13 de out. de 2014

NACHAS' POWER IS BACK 7 - SUSANA DO COMANDO BOIMORTO

Sacade a alfombra vermella, que temos convidadas. Tal como prometera hai ben tempo,inauguramos sección informal centrada en mulleres corredoras
e que mellor que deixar paso as súas opinións sobre a galaxia runner. Propoñemos un cuestionario base -cuestionario Tasende ímoslle chamar- e deixamos que fagan con el o que lles pete, mesmo patealo, que para iso somos runners.

Tomade nota destes ingredientes que vos digo: 
  • intelixencia
  • vontade de ferro
  • sentido do humor
  • compañeirismo a proba de bomba
  • aptitudes óptimas para o deporte
  • a maior das humildades. 

Ajora collédeos todos e mesturádeos nunha soa persoa. Cal é o resultado?  A nosa Susana, grandísima atleta habitual dos podiums en  trail, canicross e asfalto. Cando conflúen tantas virtudes nunha soa corredora  é obrigado congratularte de tela coñecido, esperar cadrar en moitas con ela e  tentar imitala un pouquechiño, aínda que soamente sexa nunha miguiña de nada; quen nos dera a moitas coma ela! E por suposto, desexarlle que a súa progresión siga tan impresionante...  (Así a todo, e falando entre nós, moita sorte tiveron no Clube Atletismo Boimorto fichando a esta grandísima Susana!)
Léndeme ben lidas e con moita atensión as súas respostas ao cuestionario Tasende, que nelas aprovéitase todo:


 SUSANA DO COMANDO BOIMORTO


Adícome a profesión máis bonita do mundo, ao menos para min, xa que traballo con nenos. Bueno, non tan nenos… Son profesora de ensino secundario (“a de Mates”) no CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto. Teño poucos anos. Uns 37 aniños de idade sentíndonme moitas veces coma una nena e moitas outras como un vexestorio…
Hai moito tempo que corres? Como foron os teus inicios no mundo do running?Eu de nova (máis nova que agora jejejeje), non facía nada de deporte. Nos meus anos mozos de instituto e facultade estudiaba, ía ao cine, paseaba e  pouco máis. Empecei a ir ao ximnasio no ano 2004 e alí coñecín a César, que foi o que me contaxiou o gusto por correr. Ata hai uns anos, participaba en tres ou catro carreiras de asfalto ao ano e adestraba cando me apetecía, que soía ser unha ou dúas veces por semana como máximo. Foi en xaneiro de 2013 cando me enganchei de todo a este mundo.
Que foi o que máis te axudou/motivou para empezar a correr ou para seguir facéndoo?
Pois a verdade é que empecei a correr por probar, pero case todo o que fun descubrindo deste mundo me gustou. A xente que fun coñecendo e os bos momentos que se comparten fixeron que actualmente sexa o que máis me divirte e me enche. Tamén son competitiva no senso de que me gusta ir mellorando tempos e sensacións e iso fai que eu mesma me motive a adestrar para facelo mellor sufrindo menos. A día de hoxe, correr é o que máis me relaxa. Mentres estou a correr, os problemas e as preocupacións desaparecen e son feliz. Pero non soamente me fai ben a nivel mental, senón que a nivel físico síntome mellor, sacando algunha lesión de cando en vez por pasarme de voltas jejejeje…



Asfalto, trail, triatlón, raid… Que modalidade(s) practicas (ou practicaches)? Cal é a túa preferida? Hai algunha modalidade que non probaches e que che gustaría practicar? Nese caso, por que non?
Pois asfalto e trail. O asfalto gústame porque me gusta competir conmigo mesma e mellorar os meus tempos. O trail gústame polo que o rodea, a xente tan estupenda que coñecín, os lugares tan fermosos polos que corres e andas e que tes tempo para falar e intercambiar conversas cos compañeiros, aínda que debería mellorar a miña técnica e perder o medo ás baixadas. Tamén practico canicross e participei xa en varias probas con un dos meus cans (Xaxa), un precioso golden retriever.
Fixen unha vez un duatlón cross e unha marcha de btt, pero a bici non se me da moi ben jejejeje…
O que me gustaría probar? Pois unha carreira de orientación e un raid. E cando aprenda a nadar en condicións, igual me podería plantexar un triatlón, pero agora mesmo non o valoro porque non teño tempo de ir a un curso de natación entre traballo, casa, entrenos,…



A porcentaxe de inscricións femininas en carreiras segue a ser baixa, tanto en comparación coas inscricións masculinas, como poñéndoa en relación co número de mulleres que practican o running habitualmente. Que cres que pode influír nisto?
Pois penso que na maioría dos casos o gran peso da familia segue a recaer na muller. Desgraciadamente vense moitos casos nos que, se algún membro da parella ten que renunciar aos seus hobbies, é a muller a que o fai.

