
ulir moi ben non ole.
Cando
saio correr, paso o Portiño e vou bordeando a depuradora até chejar
á praia contaminada de Bens, cabo das chemineas. No percorrido vou
centrando a vista no mar, fasendo un exercicio consciente de
abstracción do fedor e da arquitectura industrial da outra beira do
camiño.
Pero
hai un tempo que o aire apodreceu. Inda máis. De un tempo para acó
o aire antóllaseme irrespirable, tan cargado como vén de efluvios
tóxicos. Hoxe sopran ventos de morte, terror, odio, ameazas,
hipocrisía e manipulación.
Cando sentes que estás correndo en Mordor e sopran ventos difíciles,
sería de moito avío reforzar o exercicio consciente de abstracción
da fealdade contándote un conto. O malo que non teño imaxinación.
Quen me dera coma Nothomb, u coma o Lista. Se polo menos fose crente rezaba, pero
como son atea e non teño imaxinación, nin rezo, nin narro: cuspo.
Para depurarme. A ver se me explico:
INSTRUCIÓNS PARA UN ENTRENAMENTO DEPURADOR
1.
Botarse a correr coma perseguida por un exército de orcos, canto
máis tempo mellor
2.
Parar ao pé da depuradora
3.
Pechar os ollos e invocar a Gandalf ata que a balsa da depuradora de
Bens torne o abismo de Helm (si, frikis, xa sei que Helm non está en Mordor, pero é licenza)
4.
Cuspir nel. No abismo. Pero non vale cuspir de calquera xeito. Antes
tendes que visualizar todo aquilo que está empodrecendo o aire:
logo, por cada unha das cousas que vos cheiren mal e que vos doan,
por cada unha das cousas das que vos queredes desprender, indes
xuntando cuspe a modiño a modiño ata formar un bo gargallo, e logo
guindádelo do xeito máis explosivo posible.
Repetir
esta operación tantas veces coma sexa necesario para depurarvos.
5.
Seguir correndo. Ajora os orcos serán poucos e covardes. E seredes
vós quen os persiga.
6. Estirar. Iso sempre, chavalada.
Heivos
ilustrar o paso 4 da técnica co entreno que me saíu a min hai uns
días:
EXEMPLO
- Cuspir pola semana en que oito mulleres perderon a vida por violencia machista, cuspir por todas as semanas que viñeron antes, polos políticos disfrazados de progresitas que recortan fondos e/ou rexeitan propostas de prevención. Por aquelas persoas que defenden sobre o papel a igualdade mentres por acción ou por omisión, en xestos públicos ou privados, contribúen a que a metade da poboación continúe sendo obxecto potencial de violencia e acoso, que contribúe a que continúe en condicións reais de desigualdade, marxinalidade ou invisibilidade.
- Cuspir por aqueles que manipulan e son manipulados ata o punto de embarcar nunha viaxe sen retorno ao terror. Cuspir polos que reaccionan ante o terror recorrendo á violencia; polos que alentan e difunden o odio xenófobo e a ansia de vinganza sanguenta. Cuspir polos políticos que oficialmente condenan os grupos terroristas mentres os fornecen de armamento fabricado en empresas nas que teñen intereses económicos. Cuspir polos que ridiculizan as propostas de solución ao conflito que non contemplen bombardeos.
- Cuspir por aqueles que trafican coas vidas dos exiliados. Polas portas que lles pechamos nos nosos cómodos países demócratas occidentais.
- Cuspir pola situación das mulleres, cuspir polas lapidacións, lategazos e condenas a morte ou cadea que agardan aos disidentes en países cuxos dirixentes manifestan manter estreitos lazos de amizade coas máis altas autoridades do noso. Van pelexar os nosos representantes para que o poeta Ashraf Fayad non sexa executado, por exemplo? Unha de tantas víctimas deste país tan modélico, que na ONU decidiron nomealo líder da comisión de dereitos humanos. Non é un chiste.
- Cuspir polas voces que se alzan responsabilizando a sociedade civil deses países por non reaccionar con protestas contundentes que atallen os seus males... Cuspir, logo, por aqueles que non entenden que o medo silencia e paraliza. Igual que nos silencia, paraliza e confunde aquí a menor e máis mesquiña escala; e por iso, dúas cuspideiras menores como colofón, relacionadas coa estratexia do medo:
- Cuspir polo cambio na intención de voto que conseguiu provocar o cacarexado discurso apocalíptico dunha segura nova recesión caso de non gobernar os de sempre, eses mesmos que defenden a capa e espada o sistema económico que orixinou tal recesión, da que ajora nos intentan convencer que saímos cos seus datos macroecómicos na man.
- Cuspir polas veces que abaixamos a testa e calamos ante abusos, arbitrariedades e inxustizas soamente baixo incertas ameazas veladas de despidos, perda de poder adquisitivo ou dos escasos dereitos laborais que aínda fican en pé... (E aquí autocensúrome. Tempos serán chejados de recuperar a voz. Estade atentos. Bueno, quen queira). Cuspir por todas as ocasións en que nos intentan silenciar facendo valer abuso da autoridade, costumes revenidos devenidos normas, xénero ou presuposta conveniencia xeral.
Ao
final a cuspideira quedou cun aquel de ladaíña atea, en versión
señora cabreada, maleducada e pouco feminina, así como vos
somos as de esquerda. Quen lea isto e ademais lle engada mentalmente
o calificativo “fea”, que saiba que queda inmediatamente
integrado na primeira cuspideira.
E
por min máis que sejía, non haberá lotes de refujallos que botar
ao abismo de Helm...pra deshidratarse. O que non había era tempo:
tiña que voltar pra a casa a fume de caroso, porque son das que
concilian cando lles deixan conciliar, que nunca se sabe cando é,
ou se é legal, e non dou feito. Amais que ijual me mandaban un
jarda por vándala cuspinte, ou un exorcista.
En
fin, xentiña, anímovos moito a probar esta nova técnica de entreno
depurador. Se tedes aljunha dúbida xa sabedes: aló estarei ao bordo do abismo pola banda de Bens. Prometo non
cuspirvos. E ajora a durmire e soñar que non chove e que persejides orcos moi moi
pequenos e covardes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario