26/09/2014

NACHAS' POWER IS BACK - 4: A GHAITEIRA DOS FIORDOS

Sacade a alfombra vermella, que temos convidadas. Tal como prometera hai ben tempo,inauguramos sección informal centrada en mulleres corredoras, e que mellor que deixar paso as súas opinións sobre a galaxia runner. 
Propoñemos un cuestionario base -cuestionario Tasende ímoslle chamar- e deixamos que fagan con el o que lles pete, mesmo patealo, que para iso somos runners.


Autopresentouse como "e de vella, Ghaiteira" a través do foro de Correr en Galicia, pero non me deu a jaña de titular así a entrada porque vimos sendo da mesma quinta e hai que promocionarse. Vella, di ela... Vistes as fotos? O pacto co diaño non sei se o faría en galego ou en noruegués, pero aljo houbo. Catro anos hai que botou a correr e polo que nos conta non hai dúbida de que o fai con cabesiña e determinasión, con sentidiño, tal como reflexiona sobre o peso da educasión, sobre actitudes paternalistas ou sobre a importansia do traballo de base, regalándonos deste xeito pensamentos interesantísimos na súa contribución a este blog. I é que esta vella ghaiteira ten un meigallo no fol, como cantan os de Blues do País. Prestade atensión:


Teño 50 anos , nai dun par de fillos que xa son grandiños ( 22 e 19 anos). Traballo de profesora.

Hai moito tempo que corres? Como foron os teus inicios no mundo do running?
Comecei en agosto de 2010, tiven que deixar de ir a piscina pola alerxia ó cloro, e despois de 8 meses sen facer nada volveron as dores no lombo, e algo había que facer. Correr pareceume algo sinxelo, ademáis estaba de vacacións de verán. Ó principio non pasaba do 3 kilómetros e pesábame o cu. Pouco a pouco comecei a facer 5, logo 7. Digamos que foi unha cuestión de orgullo persoal seguir correndo 3 días á semana ainda que xa se remataran as vacacións.

Que foi o que máis te axudou/motivou para empezar a correr ou para seguir facéndoo?
Verme capaz de facelo, de cumplir pequenos obxectivos. E tamén o moito que me axudaba a descargar o estrés.

Asfalto, trail, triatlón, raid… Que modalidade(s) practicas (ou practicaches)? Cal é a túa preferida? Hai alguna modalidade que non probaches e que che gustaría practicar? Nese caso, por que non?
Sempre asfalto, e unha vez ó ano por area. Nunca me atrevín con outras modalidades, porque creo que acabaría moi mazada físicamente, ademáis de que hai cousas como a bicicleta que teño contraindicadas.

A porcentaxe de inscricións femininas en carreiras segue a ser baixa, tanto en comparación coas inscricións masculinas, como poñéndoa en relación co número de mulleres que practican o running habitualmente. Que cres que pode influír nisto?
Coincido en que hai mais mulleres que corren que as que compiten. Non creo que sexamos menos competitivas. Creo que inflúe mais o rol social e doméstico no que andamos moitas veces metidas. Falo por min, que non estou federerada e non estou en ningún clube. Ó faltar a motivación inmediata de puntuar para o equipo, pode que nunha fin de semana, se hai fillos pequenos ou pais maiores, custe decidirse a ir a unha competición. Tamén creo que hai xente que toma o de correr como o de ir á piscina ou ó ximnasio, é algo que se fai por saúde, ou relax, pero sen caer na conta de que hai esa outra faceta das carreiras poipulares.


Consideras que as mulleres encontran máis dificultades cós homes para desenvolver unha práctica deportiva habitual e/ou para competir?
Depende moito do tipo de traballo, de se tes fillos, e de como se reparta o tempo doméstico coa parella. Tal e como están montadas as cousas, ainda no século XXI en moitos casos recae mais carga de traballo doméstico sobre a muller. E incluso en casos como o meu, onde teño a sorte de que todo sexa equitativo, a educación recibida pesa moito. Parece que nos remorde a conciencia deixar algo sen atender na casa por ir correr unha hora


Nalgún momento sentícheste discriminada persoalmente como corredora polo feito de ser muller?
Non, pero si que vivín algunha situación machista. Desde os que se meten contigo á hora de entrenar dicindo calquera barbaridade, ata o simpático “abuelete veterano” que se che arrima na carreira e se empeña en acompañarte, darte consellos e coidarte.

Consideras útil a práctica de certa discriminación positiva para fomentar o deporte entre as mulleres? Estás a favor da celebración de carreiras populares segregadas por sexo?
Non creo gran cousa na discriminación positiva. As cousas deben irse facendo pouco a pouco e desde a base. Se motivásemos a nenos e nenas para o deporte en igualdade de condicións non pasaría iso. No barrio onde vivo hai varios equipos masculinos de fútbol infantil, onde non se vai poder apuntar unha nena aínda que queira, pero si hai un bo clube de voley, onde a canteira é principalmente de nenas, e iso fai o fecto dominó de que vaian mais nenas. Despois non é de extrañar que de maiores as diferencias se manteñan. O que hai é que traballar desde atrás, non montar discriminacións positivas despois.

Na bolsa da corredora da derradeira Carreira da Muller de Coruña regalaban dous números da revista “Hola” e outro dunha revista de moda. Que opinas ao respecto?
Que se corrían 5000 mulleres, e cada revista vale 2 euros ou por aí, son cartos que ben podían empregarse noutra cousa, coa cantidade de agasallos alternativos que se podían poñer. Para ler o Hola xa está a consulta do dentista...

Se estivese na túa man, hai alguna medida que tomarías para fomentar a participación popular na práctica deportiva en xeral? E a participación feminina en particular?
O mesmo que xa contestei antes. Traballar a canteira

Cal é a túa atleta máis admirada? Por que?
A verdade que son unha ignorante no que se refire a deporte federado e de competición oficial. A veces miro algunha proba na tele, pero entre que a cobertura ó deporte feminino é menor, e entre que tampouco me quedo con nomes (vale, co de Ruth Beitia, si claro, pero pouco mais) , non sabería dicir de ninguén ... Pero sí é ben certo que nas carreiras que teño participado admiro ás corredoras que o levan no sangue, e o fan cunha axilidade e naturalidade que dan envexa da sana... Por exemplo Barca Toba nas dúas últimas edición da Carreira de Carnota

Que momentos foron os máis especiais para ti como corredora?
Poder correr en boa compaña en lugares afastados e exóticos (como o verán pasado en Noruega), e en xeral poder gozar do ambiente de festa e de toma colectiva do asfalto que se vive nalgunhas carreiras, como a Vigo Baiona, ou a San Martiño de Ourense

Máis cousas que nos queiras contar. 
Penso que xa falei de máis. Grazas por esta iniciativa da enquisa, creo que é un xeito de continuar o debate do foro en plan positivo.