Consideras que as mulleres encontran máis dificultades cós homes para desenvolver unha práctica deportiva habitual e/ou para competir?
Penso que si, pero tamén opino que está na nosa man cambiar isto. Ás veces somos as propias mulleres as que aceptamos isto con normalidade, no lugar de loitar polos nosos dereitos.

Nalgún momento sentícheste discriminada persoalmente como corredora polo feito de ser muller?
Teño que dicir que eu nunca sentín discriminación ningunha por ser muller corredora. É máis, sempre teño a sensación de que os compañeiros varóns me respectan moito. 

Consideras útil a práctica de certa discriminación positiva para fomentar o deporte entre as mulleres? Estás a favor da celebración de carreiras populares segregadas por sexo?
Pois a verdade é que non me gustan nada as carreiras populares segregadas por sexos. Entendo que unha carreira coma a da muller consegue algo moi difícil como é xuntar a miles de mulleres, tanto corredoras habituais coma novas corredoras e andarinas que se estrean neste deporte, que desfrutan dunha xornada de festa todas xuntas. Tamén a causa de loitar contra o cancro de mama me parece moi boa, pero gustaríame que os homes tamén puideran participar da festa e colaborar coa causa. Eles tamén sofren esta enfermidade.

Na bolsa da corredora da derradeira Carreira da Muller de Coruña regalaban dous números da revista “Hola” e outro dunha revista de moda. Que opinas ao respecto?
Pois non me gusta nada. Entendo que serán revistas que patrocinan e colaboran coa proba, pero preferiría que o diñeiro deses exemplares se doara para a loita contra o cancro.

Se estivese na túa man, hai algunha medida que tomarías para fomentar a participación popular na práctica deportiva en xeral? E a participación feminina en particular?
En idade escolar, a educación física debería ocupar un lugar maior do que ocupa actualmente.

En idade adulta, as administracións deberían levar a cabo medidas para facilitar a vida familiar non só coa laboral, senón tamén coa persoal. Nas carreiras, se en todas houbera garderías, isto facilitaría a participación feminina seguro.
E no aspecto económico, o prezo das carreiras debe ser razoable. Non sei se evitando os premios en metálico e outras cousas innecesarias que non afecten ao bo trato ao corredor, as carreiras poderían ter unha inscrición un pouco máis barata e, dende logo, o corredor popular seguiría participando nas mesmas sen dubidalo. 
Cal é a túa atleta máis admirada? Por que?
Non vou dicir ningún nome en particular. Eu admiro a todas as mulleres que se esforzan cada día por conseguir os seus obxectivos, sacando tempo de onde ás veces non o hai. 



Que momentos foron os máis especiais para ti como corredora?
Moitos  momentos foron moi especiais para min. Pero se hei de destacar algúns, serían os seguintes.  Un deles foi cando rematei o UTAC 2013, o meu primeiro ultratrail. Outro moi emotivo foi cando rematei o maratón de montaña MoonRace de Ancares 3Trails no 2013, xa que o clima fixo que se convertera nunha proba durísima que me ensinou que hai que terlle moito respecto á montaña, pero que foi un verdadeiro reto persoal para min. E outro momento que tamén recordo con moito agarimo foi a entrada na praza de María Pita na Maratón Atlántica 2014 pois foron entre tres e catro meses de duro adestramento para conseguir o meu obxectivo (baixar de tres horas e media na proba).

Máis cousas que nos queiras contar Quero darche as grazas a ti, Rosiña, por darme a oportunidade de contar tantas cousas e quero aproveitar para animar a todo o mundo a que faga deporte que é moi bo para a corpo e para a mente.
Como din uns bós amigos: SAÚDE E QUILÓMETROS PARA TODOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario