10 de set. de 2014

QUEDADA ONDE O CARLINHOS E O MÁIKEL ESCOITAN O VENTO (MEIRÁS)



Así bautizou Blas o evento do sábado 6 de setembro por terras ártabras e así quedoulle. E prohibido abreviar, oístes? Para referirse ao que tal fixemos o outro día entre punta Polanski (sic) e Ponzos cómpre empregar todas e cada unha das verbas, que eiquí, ademais de aparentar ser traileros, ultratraileros, maquis e cabras, sómosvos poetas de casa de fartura –eu polo menos tou botando bandullo de arte maior, como diría Orejudo- e cando titulamos un evento fasémolo ao jrande e deixámonos das mexericadas esas das siglas, por que a ver, que UTMB, nin que CCC, nin que GTP, nin que C3PO nin que R2D2 (¿) nin que farrapo de jaita. Me explico? Quedada onde o Carlinhos e o Máikel escoitan o vento, contra! Un nome con fundamento para pronunciármolo a viva voz, sen avésporas na linjua, e se fai falta repetímolo tres veses, así talmente como Sinué o exipsio marmurando NeferNeferNefer de tanto como lle gorentaba, pero aló de Meirás a un lado.





E como dixo Teresa Moure, “os acontecementos infrecuentes, pola súa propia calidade de alleos ao hábito, de desaforados, de libres de toda convención, merecen sempre atención singular”. Ben falado, Teresa Moure. E mirade, xa me estou quentando, cajonojlorio, que o que tal fixemos o sábado en Meirás tanta atensión sinjular merese que xa nin me cheja o título de Blas así sen máis, que isto pide un aljo... non sei, un subtítulo en condisións. Que menos. Aí o vai:

(TÍTULO)
Quedada onde o Carlinhos e o Máikel escoitan o vento (Meirás) ou…

(SUBTÍTULO)
…De como por primeira ves fomos testemuñas do lixeiro porte de gaselas de Rakeliña e Edu, tiembla, Tamadaba; de como o neno Tomás voou máis de 20 km polas sendas ártabras, que era digno de ver nas baixadas, Felipe, vaite retirando; 
de como Blanca estreou no proceloso mundo do trail o seu pequeno pasaxeiro, ou mellor pasaxeira, e se lle chaman Rosita eu rejálolle unhas zapas como as miñas, prometido; 
de como Bea, a trasna dos piñeirais sombrizos, superou as molestias que arrastraba desde o trail nocturno do Vixiador, GMTA; 
de como percorrendo os cantís de Meirás Nacho debeu escoitar aljo inspirador no vento e decidiu inscribirse na tan esperada proba Ancares 3Trails; 
de como todo este grupo foi obsequiado coa labor de sherpa de Blas, gran montañeiro e compoñedor de títulos; 
de como (e ajora van os pros dos trinta e tantos km) por fin descubrimos o segredo do sorriso esplendoroso de Almudena, que é xogar a perseguir soños e atrapalos ben atrapados así coma quen non quere a cousa co mesmo paso firme e coa mesma alegría con que adoitamos vela alonxarse monte arriba; 
de como comprobamos que o Jabalí e o Felipe non quedaron máis taladrados do habitual despois da intensa experiencia dos 203 km do Camiño dos Faros; 
de como estes  últimos botaron a correr a todo filispín con Luis, Alberto, Xosé, Javier, Ezeq, Paco, Antonio, Iago, Fede, Ramiro, Repoliño, Máikel, Dani, un rapás deljadiño do CAS (vaille quedar, e todo por desmemoriada) e o noso anfitrión Carlinhos de Souto e de como nunca máis se soubo deles, un misterio; 
de como lojo aló nun alto onde cadramos con Almudena apareseu tamén unha manda de nachos suados, cheos de merda e consumidiños de todo e hai que disir que aljo si que lles imitaban na roupa aos nosos, pero non eran eles, que eran zombies e cheiraban a búfalo; 
de como os zombies suados nos pediron retratarse con nós e aceptamos por non faserlles un feo, que diso xa padesía dabondo esa pobre xentiña; 
de como ao chejarmos ao final de percorrido xa foron aparesendo os pros perdidos, que por moito que teimen en declarar trinta e tantos km de ruta, pa min que botaron media mañá foljando na praia, aseaditos como viñan; 
de como nos recibiu a nosa queridísima anfitrioa Loli, cada día máis juapa, e do impresentables que fomos botándonos con aquela ansia ás cervexas frías sen mesura ningunha; 
de como compartimos con ela e cos seus amigos, con Beti, Aroa e María un xantar delicioso no xardín, ou un xantar no xardín das delicias, non sei; 
de como botamos a tarde  rindo e parolando e chejando ao fondo dos asuntos e das botellas, como ben dixo o Máikel, porque como vos disía antes, sómosvos de casa de fartura; 
de como, consecuentemente, tornamos bocoisiños, que ao rematar a velada menos mal que non había que correr máis, que como moito habiamos dar para arrolar monte abaixo empurrándonos cun jarabullo; 
e de como informamos xentilmente aos nosos anfitrións que de ajora en diante, cada primeira fin de semana de setembro, han sufrir unha invasión allea ao hábito e libre de toda convención por parte dunha mesnada desaforada e cheirenta aló na súa casa en Meirás, onde o Carlinhos e o Maikel escoitan o vento.





Aló foi o subtítulo. Máis non escribo porque o corpo do relato xa nolo obsequiou a véspera Jabalí o da avéspora na linjua, non volo perdades, que o deixou niquelado. Un momento, que lle roubo unha foto e xa acabamos. Velaí a vai:




Ningún comentario:

Publicar un comentario